A ACI invita a participar na celebración dos 25 anos da identidade cooperativa

A Alianza Cooperativa Internacional (ACI) vai celebrar o 25 aniversario da formulación dos principios cooperativos con dous encontros abertos e en liña, os días 21 e 22 deste mes de setembro. Serán conversas con relatores de cooperativas de todo o mundo, nos que se falará sobre o presente e o futuro desta fórmula empresarial á que hoxendía pertence máis dun 12 % da poboación mundial.

Qué pasou hai 25 anos?

A localidade británica de Manchester acolleu en 1995 o 31 Congreso da Alianza Cooperativa Internacional, unha entidade que nacera en Londres un século antes, en 1895. Nos seus cen anos de historia, a ACI fundada polos coñecidos “pioneiros” de Rochdale tiña xa reformulado os principios cooperativos en dúas ocasións, nos congresos celebrados en Estocolmo en 1988 e en Tokio en 1992.

Pero foi en  Manchester onde eses principios cooperativos se definiron de forma máis completa e definitiva, e onde se engadiu o 7º principio cooperativo, o compromiso coa comunidade.

Os sete principios cooperativos quedaron como segue:

1º Afiliación voluntaria e aberta

2º Control democrático das persoas socias

3º Participación económica das persoas socias

4º Autonomía e independencia

5º Educación, formación e información

6º Cooperación entre cooperativistas

7º Compromiso coa comunidade

Así, cos dous eventos en liña dos vindeiros días 21 e 22 a ACI celebra, en colaboración co Co-operative College UK, o 25 Aniversario da Declaración sobre a Identidade Cooperativa.
 

As citas son as seguintes:

Día 21 de setembro, de 13.00 a 15.00 horas: “Mirando cara atrás para un futuro máis forte e brillante”. Baixo este título desenvolverase unha conversa na que se explorarán os sete principios cooperativos no contexto actual e a súa importancia para afrontar o futuro.

Día 22 de setembro, de 13.00 a 15.00 horas: “O impacto da identidade cooperativa na regulación”. Nesta conversa os e as relatoras falarán sobre a normativa que atinxe ás cooperativas a nivel nacional e internacional.

A ACI quere fomentar o diálogo e o intercambio de ideas entre cooperativas de todo o mundo, e invita a todas as persoas interesadas e participar e mesmo enviar as súas preguntas por adiantado. A través deste link - https://www.co-op.ac.uk/Event/co-operative-conversations- pode consultarse o panel de relatores e descargar o documento conceptual do 25 aniversario.

 

 

Luns, 21 September, 2020 - 13:00 to Martes, 22 September, 2020 - 15:00

Compartir