Entrevista a Patricia Rodríguez Chao, socia da cooperativa levinRed

“Apostamos por vivir e emprender no rural, retomar as tradicións dos nosos avós e axudar ao crecemento da comarca do Ribeiro”

O viño tinto do Ribeiro, ademais de ser un caldo excelente, tamén hidrata a pel transformado en cosmética sen aditivos. Innovación baseada na tradición e no respecto á materia prima é o labor que a cooperativa levinRed leva a cabo dende hai menos dun ano en Leiro, Ourense. Patricia Rodríguez, unha das socias traballadoras (á dereita na fotografía), cóntanos como xurdiu a idea empresarial nun momento de reformulación profesional e a súa firme aposta por xerar riqueza dende o medio rural.

Empecemos polo principio, como e cando xorde este curioso proxecto?
Eu e máis o meu home, Alberto, levabamos catro anos coidando as viñas dos meus pais e elaborando viño para consumo propio por tradición. En 2015 tivemos unha colleita moi grande e ocurréuseme utilizar o sobrante para cosmética. A idea quedou aparcada mentres intentaba reconducir a miña carreira por falta de saídas profesionais, pero ao ano seguinte, como seguía igual, conteillo a Sofía, que pasaba por unha circunstancia laboral parecida. Sen pensalo moito, empezamos a traballar no desenvolvemento do proxecto.
Tras un ano de preparativos, formación e moita investigación sobre os trámites a seguir e o risco económico que nos supoñía, en xullo de 2017 naceu levinRed.

Por que decidiron instalarse na comarca do Ribeiro e non noutra das catro zonas vitivinícolas de Galicia?
Vivimos aquí. Somos tres emprendedores mozos que decidimos facer unha aposta persoal por desenvolver a nosa actividade na zona que viu nacer os nosos pais e aínda que nós non nacemos aquí, sentimos Leiro como o noso fogar. Apostamos por vivir no rural, unha tarefa difícil para as nosas carreiras profesionais, pero que, de forma implícita, supón retomar as tradicións dos nosos avós e axudar na nosa medida ao crecemento da nosa contorna.
En ningún momento pensamos en trasladarnos a outra comarca. O Ribeiro ten a denominación de orixe máis antiga de Galicia e é unha forma de reivindicar o excelente traballo que se fai na zona e darlle un valor engadido.

Que lles comentaron os veciños cando se enteraron de que ían facer cremas co viño?
Fomos moi cautelosas xa que ata que tivemos todo pechado non llo dixemos máis que ás nosas familias que, por suposto, nos apoiaron dende o principio. En canto á xente, unha vez se soubo, tivemos apoio por parte da gran maioría porque entenden, do mesmo xeito que nós, que a única forma de axudar a que o rural medre e non desapareza é emprender por difícil que sexa.

Por que deciden constituirse como cooperativa e non con outra fórmula xurídica?
Se algo tiñamos claro é que queriamos trasladar os nosos valores, aqueles que nos inculcaron os nosos pais, á nosa empresa: a transparencia, a honestidade, a responsabilidade social e o compromiso cos demais. Por iso, unha sociedade cooperativa pareceunos boa idea. Trátase dun traballo en equipo no que todos temos os mesmos valores e, sobre todo, os mesmos obxectivos. Non se trata de diñeiro, senón de persoas e do que logramos axudar á nosa contorna se a empresa vai medrando.

Canto traballo de I+D+i hai detrás da súa crema facial e do xabón?
Sobre todo hai moito desenvolvemento porque os estudos referentes ás propiedades das uvas e do viño son numerosos. Pódese seguir investigando, e estase facendo, pero esta base xa nos permite realizar cosmética de calidade.
O desenvolvemento é unha tarefa conxunta co laboratorio Iuvenor do Carballiño, que fai posible que as nosas ideas e estudos se convertan en realidade. Sabemos moi ben os produtos que queremos e como teñen que ser. Participamos activamente no proceso de formulación e dos activos que deben levar, así como na naturalidade dos compoñentes, que é dun 98%. Despois hai que probar as mostras e adecualas ao noso gusto para o resultado final. Este proceso pode durar uns 8-9 meses.

Vostedes tamén coidan persoalmente da súa propia viña?
Si, participamos activamente, especialmente o meu marido e mais eu. Encargámonos case de todo menos da poda, que sempre a fai un profesional. É o máis complicado, xa que dela dependerá a calidade da colleita. Unha vez feita a vendima tamén preparamos o viño tal e como o facían os nosos avós, de forma artesanal e sen ningún aditivo.

Que partes do froito empregan nos seus produtos?
O viño do Ribeiro, que elaboramos con uva tinta de distintas variedades.

Que os diferencia?
Precisamente é o anterior o que nos diferencia doutras marcas, que só usan algúns compoñentes da uva, pero non o viño. Tamén que son 98% naturais e mimamos cada detalle. Facemos producións moi pequenas e moi artesanais.

Para quen están pensados?
Tanto para a homes como para mulleres de máis de 30 anos porque están enfocados a peles máis maduras polo tipo de activos que os compoñen.

Onde podemos atopalos?
Na nosa tenda online www.levinred.es e tamén vendemos a través doutras webs que sirven a todo o mundo. En tendas físicas, de momento, só estamos en Ourense, Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña e nalgún balneario. Seguimos traballando e negociando con puntos de venda fóra de Galicia e moi pronto estaremos en varias capitais.
Esperamos que as negociacións funcionen para ampliar o noso mercado aínda que, a verdade, a tan só 7 meses da apertura, estamos moi contentos cos logros acadados.

Como valora o camiño que levan andado e que previsión fan do que teñen por diante?
O camiño é e seguirá sendo difícil. É un sector con moita competencia que valora moito máis o produto estranxeiro. Require moito traballo que a xente confíe na cosmética feita en España, que ten unha calidade igual ou mellor á de fóra e hai que facerllo ver.
Somos poucas persoas ao mando da empresa para facer todo e aínda que é duro emprender, sobre todo no rural porque require un esforzo maior, estamos contentos xa que o noso traballo vai dando froitos.
A xente que confía en nós non só repite porque se atopa cunha crema ou cun xabón únicos e de calidade, senón tamén cunha empresa seria e dedicada nun 90% á atención ao cliente. Con nós non hai esperas nin incidencias, sempre solucionamos calquera problema pensando na súa satisfacción. Dicímolo e facémolo, é a nosa filosofía de empresa.

 

En datos

Ano de constitución: xullo 2017
Sede: Leiro (Ourense)
Cadro de persoal: sociedade cooperativa con tres socios traballadores: Sofía Ferreiro Casa, Patricia Rodríguez Chao e Alberto García Soto.
Produtos: crema facial hidratante e antioxidante e xabón facial exfoliante
Unidades producidas 2017: 1.000
Mercado: venda online nacional e internacional. Tendas físicas en Galicia e balnearios. En negociación a expansión a tendas físicas nacionais.

 

Venres, 30 March, 2018 - 10:00

Compartir