Emi Candal de Urdime: "O cooperativismo transcende do eido laboral porque somos donas e impulsoras do noso traballo"

A Urdime é o conxunto de fíos paralelos que se manteñen en tensión nun ​marco ou tear,​diferenciándose dos que tecen a trama ou rede, xerando o tecido. Precisamente este concepto foi o que orixinou esta cooperativa cultural que, nos seus menos de catro anos de vida, xa se converteu nun referente do seu sector en Galicia. Falamos con Emi para entender por que profesionais como ela e as súas socias e socios se decidiron por este modelo e cal é a súa valoración da súa traxectoria e do cooperativismo en xeral.

Cal foi a razón pola que naceu Urdime?
Urdime xurdiu hai case catro anos despois dunha análise que os socios e socias fixemos do sector cultural en Galicia. Descubrimos que a situación económica estaba levando ás compañías e grupos a asumir tarefas que non formaban parte da creación de espectáculos. Polo tanto, decidimos ofertar diversos servizos arredor da creación cultural que, por separado, é moi difícil que sexan rendibles. Sobre todo, centramos a nosa actividade en catro: distribución, comunicación, xestoría e asesoramento no eido cultural. Somos un único axente que facilitamos de xeito integral todos eses traballos que adoitan ser complicados para as compañías ou empresas culturais.

Por que o modelo cooperativo?
Foi un proceso natural, que xurdiu pouco a pouco despois de varias asembleas nas que compartiamos a nosa visión e impresións. Consideramos que era o modelo máis acaído para os servizos que queriamos artellar dentro da nosa empresa.

Cal considerades que é unha das vosas singularidades no panorama das cooperativas culturais de Galicia?
No ámbito cultural non coñecemos outra cooperativa cultural que integre os catro servizos que ofertamos de xeito integral e que non se corresponden coa creación cultural de forma estrita, senón que actúan como complemento e soporte. O espectador ve a obra final, pero para chegar a ela hai moitos aspectos que se deben traballar e coidar, como a burocracia, xestión de contratos, temas xurídicos e mesmo a promoción e comunicación ao público. Nesa especie de backstage tan importante estamos nós.

En Urdime non se producen interaccións de xeito puntual, senón que o vínculo cos profesionais do sector cultural é continuo

Créanse sinerxías cos clientes e resto de profesionais do sector?
A valoración que percibimos é moi positiva. Moitas veces no cooperativismo falamos das sinerxías que se crean e, no noso caso, entramos en contacto cun número moi elevado de creadores e profesionais. Esas colaboracións xeran propostas que serían complicadas de realizar se todos traballaran por separado. En Urdime non se producen interaccións de maneira puntual, senón que o vínculo é continuo.

Cales son os vosos proxectos a curto e medio prazo?
Vimos de traballar na programación das festas de San Xoán para familias na Coruña. De cara ao verán, hai numerosas actividades enmarcadas nas festas e festivais de vilas, concellos e institucións. Estaremos moi centradas na promoción de estreas de compañías coas que traballamos, especialmente nas rúas, debido a que é unha época na que o tempo adoita acompañar máis. Tamén xa temos unha ollada posta na campaña de outono e inverno, que é moi intensa en estreas.

Dende Urdime considerades que a fórmula cooperativa está en auxe?
No eido cultural, nos últimos anos, naceu un número importante de proxectos vinculados coa xestión en forma cooperativa. Sen embargo, a día de hoxe, aínda hai xente que asocia o concepto da cooperativa case exclusivamente ao sector agrario. Isto é algo normal, dado que a maioría das cooperativas doutros sectores agromaron nos últimos anos, entre elas as culturais. Si que percibimos que cada vez hai máis xente que ve nas cooperativas unha vía de facer visibles os seus proxectos profesionais.

Cada vez percibimos con máis frecuencia que a xente ve nas cooperativas unha fórmula de visibilizar os seus proxectos

Polo tanto, xa se está conseguindo achegar o modelo cooperativo como unha fórmula tan atractiva como outras máis populares.
Constatamos máis iniciativas e dende Urdime tamén o fomentamos, xa que, cando temos que contratar fóra algún servizo, procuramos acudir sempre a cooperativas. As cooperativistas cada vez estamos mellor valoradas socialmente porque somos donas e impulsoras do noso traballo. Trátase dun valor que transcende o eido laboral. A cooperación xera unha maior calidade de vida.

Urdime é unha das cooperativas que participan na organización dos actos do Día do Cooperativismo deste ano. A vosa participación na xornada de portas abertas é obrigada, non?
[Risos] Por suposto. Para nós a xornada de portas abertas amosa á sociedade como é unha cooperativa por dentro e, ao mesmo tempo, supón un punto de encontro. Pero a nosa é sempre unha oficina de portas abertas, así que convidamos a todas e todos a visitarnos.

 

Xoves, 23 June, 2016 - 10:15

Compartir