Ana Olveira: “Noutras partes do Estado hai moito interese por abordar procesos de fusión como o de Espazocoop”

Ana Olveira, nova presidenta de Espazocoop

Desde o pasado 5 de xuño, Ana Olveira Blanco (Ribeira 1981) é a nova presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop, entidade na que formou parte do seu Consello Reitor entre xaneiro de 2016 e xuño de 2018. Diplomada en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), na actualidade compaxina o seu traballo como socia de Abeluria, S. Coop. Galega, onde realiza traballos de consultora especializada en economía social, co seu labor como investigadora.
No eido da investigación está adscrita ao Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) e ao grupo de investigación de Dirección Estratéxica, Dirección de Persoas e Dirección Comercial da USC. Entre as súas afeccións máis destacadas, goza da lectura e das visitas á praia acompañada do seu fillo.

 

Cales son os novos retos que toca afrontar por parte da equipa de Espazocoop e tamén por parte da economía social galega?

O equipo escollido o pasado día 5 de xuño pretende continuar co traballo realizado nos tres anos anteriores. De feito, o Consello Reitor mantén a meirande parte dos seus membros e só se produciron dúas novas incorporacións. O obxectivo é consolidar todo o traballo realizado neste anos e así afianzar o camiño que comezou en novembro do 2015 na asemblea fundacional de Espazocoop.

No que se refire á nosa organización, gustaríame diferenciar dous ámbitos: no interno, debemos traballar no fortalecemento das sectoriais da organización e, ao mesmo tempo, seguir desenvolvendo os servizos para a consolidación das entidades sociais e aumentar a base social.

No plano externo, queremos conseguir obxectivos como unha nova Lei de cooperativas, que tería que contar co maior consenso posible. Tamén debemos seguir traballando para que o cooperativismo gañe unha maior visibilidade e que ferramentas como a Lei de contratos se convertan nas ferramentas de apoio e fomento que precisamos no sector.

No conxunto da economía social o maior reto é, sen dúbida, reforzar o Foro pola  Economía Social Galega, ademais de materializar a nosa participación no Consello Económico e Social de Galicia e dotar de máis contido ao Consello Galego de Economía Social. O fortalecemento destes espazos compartidos axudará a seguir afondando na colaboración das diferentes familias que formamos parte da economía social en Galicia.

Que medidas concretas implantará a nova directiva para afrontar estes desafíos?

Para a consolidación da Unión de Cooperativas continuaremos coa creación das sectoriais. Na actualidade contamos cunha sectorial moi consolidada, a de ensino, que engloba a gran maioría dos colexios cooperativos de Galicia. Estamos a traballar na creación e consolidación doutras dúas, que se atopan en diferentes fases de maduración: a de industrias culturais e a de consultoras e asesorías.

No eido político, apostaremos por manter as canles de comunicación e colaboración cos diferentes gobernos -Xunta, concellos e deputacións-, así como cos partidos políticos e demais axentes sociais, para así poder abordar os consensos necesarios.

Que papel desenvolve Espazocoop no impulso e consolidación do cooperativismo en Galicia e resto de España?

Espazocoop estase a consolidar como uns dos axentes dinamizadores do cooperativismo máis importantes de Galicia, do que dá conta o amplo número de actividades desenvolvidas en 2018.

Por exemplo, no relacionado co emprendemento, en 2018 desde a Unión acompañamos 48 grupos promotores formados por case 180 persoas, dos que saíron 21 cooperativas con 58 novas persoas cooperativistas. Realizáronse máis de 100 actividades de divulgación, formación e consolidación, nas que participaron case 1.900 persoas. Creáronse 15 cooperativas escolares, nas que participaron 300 alumnos e alumnas, entre outras accións.

No conxunto do Estado, Espazocoop forma parte da Confederación de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) e da Unión de Cooperativas de Ensino (UECOE). A través delas é como levamos a cabo a nosa incidencia política máis alá de Galicia e tamén onde trasladamos as nosas reivindicacións.

O que si constatamos nestes tres anos é que o proceso de fusión que deu lugar a Espazocoop foi visto e seguido con interese, xa que a dimensión das unións de cooperativas é un reto que se desexa abordar desde diferentes partes do Estado.

Cal é o perfil do equipo técnico e do Consello Reitor de Espazocoop?

Espazocoop conta na actualidade cun gran equipo, tanto no Consello Reitor, que se acaba de elixir, como no equipo técnico. O Consello está formado por nove persoas, que representan gran parte da realidade asociativa da Unión.

Nesta última asemblea decidimos ampliar o número de membros atendendo á maior dimensión da entidade e ás maiores esixencias desde o punto de vista de representación e participación. Gustaríame tamén destacar que o Consello está formado por cinco mulleres e catro homes, o que é un reflexo da realidade do cooperativismo galego, sobre todo o de traballo.

En canto á equipa técnica, tamén son nove as persoas que a compoñen e que están distribuídas nas tres sedes coas que contamos (A Coruña, Santiago e Vigo), pero que realizan tarefas na práctica totalidade do país.

 

Martes, 18 June, 2019 - 11:00

Compartir