Consulta o catálogo galego de entidades de economía social

O pasado mes de maio publicouse o Catálogo galego de entidades de economía social impulsado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, no cal se detalla información relevante sobre as entidades que forman parte da economía social de Galicia.

Para poder acceder á información as persoas usuarias dispoñen dun filtro de resultados no que se permite clasificar a busca por tipo de entidade, permitindo así ver un listado completo de cooperativas, asociacións, sociedades laborais,... dependendo da información que se pretenda consultar.

Así mesmo, outro dos filtros mais relevantes á hora de consultar a información que aparece no catálogo é a actividade principal das entidades. Nos últimos días realizáronse unha serie de actualizacións que permiten filtrar por tipo de actividade segundo o código do CNAE ou introducindo unha palabra relacionada coa actividade da cal pretendemos que nos apareza o listado de entidades.

Tamén hai a posibilidade de buscar por NIF, razón social, provincia ou Concello se queremos concretar máis a busca das entidades.

É relevante concretar que os datos que se atopan no catálogo obtivéronse dos diferentes rexistros autonómicos e as propias entidades poden engadir ou actualizar os seus datos de contacto, comerciais ou de actividade sempre é cando se identifiquen co seu certificado dixital.

Información de interese:

A regulación do Catálogo está recollida na Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia. Na súa Disposición adicional terceira establécese que para garantir unha información estatística actualizada e axustada ao catálogo, a Administración galega adoptará medidas de coordinación entre os seus departamentos e coa Administración do Estado con competencia en materia de rexistro da economía social.

A maiores, no seu artigo 6.2 indícase que forman parte da economía social de Galicia as entidades que realicen actividade económica e empresarial e que sexan incluídas no Catálogo.

 

Xoves, 22 July, 2021 - 14:00

Compartir