Entrevista a Esteban González, socio traballador de Panxea

“Abrímonos a toda a sociedade porque consideramos que este é o modelo axeitado de consumir”

O comercio xusto comezou a expandirse en España na década dos 90 e Galicia foi unha autonomía pioneira coa apertura, no ano 1995, de dous proxectos: A Cova da Terra en Lugo e Panxea en Santiago. 22 anos despois da súa creación, coñecemos máis en detalle a actividade e filosofía de Panxea, asociación que en 2010 se converteu en cooperativa para dar un maior pulo aos produtos da economía local.

Aínda que a cooperativa como tal xurdiu en 2010, o proxecto de Panxea naceu en 1995, polo que a traxectoria é moi ampla. Como agromou o proxecto?

Naquel momento, en Compostela había bastante xente concienciada co movemento do comercio xusto, polo que consideramos que era interesante achegar á cidade un proxecto neste eido. Nun primeiro momento creouse unha asociación, Panxea, centrada no comercio xusto, e que se mantiña en colaboración con outra entidade de Lugo constituída no mesmo ano, en 1995, e que se chamaba A Cova da Terra. O obxectivo era dar visibilidade a este fenómeno e amosar que existía outro xeito de facer economía. Desta forma, puxemos en marcha a primeira tenda na rúa das Hortas en Santiago. Daquela só se vendía produto de comercio xusto, tanto de alimentación como de artesanía.

Foi Panxea pioneira na venda de produtos de comercio xusto, ecolóxicos e de consumo consciente?

Si, xunto con A Cova da Terra, que abriu dous meses antes ca nós, fomos pioneiros en Galicia e os primeiros en abrir unha tenda destas características na capital. O comercio xusto era un movemento moi potente noutros países, como os nórdicos, e queriamos que aquí tamén tivese o seu espazo. Pero o obxectivo non só era vender produtos, senón tamén contar a historia que hai detrás deles para que os consumidores valoren máis o que están mercando. Así poden poñer en relación o prezo coa súa calidade e o seu valor engadido e lógrase unha maior sensibilización social.

Como foi o salto para crear a cooperativa e por que?

A idea de constituír unha cooperativa nace do afán de facer comercio xusto dentro da economía local e provincial, consumindo produto ecolóxico e directamente dos agricultores da contorna. Con isto, buscamos o valor engadido e non quedarnos só na marca e tamén rachar coa idea de que o comercio xusto é só un sistema económico Norte-Sur. Por outra parte, no momento de dar o salto á cooperativa, debatemos sobre o modelo que queriamos constituír e finalmente optamos por unha tenda aberta ao público que fixera visible este xeito de consumir que procura un cambio na forma de producir e dos nosos hábitos.

Cal é o perfil das persoas que forman a cooperativa? E dos seus clientes?

Actualmente Panxea conta cuns 70 socios. O perfil das persoas socias e das que mercan produtos na tenda é heteroxéneo. Nos últimos anos entrou moita xente nova, que se vai perdendo debido á dinámica do noso mercado laboral, que lles obriga a emigrar e a converterse en socios “durmintes” da cooperativa no estranxeiro, porque non poden estar no día a día. Estamos vendo un aumento de estudantes que están interesados en consumir este tipo de produtos e en ser socios. A idea é abrir Panxea ao máis amplo espectro da sociedade porque non nos pechamos a un único segmento, senón que consideramos que este é o xeito correcto de consumir para todos.

Cal é a procedencia dos produtos se poden mercar en Panxea?

Aparte dos produtos de comercio xusto, cuxa orixe é de fóra de España na súa maioría, en Panxea un dos nosos principios é consumir só produto nacional, producido en España ou en Galicia. Isto facémolo por varias razóns. Unha delas é que o transporte de produtos a grandes distancias ten un custo medioambiental evidente, polo que procuramos reducir distancias tirando dos máis próximos. Outra razón de peso é afianzar a economía local e rexional.

Que vantaxes teñen as persoas que se converten en socias de Panxea?

