Abre o prazo de presentación de actividades para a 5ª Semana Universitaria da Economía Social 2024

A Red ENUIES, de CIRIEC-España, anuncia a celebración da 5ª Semana Universitaria da Economía Social, que se levará a cabo do 4 ao 14 de marzo de 2024. Serán un total de dez días que se perfilan como un punto de encontro dinámico para o intercambio de ideas entre académicos, investigadores e outros profesionais vinculados á economía social.

Coa participación de 38 universidades e máis de 5000 persoas na súa última edición, este ano espérase que haxa aínda máis actividades, que incluirán conferencias, mesas redondas, obradoiros, exposicións, presentacións de libros ou de resultados de proxectos de investigación ou formacións específicas. As actividades serán tanto presenciais como en liña, facilitando unha ampla participación desde diferentes puntos de España e Iberoamérica.

O último día da Semana Universitaria, o 14 de marzo, dedicarase a unha actividade conxunta da Red ENUIES, CIRIEC e a Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA), pechando deste xeito o evento.

Desde a Red ENUIES animan a todas as estruturas de investigación, centros universitarios e entidades do sector a participar activamente, presentando as súas propostas de actividades ata o vindeiro 14 de febreiro.

Como en edicións anteriores, as persoas que asistan obterán un certificado de participación, polo que é preciso que os organizadores cubran adecuadamente o formulario das actividades programadas en cada centro.

Esta iniciativa chega nun momento crucial, cun crecente recoñecemento global da importancia de modelos económicos alternativos. Organismos como a ONU, a OIT, a OCDE e o Consello Europeo veñen salientando nos últimos anos a relevancia da economía social.

Nesa liña, a Xunta de Galicia vén de aprobar a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores.

Fonte: Obsevatorio Español de la Economía Social

 

Martes, 23 January, 2024 - 18:15

Compartir