Entrevista a Alejandro Costa Fernández, socio traballador da cooperativa Bicicleando

“A bicicleta é unha das mellores alternativas de mobilidade e ocio para calquera persoa”

Hoxe, 19 de abril, Día Mundial da Bicicleta queremos render homenaxe a este medio de transporte cero contaminante, económico e versátil que cada vez está recuperando un maior protagonismo nos nosos desprazamentos. O seu potencial tamén foi visto como unha oportunidade de negocio polos tres socios traballadores da cooperativa Bicicleando que, hai xa catro anos, converteron unha afección nun traballo. Falamos cun deles, Alejandro Costa Fernández.

Como xorde a súa idea de negocio?
Os 3 socios somos amigos da nosa etapa universitaria e compañeiros de excursións pola natureza. Despois de facer unha ruta pola Senda do Oso en bicicleta valoramos a posibilidade de converter esta afección nun traballo durante un curso de autoemprego e plan de empresa ao que asistimos en Cangas do Morrazo en 2013. Nese momento, dous de nós tamén estabamos en paro e sen perspectivas de atopar traballo estable.

Por que optaron por constituírse como cooperativa e non por outra fórmula xurídica?
Sobre todo, foi unha cuestión ética xa que en moi poucos sitios che falaban entón sobre a opción das cooperativas. Incidíase máis na creación dunha sociedade limitada ou comunidade de bens, entre outras fórmulas. Gustábanos a filosofía colaborativa da cooperativa polo que participamos en varios cursos da Rede Eusumo sobre emprendemento cooperativo e traballo en equipo para informarnos e finalmente, foi a nosa opción.

Que tipo de actividades realizan? Cal é a súa época “forte”?
As principais son o aluguer de bicicletas con entrega a domicilio no entorno de Vigo, Pontevedra e O Morrazo; rutas guiadas e hai pouco, comezamos cun curso de formación para aprendizaxe e mobilidade en bicicleta. Temos actividade todo o ano se ben de maio a setembro é a época de maior demanda, con diferenza sobre o inverno.

Tamén colaboran con asociacións locais para fomentar o uso da bici entre os máis novos. Cóntenos sobre isto.
Actualmente somos socios de A Golpe de Pedal de Vigo e, a través deles, colaboramos activamente coas demais asociacións galegas de usuarios de bicicleta. Máis alá da nosa actividade, temos como fin social promover un maior coidado do medio que nos rodea xa que a bicicleta é unha das mellores alternativas de mobilidade e ocio para calquera persoa, desde nenos ata adultos. Ademais os cativos son os usuarios do futuro, poden facer as cidades máis amables e saudables se usan a bicicleta para moverse, coidar a súa saúde e sobre todo, mentres non son maiores de idade, a bicicleta dálles máis autonomía no seu día a día.

Resulta curioso que organicen cursos de adultos para aprender a andar en bici, algo que parece que sabe facer todo o mundo. Teñen moita demanda?
Acabamos de iniciar a formación polo que é pronto para analizar a demanda real, pero é unha boa oportunidade para aquelas persoas que, por un ou outro motivo, non puideron aprender de pequenos. Co curso para adultos teñen a oportunidade de vencer algunhas barreiras sociais e persoais como a vergoña. Experiencias similares noutras partes de España están demostrando que practicamente todo o mundo é capaz de aprender a montar en bici nunhas poucas sesións, con independencia da idade. Cada día vense máis “ciclousuarios” polas nosas cidades polo que, pouco a pouco, as persoas están máis incentivadas a probar a bici.

Si, a bicicleta parece que está vivindo un boom! Que falta por facer nas áreas urbanas para facelas máis accesibles?
A bicicleta sempre estivo e estará ahí xa que é o medio de mobilidade máis versátil e económico que existe. Na película “El ladrón de bicicletas” contan como era a opción máis común para ir ao traballo. O problema foi que, coa aparición do coche, desprazouse da contorna urbana relegándose ao ocio. As cidades máis avanzadas como Copenhague ou Ámsterdam en seguida se decataron do perigosas que se volveran as rúas para os peóns e recuperáronas dándolle prioridade e protección.