 A tenda ten dous prezos, o de socio da cooperativa e o xeral, para todo o público. Aparte dos descontos nos produtos de tenda e a cesta de fresco, os socios tamén teñen outras vantaxes, como a posibilidade de facer pedidos específicos sobre produtos concretos como cosméticos, aceite, cepillos de dentes de bambú, etc. Poden solicitar produtos á carta.

Un exemplo de provedores de produtos locais cos que traballa a cooperativa?

Traballamos cunha asociación sen ánimo de lucro de labregos da zona chamada Lentura, que é un proxecto moi interesante e que tamén son impulsores do mercado de Belvís “Entre Lusco e Fusco”. Esta colaboración permítenos consumir produtos de persoas que coñecemos e que podemos visitar.

Que colaboracións tendes con outras entidades locais e de economía social?

Mantemos a nosa colaboración cos labregos de Lentura, coa cooperativa editora Catro Ventos, da que somos punto de venda en Compostela,  e coa xente da cooperativa Numax, á que lle damos difusión da súa actividade na nosa tenda. Ademais, nun plano máis institucional, estamos dentro da Rede Eusumo e valoramos a nosa posible entrada en Reas Galicia. Somos membros da Coordinadora Galega de ONGs e de Fiare Banca Ética, un banco sen ánimo de lucro. A maioría dos socios tamén formamos parte de AIS O Peto.

Botando a vista para atrás. Superáronse as expectativas iniciais?

Considero que nunca se superan porque é un traballo complexo. Ao contrario que en cidades como Vigo ou A Coruña, que teñen máis posibilidades de reunir a un grupo grande de socios, Compostela é unha cidade pequena, na que é difícil desenvolver un proxecto deste tipo. A idea é seguir medrando para xerar máis traballo.

Cales son as perspectivas da cooperativa para 2017 e a medio prazo? Próximos proxectos?

Espero que Panxea teña moito futuro, de aí que aposte cada día por este proxecto e que deixara de ser voluntario para unirme como socio traballador e conseguir que a cooperativa aumente os beneficios cos que financiar a nosa propia estrutura e actividades de sensibilización e formación.

É posible que nun futuro cooperativas como Panxea poidan facer fronte a supermercados convencionais?

Ao final esa decisión depende do consumidor. Desde que creamos Panxea en 1995, o consumidor cambiou a súa mentalidade pero non os seus hábitos. É dicir, hoxe en día, o 80% do consumo de produto ecolóxico faise en grandes superficies, o que significa que a xente está comprando un produto a empresas que non comparten exactamente a filosofía dos produtores locais. Para eles simplemente é un negocio máis, xa que a súa demanda aumentou de modo espectacular nos últimos anos e non queren perder ese nicho de mercado. A idea de proxecto como o noso é que non só pretendemos vender, senón tamén trocar o modelo económico. Aí está a gran diferencia.

En que consisten as actividades de sensibilización social nas que participa Panxea?

Facemos colaboración con institutos, coa Universidade de Santiago, onde desenvolvemos un proxecto específico de comercio xusto. Tamén impulsamos campañas para facer visible que hai alternativas ao modelo económico actual. Non só quedarnos en grupos reducidos. Nós somos moi poucos en comparación coa poboación mundial. E debemos ser conscientes de que este modelo non é sostible. Temos que empezar a vivir con menos e dun xeito responsable, pensando que cousas precisamos para que cheguen a todo o mundo.

Segue Panxea algún outro proxecto como referente?

Non seguimos ningún referente en concreto, senón que queremos medrar seguindo as nosas propias singularidades e aprendendo do que fan outras persoas. Por exemplo, aprender de cooperativas que se dedican á arte, á roupa, a distribuidoras ou de proxectos que, sen ser cooperativas, como a Granxa Arqueixal, son un exemplo de sustentabilidade e fixación de poboación no rural. Pero non temos unha idea de a quen parecernos como ente propio, senón unha idea que compartimos todos. Ao final, a economía social non é competir, senón colaborar. 

 

Viernes, 11 Agosto, 2017 - 05:30