12 motivos polos que apostar pola economía social en 2019

A economía social é un modelo que ten moitas vantaxes non só a nivel empresarial, senón sobre todo social. Porque pon no centro as persoas e non o capital. Co obxectivo de incidir nas razóns que poden levar as persoas emprendedoras a apostar pola economía social, lanzamos a campaña 12 motivos, un por cada mes do ano.

  1. Xera emprego de calidade, dado que, segundo CEPES, o 80% dos postos de traballo son contratos indefinidos, e tamén favorece a flexibilidade e a conciliación.
  2. É un modelo que empodera as mulleres, xa que lles permite ser socias traballadoras e formar parte da toma de decisións empresariais.
  3. É unha fórmula accesible para o emprendemento da mocidade, grazas ás cooperativas xuvenís e ao traballo en equipo.
  4. É moi versátil, xa que se adapta a todo tipo de actividades, desde a agricultura ás finanzas.
  5. Crea empresas máis resistentes ante crises económicas pola súa política de dotación a reservas.
  6. Prioriza o benestar das persoas e non o lucro, o que favorece unha menor perda de empregos en comparación con outras empresas.
  7. É un modelo que garante a inclusión laboral de persoas en risco de exclusión ou con algún tipo de discapacidade.
  8. Facilita a adaptación das persoas traballadoras aos retos tecnolóxicos e profesionais, dado que é un modelo que inviste en formación.
  9. Son empresas máis fieis ás inquedanzas e demandas dos seus equipos, xa que a toma de decisións corresponde ás mesmas persoas que traballan.
  10. O seu modelo democrático evita a personalización na xestión da empresa e, polo tanto, achega unha estratexia empresarial máis debatida e madurada.
  11. As empresas de economía social desenvolven negocios e sinerxías entre elas, creando unha comunidade que favorece o reforzo de economías locais.
  12. O reparto do capital entre as persoas traballadoras incentiva a figura do emprendedor e crea unha cultura moi beneficiosa para o conxunto da economía, que se volve máis dinámica.

 

Xoves, 21 February, 2019 - 14:30

Compartir