LOADING

Entidades que a forman

As entidades que comprenden a economía social de Galicia son:

  • As sociedades cooperativas galegas

As cooperativas son asociacións de persoas que se unen de forma voluntaria para a realización de actividades económicas e sociais de interese común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática.

  • As mutualidades

As mutualidades son sociedades de persoas, sen ánimo de lucro, de estrutura e xestión democrática, que exercen unha actividade aseguradora de carácter voluntario, complementaria do sistema de previsión da Seguridade Social.

  • As fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica

Son fundacións aquelas organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñen afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral. Pola súa parte, as asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizaren actividades colectivas de forma estable, organizadas democraticamente, sen ánimo de lucro.

  • As sociedades laborais

As sociedades laborais son sociedades de natureza mercantil, anónimas ou de responsabilidade limitada, que contan cun capital social pertencente de xeito maioritario ás súas persoas socias traballadoras.

  • As empresas de inserción

As empresas de inserción defínense como estruturas de aprendizaxe, en forma mercantil, cuxa finalidade é a de posibilitar o acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos, mediante o desenvolvemento dunha actividade produtiva, para o que se deseña un proceso de inserción, durante o cal se establece unha relación laboral convencional.

  • Os centros especiais de emprego

Os centros especiais de emprego son os que realizan un traballo produtivo, que teñen por finalidade a integración das persoas con discapacidade ao réxime de traballo normal, de maneira que aseguran un emprego remunerado á vez que prestan os servizos de axuste persoal e social que requiran estas persoas.

  • As confrarías de pescadores

Son corporacións sectoriais, sen ánimo de lucro, representativas de intereses económicos de armadores de buques de pesca e de traballadores do sector extractivo, cuxa xestión se desenvolve co fin de satisfacer as necesidades e intereses dos seus socios, co compromiso de contribuír ao desenvolvemento local, á cohesión social e á sustentabilidade.

  • As sociedades agrarias de transformación

Son sociedades civís de finalidade económico-social, en orde á produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros ou forestais, realización de melloras no medio rural, promoción e desenvolvemento agrario e prestación de servizos comúns que sirvan a aquela finalidade.

  • As comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común

Son as que pertencen a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e que se aproveitan consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

  • As entidades singulares creadas por normas específicas

Ademais das entidades antes relacionadas, tamén forman parte da economía social aquelas entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos valores e os principios orientadores da economía social, sempre e cando desenvolvan unha actividade económica e empresarial