Entrevista a Marta Pérez, socia traballadora de Bico de Grao S. Coop. Galega

“É fundamental a sensibilización local para poder mudar as cousas”

Marta Pérez, Amaia Santamarta e Vanesa Ríos emprenderon xuntas un proxecto no que tiñan algo moi claro: ía ser cooperativo. Hai dous anos e medio abriron en Lugo o primeiro establecemento de alimentación ecolóxica a granel da cidade. Bico de Grao é, ademais, un espazo para fomentar o consumo responsable e sostible. Falamos con Marta Pérez, unha das socias traballadoras.

Por que decidistes poñer en marcha unha tenda ecolóxica?

Realmente o da tenda era unha escusa porque o que queriamos era crear un espazo de alternativas sustentables en Lugo. Ter unha tenda é o que nos facilita o acceso á cidadanía e así sensibilizala sobre a importancia da alimentación ecolóxica. Isto complementa as outras dúas patas do proxecto: a marca de deseño téxtil “Fixenoëu”, coa que facemos bonecos orixinais con material de refugallo, e as actividades organizadas, sempre acordes co noso ideario.

Como xurdiu entón este novo concepto creado?

Somos tres cooperativistas. Viñamos do sector social e sempre estivemos vinculadas a traballo en oenegués. Co traballo que tiñamos en cooperación internacional non estabamos chegando á cidadanía. Entón, tiñamos que actuar máis no local. Eu traballei durante uns anos na primeira tenda de comercio xusto de Galicia e esa experiencia serviume para ver que facía falta algo así. Parecíanos que era preciso en Lugo un espazo coma o noso.

Por que cooperativa?

Cremos que a cooperativa é a que mellor representa os valores que nos guían no traballo diario. Todas temos o mesmo poder de decisión, levamos todo a asemblea, cobramos o mesmo e o compañeirismo e o traballo compartido é o piar fundamental. Tiñamos que ser cooperativa. De feito, ao principio eramos só dúas e, como queriamos ser cooperativa, buscamos unha terceira persoa.

Traballades todas na tenda?

Si. Para nós é importante que as tres fagamos de todo. Ningunha ten máis responsabilidade ca outra. Todas cosemos, atendemos a tenda, xestionamos as actividades… intentamos que sexa compartido.

Entón no voso proxecto combínanse o interese polos valores cooperativos e o interese por un consumo responsable a nivel local.

É fundamental a sensibilización local para poder mudar as cousas. O consumo no sistema capitalista no que vivimos é o acto revolucionario que podemos facer cada día. Como consumidores temos un gran poder e fannos crer que non existe. O noso labor é facerlle saber á xente que ten moitísimo poder e, dependendo do que compre e a quen, así como da información que teña, pode mudar as cousas. Entón, tratamos de sensibilizar as persoas sobre iso, tamén sobre o impacto ambiental dun e doutro tipo de produción. Temos unha zona libre de bolsas. O ideal é que a xente veña co seu envase da casa, a botella… e nós reenchemos. Pode parecer unha molestia pero a xente fai ese esforzo. Para motivalos facemos un pequeno desconto. E a nós isto énchenos de satisfacción.

En Galicia estamos moi comprometidos cos produtos da terra e locais, pero quizais non tanto co ecolóxico. Notades que a xente está concienciada co tema ou vai coñecervos por curiosidade?

Temos un sector da clientela que está concienciado e incluso asiste ás actividades. Logo hai outro que vén máis por moda ou porque saíu na tele que hai que comer determinado produto. Nesta xente é onde temos que facer fincapé. Con respecto ao tema de Galicia, que sempre estivo vinculada á terra e case todo o mundo ten a aldea onde producir, xoga un pouco na nosa contra. Moita xente pensa que ese produto da aldea é ecolóxico e non é. Ser da casa non significa necesariamente ser ecolóxico.

Tamén facedes tamén cursos de formación, non?

Fundamentalmente imos a algún concello dar charlas ou cursos de cociña. No local temos cursos pero xeralmente veñen outras persoas a impartilos. Estamos abertas a calquera proposta. Por exemplo, temos cursos de xabón, manicura natural, ioga, calceta… Con isto pretendemos tamén revitalizar o noso barrio.

Por dicilo dalgún xeito, convertédesvos nun espazo social.

Si. Como dixen antes, a tenda é unha escusa para facer conciencia. Nas actividades é onde se xeran as relacións entre as persoas e onde se producen as cousas máis interesantes: aprender autoxestión, estar a gusto, coñecer xente que está no mesmo punto ca ti… O obxectivo é crear rede.

Como valorades estes primeiros anos?

A valoración é moi positiva. Comezamos con poucas expectativas porque non sabiamos como ía ser e contabamos con pouco financiamento. Pero a verdade é que foi sempre ben e cada día mellor.

Podes adiantarnos os próximos proxectos?

Imos facer dúas cousas que nos apetecen moito. Por unha parte, imos abrir unha tenda online para facer envíos fóra e, por outra, queriamos darlle máis vida ao proxecto dos bonecos e levalos a feiras por toda Galicia. 

 

Venres, 15 September, 2017 - 05:30

Compartir