Entrevista con Marco Durán, presidente e socio traballador da cooperativa FabSpace (Fablab Vigo)

“A nosa idea é que haxa fablabs en diferentes cidades de Galicia e que sirvan para crear emprego”

Imaxinas un mundo no que poidas manexar as túas propias máquinas para fabricar calquera tipo de utensilio, desde unha pulseira ata as cadeiras da túa casa? Os fablabs, centros nos que os cidadáns crean e inventan a través de tecnoloxías dixitais, están a expandirse por todo o mundo e o primeiro en facelo en Galicia está en Vigo. E os seus creadores (xa conta con catro socios traballadores) decidiron constituílo en forma de cooperativa. Nesta entrevista coñecemos o seu proxecto e como a economía social contribúe a esta nova e innovadora revolución.

1.- FabSpace acaba de recoller o premio ao mellor proxecto emprendedor no Pont Up Store. Entre os motivos destaca o carácter innovador e social da cooperativa. Como xurdiu a idea de crear FabLab Vigo?

O primeiro paso foi solicitar o nome á rede de fablabs de todo o mundo. Tivemos que esperar dous anos ata que o confirmaron, dado que se trata dunha rede de confianza e todos os centros teñen que dar o seu visto e prace. Nun inicio, pensei en crear unha asociación, pero finalmente esta idea non prosperou porque necesitábase un investimento considerable e esta fórmula xurídica non era a máis acaída. En Impact Hub Vigo entrei en contacto con Iván e Anselmo e decidimos crear unha cooperativa.

2.- Por que a elección da fórmula cooperativa? Era a máis axeitada á filosofía do proxecto?

O modelo cooperativo xa andaba na miña cabeza desde facía dous anos. É unha fórmula aberta, democrática e social, en definitiva, un tipo de organización que encaixa ben co noso proxecto. Convenceunos porque nel a xente participa de diferentes maneiras e onde o crecemento xérase a través dos socios traballadores. E constituímonos como cooperativa sen ánimo de lucro porque supoñía un híbrido entre empresa privada e servizo público.

3.- A idea dos fablabs en todo o mundo é revolucionaria: supón pasar da fabricación en masa á fabricación das masas. Como impactarán estas pequenas fábricas na nosa vida cotiá?

Estamos nun momento aínda incipiente nalgunhas cuestións. Pero estanse desenvolvendo novos modelos de máquinas de escritorio para fabricación dixital, máis económicos, con máis características e opcións. E isto indica que hai un mercado á alza. Os fablabs están a medrar en todo o mundo, pero tamén os espazos makers (onde van persoas a compartir coñecementos e construír cousas). Estamos a vivir o espertar deste tipo de fabricación persoal e, aínda que non sabemos que sucederá no futuro, estamos seguros de que terá un gran impacto nas nosas vidas.

4.- Calquera pode ser un maker ou son necesarios coñecementos específicos?

O movemento maker xorde da ciencia do afeccionado. E, entre os seus obxectivos, está non crear un gueto tecnolóxico. Non queremos excluír á xente que non ten grandes coñecementos tecnolóxicos, por iso pretendemos integrala nun espazo de participación. O Fablab de Vigo está operativo desde xuño, aínda que as actividades formativas impártense desde setembro. Aquí a xente pode facer os seus obxectos e, progresivamente, imos tentar crecer e aumentar o número de usuarios, porque o que queremos é crear unha comunidade.

5.- Cal é a resposta da cidadanía ata agora? É un proxecto que a xente comprende ou aínda é necesario facer máis didáctica? Que é o que máis demanda ou lle atrae á xente dun fablab?

Levar a cabo a parte didáctica cústanos bastante tempo, traballo, esforzo e diñeiro, pero é necesario, xa que non abonda que a xente entenda como funcionan as máquinas e para que serven, senón que tamén comprenda por que creamos este espazo. Hai demanda de formación, pero gústanos matizar que non facemos cursos, senón obradoiros moi prácticos e de poucas horas, que incentiven a formación noutras categorías.

6.- A vosa cooperativa está aberta á incorporación de novos socios traballadores?

Un dos nosos obxectivos de crecemento é que cada fablab que se instala nunha cidade xere postos de traballo e que, polo menos, haxa un socio en cada centro. A partir de aí, cada fablab é independente e ten que ser sustentable e xerar uns recursos mínimos. Iso si, non queremos socios sen máis. Ou son socios traballadores ou fabmembers, socios usuarios que pagan unha cota mensual e que poden sacar rendemento e utilizar parte do que desenvolvemos.  

7.- As impresoras 3D son o elemento icónico dos fablabs como o de Vigo pero, que outras máquinas ou instrumentos se poden empregar?

Si, as impresoras son o máis coñecido. Normalmente defino os fablabs como unha cociña, na que hai diferentes electrodomésticos: a impresora é como un microondas, pero nunha cociña tamén hai forno, vitrocerámica, mesada e outros utensilios necesarios para cociñar. E, por iso, temos máis máquinas que a impresora que progresivamente iremos ampliando. Agora mesmo contamos coas obrigatorias para poder funcionar.

8.- Tomás Díez, director do FabLab Barcelona, indicaba nunha recente entrevista na revista Alternativas Económicas, que estes centros tamén serven á xente para aprender a buscar, unha competencia que cada vez será máis importante, incluso máis que o coñecemento adquirido. Supoñen os fablab un cambio na nosa forma de aprender?

Si, pódese considerar outra forma de aprender e de entender o coñecemento. Os fablabs como o de Vigo son unha especie de centros de investigación cidadá, enfocados en desenvolver novas tecnoloxías e procesos nos que son os propios cidadáns os que atopan a solución. Ata agora a innovación estivo vinculada ás empresas e aos centros tecnolóxicos, pero con espazos como estes son os cidadáns os que investigan.

9.- Un dos vosos obxectivos é formar un nodo de fablabs en Galicia nos próximos dous anos. Como se vai a articular esa estratexia?

Abrir novos fablabs noutras cidades non depende só de nós, xa que non podemos crecer máis aló da nosa zona de influencia ou localidade. Ademais, abrir un centro destas características require un investimento considerable. A mellor opción é establecer contactos e involucrar ás administracións públicas para que, aos poucos, poidamos ir crecendo nas distintas cidades. Agora temos contactos en Ourense, Santiago de Compostela, onde o concello está bastante interesado; en Lugo, Ames e Pontevedra. E sen esquecerme de Pobra de Caramiñal, que é o municipio máis interesado e co que temos un contacto máis frecuente.

10.- Está producíndose un ‘boom’ de fablabs ou realmente son necesarios?

Non creo que haxa un ‘boom’, dado que os fablabs existentes correspóndense aproximadamente co número de cidades grandes e medianas en todo o mundo (máis de 1.000). E aquí en Galicia de momento só hai un. En canto á expansión de fablabs, a nosa proposta é que, no canto de facer un centro grande nunha urbe, é mellor constituír moitos centros pequenos en diversos lugares de Galicia. É máis interesante desenvolver unha rede que focalizalo nunha única localidade.

 

Martes, 3 October, 2017 - 07:30

Compartir