Entrevista con Antón Lois Estévez, socio e secretario de Teixugo, S. Coop. Galega

Teixugo é unha empresa cooperativa con máis de 20 anos de experiencia enfocada no ámbito da educación ambiental e a xestión de proxectos ambientais. É o resultado do traballo en común de varios profesionais procedentes da bioloxía, maxisterio, pedagoxía, a educación ambiental e o conservacionismo.

Na economía social hai cooperativas de todo tipo, pero a vosa está adicada especificamente ao medio ambiente. Como naceu Teixugo?

En 1999 un grupo de persoas que nos coñeciamos por grupos ecoloxistas e medioambientais quixemos profesionalizar a nosa actividade e vivir disto. Queriamos converter a nosa paixón na nosa profesión, sen abandonar a militancia ecoloxista.

 

Cantas persoas formades parte deste proxecto? E como vos repartides o traballo?

Neste momento somos tres persoas socias e unha persoa contratada a tempo parcial en momentos puntuais. En función da carga de traballo contratamos máis.

O tema dos cargos e máis nominal que outra cousa porque aplicamos os principios cooperativos, no día a día. Para nós é irrelevante quen figura como presidente ou  secretario porque as decisións son cooperativas. 

Cando empezamos non tiñamos ningunha dúbida de que tiña que ser unha cooperativa, era a mellor forma de ser coherente cos nosos valores.

 

Teixugo foi unha das primeiras cooperativas en asinar o código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas. En que vos repercutiu?

Realmente non supuxo ningún cambio, porque o que di o documento é todo o que xa levabamos defendendo na nosa cooperativa, xa estaba no noso ADN.

 

Cada vez hai máis empresas vinculadas á economía social, creando emprego en eidos moi diversos, como o vedes vós?

Aparte dos valores intrínsecos de optar por unha cooperativa, o autoemprego é o mellor xeito de defenderse fronte as crises. Somos empresarios e traballadores polo que o nivel de compromiso sempre é maior.

 

Que tipo de actividades facedes?

Todo o que ten que ver coa temática medioambiental, a educación, turismo de natureza, interpretación do patrimonio e paralelamente desenvolvemos análises e xestión de proxectos coa mirada posta na educación.

 

A quen van orientadas as actividades que levades a cabo? E que pretendedes transmitir con elas?

Dirixímonos a todo tipo de destinatarios. O tópico é asocialo a escolares, pero non, dirixímonos a toda a poboación, entidades locais, empresas, administracións…

O valor fundamental que tratamos de transmitir é que non hai progreso posible se non tes como base o que nos sustenta a todos, que é o medio ambiente. Dependemos dun medio ambiente sustentable para poder soster todo o demais.

 

Coñecemos os nosos parques naturais?

A estatística di que si. Despois da Catedral de Santiago aparecen a praia das Catedrais, Illas Cíes…. se ben son coñecidos máis como espazos recreativos, grazas á promoción extraordinaria que se fai desde o punto de vista turístico, que polo que  significa realmente esa declaración.

 

Cal é a materia pendente para os galegos?

Temos que rachar co tópico de que os espazos naturais protexidos poden ser un obstáculo para o desenvolvemento. É todo o contrario, esta declaración é fundamental para o desenvolvemento da poboación local e de todo o seu contorno. Non existe ningún pobo que despois de 10 anos queira que se elimine esa protección porque recibe turismo e recursos grazas a esa declaración.

 

Cal é o seu reto, o seu soño de futuro?

En realidade temos dous, opostos. Por unha parte a continuidade como empresa, e por outro, se tivésemos un soño, sería extinguirnos, non ser necesarios porque a xente xa estivese concienciada, e non fose necesaria a educación ambiental.

 


En datos
Ano de constitución: 1999
Sede: Vigo  www.teixugo.com
Cadro de persoal: 3 socios e unha traballadora a tempo parcial
Servizos: educación ambiental, interpretación do patrimonio, proxectos técnicos e de xestión, formación e deseño de materiais.
Área de actuación: Galicia
Xoves, 31 Maio, 2018 - 10:00

Compartir