Beatriz Mato destacou a fortaleza da economía social en Galicia no ‘Día Internacional do Cooperativismo 2015’

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou o pasado 4 de xullo a  “fortaleza” da economía social en Galicia, onde se manteñen activas máis de 1.200 cooperativas. Así o indicou Beatriz Mato, no acto de celebración do ‘Día Internacional do Cooperativismo 2015’, que tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago, baixo o lema ‘Elixe cooperativo, elixe equidade’. Na súa intervención, explicou que “a economía social busca sempre unha distribución xusta, solidaria e igualitaria do traballo, responsabilidades e beneficios da actividade”, sendo pioneiras “en rachar brechas como a de xénero ou os desequilibrios territoriais”.

A titular de Traballo puxo en valor os datos de crecemento do cooperativismo en Galicia, na que desde 2009 e ata o presente creáronse 358 novas cooperativas en Galicia. En total, lembrou que hai 1.261 activas, das que forman parte 93.000 socios e xeran preto de 21.000 empregos directos. Isto quere dicir que máis do 2% dos ocupados en Galicia están vinculados a esta fórmula de economía social.

Precisamente, a súa importancia no tecido laboral fai que o departamento autonómico siga a traballar para mellorar o marco lexislativo na materia. Despois de que en 2011 modificarase a Lei do Cooperativismo, arestora estase a ultimar o anteproxecto de Lei de Economía Social, un texto consensuado co Consello Galego de Cooperativas e que vai converter a Galicia na primeira autonomía en contar cunha norma deste tipo.

Ademais, estase empezando a elaborar a nova Estratexia Galega de Impulso ao cooperativismo 2016-2020, que vai reforzar a actuación na promoción, reforzo e consolidación da fórmula cooperativa. Na súa elaboración teranse moi en conta as propostas das propias cooperativas e as súas asociacións.

Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano preto dun millón de euros en promover o cooperativismo xuvenil (a creación de cooperativas nas que a maioría dos seus membros sexan mozos) a través de dúas ordes que se inscriben no Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 e no de Garantía Xuvenil, unha cifra que se inclúe nos preto de seis millóns de euros que neste exercicio se destinan a impulsar, asesorar e axudar a este modelo produtivo.

Por último, a conselleira apuntou que as cooperativas son un instrumento para loitar contra a desigualdade, un obxectivo esencial da Xunta, tal e como demostra a elaboración do novo Plan de Loita contra a Desigualdade Económica que están a desenvolver de xeito transversal e coordinado todas as Consellerías con competencias en materia de inclusión.

Premiados anuais do cooperativismo
Os actos inclúen tamén a entrega dos premios anuais ao cooperativismo, cos que se distingue o impulso e fomento da cultura emprendedora dentro de Galicia, co fin de recoñecer o seu importante labor na economía rexional. As categorías establecidas son: premio aos valores cooperativos, que recaeu en Zocamiñoca Sociedade Cooperativa Galega; premio ao mellor proxecto cooperativo, para Numax Sociedade Cooperativa Galega; premio á promoción do cooperativismo, que recibirá Amarelante Sociedade Cooperativa Galega; finalmente, entregarase o premio á mellor iniciativa cooperativa, que será para Carlos Castro polo proxecto Delagro Sociedade Cooperativa.

Así mesmo, un total de 9 centros galegos recibiron os 13 premios que compoñen o certame ‘Cooperativismo no ensino 2015’. Estes galardóns teñen como finalidade difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

Nesta ocasión, os premiados na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo (Educación Infantil e Primaria) son o CEIP Domaio (Moaña, Pontevedra) e o CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros, Lugo), que recibe tres galardóns. Ademais, recibirán un accésit o CRA Meis (Meis, Pontevedra), o CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña) e dous o CEIP Domaio.

Na categoría de actividades cooperativizadas (Educación Secundaria Obrigatoria) os premios ao mellor traballo foron para o IES Santa Irene (Vigo) e o CPI A Picota (Mazaricos, A Coruña). Por último, na categoría de proxectos empresariais cooperativos (alumnado e profesorado de F.P. e de ensinanzas de réxime especial) o gañador foi o CIFP Someso (A Coruña) polo seu proxecto (Energylar, S. Coop. Galega) e recibirán dous accésit o IES Politécnico de Vigo (proxecto Muutronic, S. Coop. Galega) e o IES As Mariñas (proxecto Sociedade Cooperativa Bufar) de Betanzos (A Coruña).

A celebración está promovida polo Consello Galego de Cooperativas, adscrito á Consellería de Traballo e Benestar e do que forman parte as consellerías do Medio Rural e do Mar; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; as tres universidades galegas; a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as principais organizacións de representación das cooperativas.

Xoves, 23 July, 2015 - 10:15

Compartir