Entrevista a Eusebio Méndez de León, xerente de Freshcut (Centro Especial de Emprego)

“A nosa prioridade é consumir materia prima galega”

Freshcut, a empresa que hai detrás dos purés, sopas e froitas envasadas da marca comercial Galifresh, foi unha das dez entidades de economía social que acudiu á pasada edición de Xantar no stand da Xunta de Galicia. Constituídos como centro especial de emprego desde os seus inicios en 2011, e co 90% do seu cadro de persoal con diversidade funcional, levan unha traxectoria imparable situando os seus produtos nos lineais dos principais supermercados nacionais e galegos, ademais de potenciar a exportación a Europa e América.

 

Como lles foi en Xantar?
Quedamos moi, moi contentos. Funcionou moi ben. Teño a experiencia dos últimos tres anos e, cada vez, a interacción co público é mellor. Estamos sorprendidos porque a xente coñece moi ben a nosa marca.

Saben que son unha empresa de economía social?
Ese é un tema que aínda non soubemos transmitir porque o consumidor non sabe que somos un centro especial de emprego, pero estamos traballando nesto.

Pois é un valor engadido bastante importante para a súa empresa!
Totalmente, e ademais, no noso caso, ten unha dobre vertente. Por un lado, as empresas poderían cumprir a lei LISMI comprando produtos elaborados por entidades de economía social. Por outro, o consumidor ten que saber que no momento da compra está colaborando cun colectivo que ten moitas dificultades para atopar traballo.

Como xorde a marca comercial de Freshcut?
Foi unha casualidade. En 2011, un cliente importante, un hospital de Vigo, tivo un problema no seu obradoiro e pediunos que lle prepararamos unha compota de mazá. Continuamos un tempo e buscamos un envase ao que lle puxemos a etiqueta de Frutas Nieves, a matriz do grupo. A sorpresa foi que, despois, a xente iba polas nosas tendas pedíndoa! Había un nicho de mercado e empezamos a fabricar para vender directamente.
O seguinte paso foi montar Freshcut xunto con Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), que foi o noso socio durante unha primeira etapa. Despois, a familia Gayar, propietaria de Frutas Nieves, quixo continuar co negocio como centro especial de emprego.

Cantos empregados teñen agora?
35 e máis do 90%, con algunha discapacidade.

Aparte de levar o compromiso social no seu ADN, apostan pola sostibilidade da contorna e a dinamización do sector hortícola en Galicia. Fálenos desto.
A nosa política empresarial é clara. Primeiro, consumir produtos galegos, de particulares, de cooperativas,… E despois, fabricar produtos saudables, sen colorantes, sen conservantes, sen glute, sen lactosa, sen azucres engadidos. Gustaríanos que se vertebrase mellor o agro galego para ter maior dispoñibilidade de produto porque ás veces somos incapaces de atopalo. Non porque non exista, senón porque a produción está dispersa, non está ben estruturada.

E no que respecta ao compromiso ambiental?
Traballamos para reducir a nosa pegada ecolóxica, o CO2 que xeramos. O consumo de produtos km0, que agora están tan de moda, ten este obxectivo ao igual que a mellora dos envases de polipropileno. O ano pasado conseguimos reducir un 30% o plástico usado nos botes de piña en taco. Tamén somos socios de Ecoembes. O coidado do medio ambiente é unha preocupación constante para nós.
     
O agro galego é un “diamante” en bruto ao que lle queda moito que brillar?
É un diamante en bruto en tanto en canto ten potencial. Temos un clima privilexiado, unha terra boa, pero non existe unha estrutura empresarial agrícola. Unha cousa é ser agricultor e outra, un industrial da agricultura como pode haber na zona do Levante ou de Andalucía. O reto está en xuntar sinerxias e aglutinar forza de produción para xerar un traballo rendible.
 
Como están valorando os seus produtos nos mercados aos que exportan? En España, polo menos, o aumento das vendas reflicte un presente moi bo!
En 2016, empezamos a acudir a feiras internacionais para promocionarnos porque España é un mercado maduro, con moita competencia e “pequeno” aínda que somos 50 millóns de consumidores. Había que buscar mercados en desenvolvemento con menos competencia. Por proximidade traballamos con Portugal e agora mesmo estamos enviando purés de froitas a Brasil, Panamá ou Bolivia; e en 2017 tivemos algunhas experiencias con Chile. Estamos cerrando acordos cun gran distribuidor en Canadá e a semana pasada estivemos na feira de alimentación Foodex (Xapón). O ano pasado fomos a Hong Kong. O mercado asiático é moi, moi interesante. Valoran moito a calidade da froita, aparte de que 2/3 partes da poboación mundial está alí.

E en España?
Traballamos con todas as grandes cadeas de distribución. O ano pasado, asinamos un acordo coa maior cooperativa nacional de segundo grao, Anecoop, para elaborar os purés de froitas, cremas, sopas e untables da súa marca “¿Y si? de Bouquet” que se vende nos Carrefour e Eroski.
En Galicia estamos nos Eroski-Vegalsa, nos Familia e nos Gadis ou en pequenas tendas. Hai campo para mellorar, pero estamos contentos coa nosa expansión.

A I+D+i é unha parte moi importante na súa empresa e unha parte do seu éxito, deberían apostar máis por ela as empresas de economía social de Galicia para darlle máis valor engadido aos seus produtos?
Esa é unha cuestión económica. Ao primeiro, a inversión en I+D+i pode parecer que non ten retorno, pero é un intanxible primordial. Se non desenvolves e melloras continuamente, a vida dunha empresa é curta. Nós, cando lanzamos un produto, temos outros dous en probas listos para comercializar.
Ao exterior enviamos purés de froitas porque teñen unha caducidade longa duns 8 meses. A vida das cremas, sopas e untables é de só 45 días. Aí é onde estamos facendo I+D porque queremos ampliar a súa vida útil para que sexan exportables.

 

En datos

Ano de constitución: 2011 como centro especial de emprego

Sede: Vigo (Pontevedra)

Cadro de persoal: 35, máis do 90% con diversidade funcional.

Facturación 2017: 1,2 millóns de €, +8% respecto a 2016

Produtos: froitas e verduras envasadas e listas para o consumo. Son as chamadas cuarta gama (tarrinas de froita cortada, brochetas, piña pelada ao natural e gazpacho) e quinta gama (purés de froitas, cremas e sopas de verduras e untables vexetais).

Unidades producidas 2017: 3.000.000

Mercado español: empresas de catering, cadeas de distribución alimentaria e cooperativas de 2º grao.

Mercado estranxeiro: Europa (Francia, Portugal e Andorra); América do Sur e Centroamérica (Brasil, Chile, Bolivia e Panamá); América do Norte (Canadá).

 

Venres, 16 March, 2018 - 03:00

Compartir