Entrevista a Belén Fernández Casado, Responsable de administración de Grafinco (Centro Especial de Emprego)

“Nun mercado cada vez máis esixente, ofrecemos un servizo de calidade e un retorno social do gasto”

As entidades de economía social de Galicia prestan servizo en todos os sectores produtivos, ofrecendo ao consumidor unha alternativa socialmente responsable e, como no caso da imprenta lucense Grafinco, dando emprego ademais a persoas con discapacidade. As súas máis de dúas décadas de traballo avalan unha traxectoria solvente que conseguiu superar a crise apostando pola innovación e a eficiencia, tal e como nos conta a responsable de Administración, Belén Fernández, que se incorporou á empresa en 2017.

Son unha das imprentas veteranas de Galicia, con 20 anos de historia. Como xorde Grafinco?
Nacemos en 1998 como centro especial de emprego promovido por Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. O emprego é clave para a inclusión e permite a participación plena na sociedade, por iso, ao igual que o resto de entidades que forman parte de Galega de Economía Social (GES), queriamos dar resposta á problemática do acceso ao emprego das persoas con discapacidade.

Que valoración fan da súa traxectoria? Cales foron os seus fitos?
A valoración que facemos é positiva, xa que pouco a pouco fomos incrementando a nosa carteira de clientes, tanto públicos como privados, ampliamos o noso catálogo de produtos e servizos, e fomos mellorando os sistemas de xestión e de produción dunha forma sostible, o cal nos permitiu manternos no mercado en épocas pouco favorables para o sector gráfico. Precisamente, o noso maior fito foi seguir activos durante estes últimos anos nos que as artes gráficas se viron especialmente afectadas mesmo desde o inicio da crise.

Como cre que lles afectará a Lei de Contratos do Sector Público?
É unha boa nova xa que por primeira vez se recoñece que a Administración Pública ten que incluír unha reserva de contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social que, como o noso, son aqueles promovidos e participados en máis dun 50% por entidades sen ánimo de lucro ou que teñan recoñecido o seu carácter social nos seus estatutos.
Entendemos que a tendencia será sacar máis licitacións reservadas a empresas como Grafinco. Teremos a oportunidade de optar a concursos aos que antes non tiñamos acceso e así poder demostrar a nosa capacidade real para desenvolver actividades empresariais, en moitos casos menosprezada con motivo dos estereotipos que operan na sociedade. Este tipo de actuacións son unha forma responsable de xestionar o gasto público de maneira que retorne á sociedade a través dun proxecto social como o noso.

Que servizos lles ofrece a súa integración en Galega de Economía Social?
A integración de Grafinco en Galega de Economía Social (GES) foi moi positiva. Pertencer a un grupo desta magnitude e con solvencia fai posible o aproveitamento de sinerxías. Algúns clientes chegan a nós polo contacto e o bo servizo que xa existe con outras empresas do grupo.

Os seus clientes saben que son unha empresa de economía social?
Na meirande parte dos casos si, xa que é unha das primeiras cuestións que comentamos.

Dalgunha maneira, teñen este valor entre as súas vantaxes competitivas?
Por suposto. O mercado é cada vez máis esixente e as políticas de responsabilidade social fan que as empresas queiran contar con nós entre os seus provedores xa que é unha forma de acadar un retorno social do gasto, á vez que obteñen un servizo de calidade.

Fáleme do seu persoal. Hai algunha limitación derivada do feito de que a maioría teña algunha discapacidade?
Temos doce persoas empregadas, e o 90% delas teñen algunha discapacidade. Isto non supón ningunha limitación, xa que todo o noso persoal ten unha alta cualificación e moita experiencia. Cada profesional desempeña un posto de traballo que lle permite potenciar as súas capacidades.

Ofrecen os mesmos servizos que calquera outra imprenta?
Estamos especializados en deseño e impresión e ofrecemos unha ampla gama de produtos gráficos e impresión sobre todo tipo de soportes.
Asesoramos e damos solucións adaptadas ás necesidades de cada cliente e dos seus proxectos, proporcionando unha atención personalizada.
Traballamos tanto co sector público como co privado; e tanto a nivel local, autonómico como nacional.

Cal é o traballo do que se senten máis orgullosos? Xa sexa por especial ou porque supuxo un reto técnico, tecnolóxico ou humano.
Para nós, todos os traballos son importantes porque responden ao esforzo e a implicación de moita xente. Hai casos, como pode ser un catálogo de produtos, nos que o cliente ten un concepto previo do que quere e, desde os departamentos de deseño, administración e taller tomamos parte nel achegando novas ideas para materializar e transmitir a imaxe que require. Dar resposta ás súas necesidades é determinante para acadar un bo traballo.

Van festexar dalgunha maneira o Día Internacional do Deseño Gráfico este 27 de abril?
A mellor maneira de festexar este día é facendo o que nos gusta, materializando as ideas dos nosos clientes e cumprindo coas súas demandas e necesidades, aumentando a nosa gama de produtos e a calidade dos servizos que prestamos.

 

 

En datos

Ano de constitución: 1998 como centro especial de emprego
Sede: Rúa da Luz, 4. Campus Universitario de Lugo
Cadro de persoal: 12 persoas, máis do 90% con diversidade funcional
Produtos: materiais corporativos e comerciais. Prestan servizos de deseño, preimpresión, impresión offset, impresión dixital en pequeno e gran formato, encadernación, etc. e todo aquilo que o cliente precise en soportes impresos con acabados de alta calidade.

 

 

Venres, 27 April, 2018 - 18:30

Compartir