As bicis tamén son unha alternativa sostible.
Hoxe en día, o problema da contaminación pon en cuestión o modelo centrado no coche e, xunto cos factores da seguridade para peóns e “ciclousuarios”, o ruído que producen e a cantidade de espazo que ocupan, comézase a pensar en alternativas de mobilidade, non sen moitas dificultades. O que necesita unha cidade con pouco uso da bici é dar seguridade e facilidades para moverse en bicicleta, priorizalas xunto cos peóns sobre o vehículo privado. Deste xeito, pode haber un trasvase de usuarios. É o máis difícil, que as persoas entendamos e interioricemos o enorme impacto que ten movernos en vehículo privado para todo e a necesidade de ir reducindo pouco a pouco o seu uso en favor de peóns e bicicletas.

Unha das súas preocupacións é o respecto pola contorna a través do seu coñecemento directo. Que lles comentan os “ciclousuarios” despois de facer unha ruta con vostedes?
Practicamente non é necesario comentar nada. Chega con que se dean conta das marabillas da natureza que teñen ao seu redor e que non perciben cando van en coche ou que pensen nese impacto ambiental que causamos cada vez que nos desprazamos en vehículo a motor. Non se trata de non usar nunca o coche xa que ás veces é necesario, pero si valorar realmente cando é imprescindible e cando se poderían mover doutro xeito diferente, máis saudable para eles e para a contorna.

Que valores queren transmitir a través destas actividades de contacto coa natureza?
O principal, a necesidade de coidar moito máis a nosa contorna: a saúde das xeracións futuras depende disto.

Cantas rutas teñen deseñadas? Tamén promocionan o Camiño Portugués.
Na nosa zona non hai moitas rutas ben preparadas para a bici. Nós propoñemos unha serie delas aproveitando camiños locais, agrarios e algúns paseos acondicionados para a bici aínda que sería necesario melloralos para que fosen máis cómodos e accesibles para todas as idades. O Camiño Portugués ten varias zonas de dificultade alta só aptas para ciclistas experimentados e en boa forma física polo que propoñemos rutas alternativas en tramos concretos.
O valor natural da área entre Vigo e Pontevedra é enorme; sobre todo na contorna da enseada de San Simón. É unha pena que non se estea aproveitando mellor coa creación dunha boa senda para bicicletas e peóns que permita moverse tanto para o ocio como para desprazarse de vila a vila. Por iso estamos traballando con outras asociacións na procura dunha boa conexión entre Vigo e Pontevedra, unindo Chapela, Redondela, Arcade-Soutomaior e Vilaboa.

Que consello ou como animaría á xente para que saque as bicis do trasteiro sobre todo hoxe, 19 de abril, Día Mundial da Bicicleta?
Primeiro, que a súa saúde, tanto a nivel físico como mental, llo agradecerá en canto collan unha pequena rutina. Segundo, que se van sentir moito máis en contacto coa súa contorna. Terceiro, que a bicicleta está ao alcance de todos, tanto para deporte de élite como para pasear tranquilamente, ir á compra, ao traballo, etc. É altamente versátil. Hoxe en día, coas bicis eléctricas ou de pedaleo asistido xa non hai barreira que non poida superar a bicicleta.
Por último, dende calquera colectivo relacionado coa bicicleta, sempre destacamos a importancia de fomentar o respecto por todos, protexendo os máis sensibles como os peóns e as persoas de mobilidade reducida. A bicicleta ben usada ensínanos a ser máis solidarios e a vivir dunha maneira máis agradable e con menos présas.

 

En datos

Ano de constitución: 2014
Sede: Vilaboa (Pontevedra)
Cadro de persoal: 3 socios traballadores: Iago, Ivana, Alejandro e contratacións eventuais.
Servizos: aluguer de bicicletas, rutas guiadas, formación de aprendizaxe e uso da bicicleta para adultos.
Área de actuación: Vigo-Pontevedra e O Morrazo

Xoves, 19 April, 2018 - 11:00

Compartir