Entrevista a Domenico Tinelli, socio traballador de MedAtlantia: "En 2017 o noso reto é especializarnos como unha consultora referente en economía social"

Con case 2 anos de vida de vida, MedAtlantia nace do traballo cooperativo de tres consultores que acumulan máis de dez anos de experiencia na xestión de programas públicos estatais e europeos. En tan pouco tempo, ademais de impulsar a súa propia empresa, convertéronse en referentes do cooperativismo a través da súa participación en Ugacota e Espazocoop e queren seguir contribuíndo a fomentar a economía social de Galicia.

Como xurdiu MedAtlantia?

Nace como idea a finais de 2014. As miñas compañeiras Eva Bouzas, María Viqueira e eu somos tres consultores especialistas na xestión de proxectos da Unión Europea. Contamos con experiencias profesionais diferentes, pero queriamos colaborar e traballar xuntos. Na procura de alternativas asistimos a un seminario de Ugacota no que se falaba do mundo cooperativo e as súas características. Este sector gustounos porque coincidía cos nosos valores e a nosa forma de ver o mundo laboral. A partir de aí, iniciamos os trámites para constituír a cooperativa co apoio de Ugacota e, en xaneiro de 2015, creamos MedAtlantia.

Por tanto, a elección dunha cooperativa é por convicción e porque se adaptaba á vosa forma de traballar.

Si, en primeiro lugar, porque a forma cooperativa coincidía coa nosa visión do mundo e a sociedade, así como a importancia da cooperación e a prioridade das persoas ante o capital. E porque a forma cooperativa garantíanos unha maneira máis fácil de organizar as nosas vidas máis aló do traballo. Os tres temos fillos e necesitamos estar con eles. E a cooperativa permitíanos conciliar. O apoio de Ugacota e o seu seminario ao que asistimos foron determinantes, xa que ante nós abriuse un mundo novo cheo de posibilidades.

O voso traballo consiste en asesorar ás empresas no complexo pero necesario ámbito dos programas e axudas europeas e estatais. Cal é o perfil dos vosos clientes?

En xeral, os nosos clientes son empresas, sobre todo, pemes, administracións ou asociacións que ou ben queren dar o salto a un proxecto de maior envergadura ou ben procuran alcanzar unha perspectiva máis ampla no marco europeo. No caso dos programas estatais moitas entidades buscan novas fontes de financiamento. Estas axudas son relevantes e útiles para desenvolver proxectos máis innovadores.

Como as axudades?

O que facemos normalmente é identificar potenciais ideas de proxectos, en base aos programas e convocatorias, e logo presentalas aos nosos clientes para que, en función das súas necesidades, analicen se lles resulta interesante. Outra forma é que contacten connosco para presentar un proxecto a unha convocatoria de axudas. Tamén contamos con colaboracións con outras consultoras que lideran o sector, tanto en Galicia, como a nivel nacional, á parte da cooperación con entidades da economía social como Espazocoop e Fundación Ronsel, entre outras. Son alianzas que nos permiten chegar a máis clientes.

Cales son as maiores demandas e necesidades que teñen os vosos clientes á hora de presentarse a este tipo de convocatorias?

No caso das europeas, a primeira necesidade que normalmente nos transmiten é o amplas e complexas que son este tipo de convocatorias, para as que ás veces hai que crear consorcios con socios europeos. Ademais de encargarnos de preparar as propostas de proxecto a presentar, ocupámonos de xestionar os contactos coa rede de socios estranxeiros. En moitos casos hai entidades que teñen bos proxectos, pero que non foron aprobados por non axustalos ás características do programa. Nestes casos, adaptamos a proposta ás características do programa para que teña a maior calidade posible.

Estes programas poden impulsar de forma importante o desenvolvemento de empresas e organismos, sobre todo os que queren saír ao exterior, non é así?

Si, pode ser unha vía para establecer contactos noutros países e para intercambiar experiencias e innovacións con outros mercados. Ademais, estes proxectos axudan a identificar boas prácticas e a mellorar o desenvolvemento territorial e as condicións de vida nos territorios.

Ten a economía social cada vez máis peso neste tipo de programas públicos, tanto en España como na Unión Europea?

Por parte da Unión Europea hai cada vez máis atención. De feito, nalgúns programas de innovación están a dar cada vez máis espazo á economía colaborativa e social. Concretamente, hai iniciativas, como o Programa Europeo de Emprego e Innovación Social (EaSI), onde existen liñas específicas para a economía social. En España, a través de recursos do Fondo Social Europeo, cada vez hai máis financiamento para proxectos de economía social.

Tedes socios noutros lugares de Europa. Hai unha gran disposición para cooperar entre as empresas europeas?

Si, hai moito interese porque normalmente a través dun proxecto europeo créase unha rede de contactos con outras empresas e entidades que despois poden converterse en socios comerciais noutro país. Nós si apoiamos a procura destes aliados, porque temos máis de dez anos de experiencia neste sector e creamos unha ampla rede de contactos por mor doutros proxectos, entre os que se atopan empresas, fundacións, universidades e centros de investigación.

Cales son as expectativas para 2017?

É un ano interesante porque nos últimos dous exercicios dedicámonos a constituír a estrutura e as partes da cooperativa e a procurar unha certa seguridade e colchón de clientes para garantir ingresos. 2017 é un ano importante porque queremos especializarnos como unha das consultoras de referencia no ámbito da economía social. É o noso reto. É un ano de boas perspectivas porque vemos que este sector está a ter cada vez máis relevancia.

Como valora a participación en Espazocoop?

A experiencia é moi gratificante e tamén nos dá moito empuxe e entusiasmo. Hai que ter en conta que no mundo cooperativo somos novatos, polo que entrar no Consello Reitor de Espazocoop é un reto importante e un motivo de satisfacción porque indica que o estamos facendo ben. E porque estamos a contribuír a poñer o noso graniño de area para fomentar a economía social.

Venres, 20 January, 2017 - 09:15

Compartir