Entrevista a Fernando Sangiovanni e Joaquín Sangiovanni, socios traballadores da cooperativa Rayados (Lorenzo Design)

“As nosas creacións xa chegan a 16 países gracias a Internet e ao carácter aberto e universal de Compostela”

A súa é unha historia de superación marcada pola cooperación o o espírito emprendedor dunha familia. E o seu tamén é un exemplo de como tres disciplinas completamente distintas, a arte, a carpintería e a administración de empresas, poden conxugarse para crear un proxecto que vende as súas creacións por todo o mundo e a través de culturas moi diferentes. Falamos da cooperativa Rayados, a empresa que está detrás da marca Lorenzo Design.

1.- Como xurdiu a idea de crear a cooperativa Rayados e a súa marca Lorenzo Design?

[Fernando] Xurdiu tras a confluencia de diferentes aspectos. Somos unha cooperativa atípica, formada polos integrantes dunha mesma familia, aínda que a nosa intención é que medre e así poidamos sumar novos membros. Eu nacín en Uruguai, onde sempre traballei no ámbito artístico, moitas veces vinculado á creación. Ao regreso a Galicia, desenvolvín actividades en diferentes eidos non vinculados coa miña formación e traxectoria previa. Durante a crise quedei sen traballo. o meu fillo Joaquín, carpinteiro de formación, levaba dous anos en paro e a miña muller, galega, formada en Administración de Empresas, estaba desenvolvendo unha actividade que non tiña relación cos seus estudos. Nesta situación, decidimos conxugar os nosos coñecementos complementarios e comezamos a artellar un novo proxecto. Nun primeiro momento, fixemos un taller no que me dedicaba a crear deseños, Joaquín facíaos realidade a través da madeira e a miña muller Isabel encargouse da súa comercialización. Comezamos sendo unha tenda online, vendendo noutras partes do territorio (Barcelona, Bilbao e Madrid, sobre todo), pero en Galicia iniciamos a venda coa apertura dunha tenda física.

2.- É dicir, que os tres xestionades todos os procesos da cooperativa.

[Fernando] Traballamos tanto o deseño e a elaboración dos produtos como a súa comercialización. Abarcamos todas as fases ata chegar ao produto final, desde o soño de crear algo ata a súa venda ao cliente. Son diferentes aspectos, que moitas veces se entrelazan, como é o caso do deseño, a arte e a artesanía. Facemos desde un xoguete, unha táboa de cociña ou mobiliario doméstico ata cadros de diferentes dimensións.

3.- Por que a fórmula cooperativa?

[Fernando] En Uruguai estabamos moi vinculados ao cooperativismo. Había unha vocación forte e coñecíamos os seus principios e valores. É unha forma de gozar do traballo diario. En esencia, o cooperativismo permite non só o feito de comercializar e poder vivir desa actividade, senón gozar da forma democrática de xerar un traballo. Non ten nada que ver con estar empregado nunha empresa tradicional. Na cooperativa todos temos responsabilidades individuais pero remamos nunha mesma dirección. 

4.- Cal é a orixe dos nomes da cooperativa e da marca comercial?

[Fernando] O nome da cooperativa está vinculado ás vetas da madeira coa que traballamos cada día, pero queriamos que a denominación da nosa marca fose unha homenaxe a un membro da nosa familia que apreciamos moito.

5.- Máis en concreto, que tipo de produtos poden atoparse os vosos clientes?

[Fernando e Joaquín] É moi variado. Traballamos con distintos provedores. Facemos xoguetes de carácter didáctico e elaborados cunha madeira responsable co medio ambiente. Ademais, deseñamos táboas de cortar e servir para tendas gourmet, así como colgadoiros e lámpadas. En canto aos cadros que realizamos, hai dúas variantes: o decorativo e o artístico.

6.- Cal é o perfil dos vosos clientes?

[Fernando e Joaquín] O perfil vén marcado moitas veces non só polo deseño, senón tamén polo prezo do produto. O tipo de madeira que empregamos tamén determina o público final. Sabemos que os nosos produtos están enfocados a un perfil moi limitado de persoas pero, gracias a que Santiago de Compostela é unha cidade universal, aberta ao mundo e moi turística, este público amplíase. Iso tamén o conseguimos a través das redes sociais e as canles dixitais. A día de hoxe vendemos en todo o mundo e en mercados tan diversos como Estados Unidos, Nova Zelandia, Xapón, ou Sudáfrica. Así ata 16 países diferentes. Esperamos ampliar os nosos horizontes no futuro a través da participación feiras e novos mercados.

7.- Que tipo de material utilizades?

[Fernando] As nosas creacións están feitas con madeira reciclada e sempre respectuosa coa contorna. Intentamos utilizar árbores locais de Galicia como o carballo e as madeiras duras.

8.- Considerades que a economía social é un modelo ideal para combinar a rendibilidade económica co benestar social?

[Fernando] Se botamos unha ollada á historia da humanidade, a maioría das relacións económicas sempre estiveron baseadas no colectivo e na cooperación. A excepción son os últimos séculos, nos que a visión foi diferente. Pero o cooperativismo e o afán por colaborar está nas raíces do ser humano. É moi difícil que unha soa persoa saia adiante co seu proxecto individual, sobre todo nun mundo no que hai tanta competencia. A mellor forma é asociarse e integrarse nunha cooperativa e facer o sistema máis solidario. Nós achegámonos a outras cooperativas para comercializar as nosas creacións e considero que entre todos debemos converter a economía social nun instrumento co que todos poidamos saír adiante.

 

Viernes, 9 Xuño, 2017 - 10:30