Entrevista a Dolores Calvo, presidenta de Nós, as mulleres: “Queremos potenciar as mulleres nas cooperativas non só como socias, tamén como empresarias, directivas e profesionais”

Nós, as mulleres é o nome da Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, unha entidade que traballa a prol dun maior equilibrio entre homes e mulleres nos consellos reitores, nos que elas ocupan só un 22% dos postos a pesar de representar o 45% das persoas socias.

Falamos coa presidenta da entidade, Dolores Calvo -que tamén o é da cooperativa Condes de Albarei-, sobre os obxectivos da asociación e o traballo que desenvolve, non só para acadar unha maior implicación feminina nos cargos directivos das cooperativas, senón tamén para promover que as súas explotacións sexan máis rendibles e atractivas para as novas xeracións. “Pensamos que hai que traballar no cambio de imaxe do mundo rural, para que se vexa como futuro e non como algo acabado”, explica.

 

­—A asociación Nós, as mulleres naceu en xuño do 2019 no seo de Agaca, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. Cal é o seu obxectivo?

—O noso primeiro obxectivo é o desenvolvemento integral das socias e a promoción da igualdade no seo do movemento cooperativo e das sociedades agrarias de transformación socias de Agaca, potenciando capacidades que todas temos, como son a toma de decisións, a resolución de conflitos, a organización, a xestión... Hai que recoñecer que nos últimos dez anos houbo un aumento do número de mulleres nos consellos reitores, que non é unha casualidade senón froito do traballo que se está a facer desde as cooperativas e desde Agaca. Do que se trata é de que esteamos proporcionalmente representadas e de potenciar as mulleres nas cooperativas non so como socias, senón tamén como empresarias, como directivas e como profesionais.

Nós, as mulleres naceu no seo de Agaca e tamén de Amcae -Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de España-, coa intención de traer o traballo que está a facer esta última entidade máis preto das cooperativas galegas.

 

Cantas cooperativas están representadas e como vos organizades?

—Agora somos 41 mulleres de 18 cooperativas de 7 sectores de produción agroalimentaria. Cada cooperativa que quere participar pode ter unha representación de entre catro e oito mulleres, segundo o tamaño. Son os consellos reitores os que deciden que mulleres as representan.

De todas formas, o que pretendemos non é tanto medrar e medrar en incorporacións, senón tecer unha rede capaz de chegar ás cooperativistas e ter unha organización práctica e eficaz. A idea é que poidamos reunirnos entre nós e propoñer cousas, para que despois cada unha de nós as traslade á súa organización, facendo de correa de transmisión, activando e mobilizando ás socias de cada cooperativa.

 

Que pasos estades a dar para animar ou facilitar que as mulleres participen nos consellos reitores?

—Hai moito potencial, o que pasa é que ás veces custa dar o paso. Sinxelamente, se sabes levar unha explotación e traballas nela, podes perder o medo a participar igual que calquera socio.

Desde a nosa asociación queremos achegar a experiencia daquelas que xa estamos nos consellos reitores e transmitir que non hai que ter nada especial. Intentamos tamén dar formación, porque canto máis formada esteas máis segura te vas sentir para dar o teu punto de vista, postularte para formar parte do consello reitor e participar. Estamos a traballar nesa liña, dando a coñecer modelos a seguir, que se vexa que é compatible estar no consello reitor co traballo na explotación, coa vida familiar e social. Hai que organizarse, saber delegar e ter corresponsabilidade. E aí é tamén moi importante chegar aos socios, porque isto é cousa de todos.

 

E non só queredes que as mulleres ocupen cargos, senón potenciar a súa mellora profesional.

—Si, perseguimos potenciar o desenvolvemento profesional das mulleres e contribuír a mellorar as súas propias explotacións. Desde Nós, as mulleres estamos en contacto con novas iniciativas que son compatibles coas explotacións agrogandeiras e que representan unha posibilidade de mellora. Hoxe en día hai proxectos relacionados co cultivo de cogomelos ecolóxicos, o aproveitamento de resina ou os froitos do bosque, por exemplo, que poden complementar os ingresos das explotacións.

 

En que outras liñas de actividade estades a traballar?

—Queremos poñer tamén outras actividades en marcha sobre temas que nos preocupan, por exemplo o relevo xeracional. Pensamos que hai que traballar nun cambio de imaxe do rural, presentalo como futuro, non como algo acabado. Neste eido vimos colaborando coa Rede Eusumo, que nos facilita visitas de estudantes ás explotacións, de xeito que as coñecen e mudan un pouco a idea que teñen. Porque hoxe as explotacións agroalimentarias son empresas competitivas, con persoas profesionais, con formación... É necesario que a xente moza saiba que do rural e do mundo agroalimentario se pode vivir dignamente, sempre que se aborde con profesionalidade e a capacitación necesaria.

 

Falabas antes de que o voso traballo tamén se dirixe aos homes. Atopan as mulleres máis dificultades no mundo rural?

—No mundo rural digamos que hai un pouco máis de apego ás tradicións, os costumes están máis arraigados e por iso quizais custa un pouco máis abrirse a cousas novas. Pero eu a título persoal podo dicir que levo xa bastantes anos no consello reitor da miña cooperativa, asumín a presidencia hai seis anos e sempre houbo candidatos homes, para a presidencia e para outros cargos. E iso non foi nunca un impedimento. É verdade que o machismo non sae dos homes nada máis, sae da sociedade, que está conformada por homes e mulleres. O que creo é que hai que traballar evitando as confrontacións, porque do que se trata é de ir da man. Calquera cooperativa vai gañar se ten enfoques diferentes e pluralidade nos seus órganos directivos. Unha cooperativa funciona democraticamente e calquera muller que se presenta para o consello reitor ten posibilidade de ser elixida. E non é cuestión de postularse sen máis. Cada persoa ten que pensar que pode aportar á súa cooperativa, non é presentarse, senón presentar un proxecto, unha idea que aporte e axude a construír.

 

Como vos afectou a chegada da pandemia?

—A verdade é que inicialmente supuxo un parón, sobre todo ao principio. Pero fomos solucionando e adaptándonos, como en todos os eidos da vida. En certa maneira isto tamén tivo vantaxes, porque non todas poden desprazarse con tanta facilidade. Así que afacernos a reunirnos telematicamente tamén estivo ben, e vimos a oportunidade de formarnos na utilización das tecnoloxías da información, que son necesarias e teñen moitas aplicacións prácticas.

 

 

Luns, 11 January, 2021 - 17:15

Compartir