Agaca e EspazoCoop presentan a II edición de ES-Mentoring Acompañando á Economía Social

Esta semana levouse a cabo o acto de clausura da xornada de presentación da II edición de ES-Mentoring Acompañando á Economía Social, desenvolvida pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop) coa colaboración da Xunta. Unha xornada na que participaron representantes de arredor de 30 entidades de economía social.

Trátase dunha iniciativa que busca apoiar a consolidación das cooperativas e doutras entidades de economía social en situación de crise ou cambio nos seus negocios.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, asistiu ao acto e sinalou que con esta nova convocatoria aspirase a ampliar tanto a rede de mentoras coma o número de entidades mentorizadas.

En concreto, no marco deste programa búscase tecer unha rede colaborativa para que as entidades mentorizadas poidan implantar melloras a partir do coñecemento doutras empresas con éxito e traxectoria ampla nesta fórmula empresarial. Deste xeito, o programa diríxese a negocios que se atopan nun momento de crise ou ben nun proceso de cambio, e que estean interesados en recibir asesoramento sobre como enfocar a situación e poder atopar apoios para mellorar as súas estratexias de negocio.

Entre outras actuacións, celebraranse xornadas de presentación e intercambio de experiencias entre as entidades, campañas de divulgación da economía social e da iniciativa concreta e formación para as persoas mentoras, que realizan o asesoramento. EspazoCoop e Agaca, como entidades con ampla representatividade neste modelo de negocio, encargaranse de realizar a preselección das entidades que se van mentorizar. 

O Goberno galego pretende con este convenio fomentar a consolidación das cooperativas e do resto de entidades da economía social que teñan unha necesidade específica. Trátase de facilitar un asesoramento útil para consolidar un modelo de negocio solidario, que crea emprego de calidade e con arraigo no territorio.

Fonte: Xunta de Galicia

 

 

Xoves, 20 July, 2023 - 08:30

Compartir