Entrevista a Patxi Hurtado, responsable de Economía Social na ONG Ecos do Sur

Asistir as persoas migrantes ou colectivos en risco de exclusión con dignidade e integralas social e laboralmente. Este é o obxectivo da ONG Ecos do Sur, que aposta pola formación e por modelos cooperativos de emprendemento e a economía circular para xerar emprego sostible. Un dos seus éxitos é a empresa Ecolimp.

 

“O reto é que as entidades sociais vexan a economía social como unha aposta válida para os seus proxectos de inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables"

 

Ecos do Sur naceu hai case 30 anos e cada vez abarca máis actividades? Como foron os comezos?

Xa somos unha entidade veterana en Galicia. Ecos do Sur comezou desenvolvendo proxectos de cooperación desde Galicia en países como Perú, Honduras, Bangladesh e Mozambique. Ao mesmo tempo prestaba servizos de atención ás persoas que chegaban a nosa comunidade procedentes deses países do sur, con clases de idioma, asesoramento para a tramitación dos permisos, orientación laboral, atención sanitaria, etc. A partir do ano 2000 os nosos esforzos foron centrándose cada vez máis en ofrecer servizos integrais ás persoas migrantes que chegaban a Galicia e a raíz da crise económica ampliamos tamén a nosa intervención social a outros colectivos en risco de exclusión social. Aínda así 3 de cada 4 persoas que atendemos seguen sendo migrantes.

Cal e o voso ámbito de actuación?

O noso ámbito de actuación é internacional, polos proxectos de cooperación, que aínda que con menos impulso que antes, seguimos a desenvolver, e iniciativas de colaboración entre ONG a nivel europeo. No Estado traballamos en Galicia, principalmente na cidade da Coruña, que é onde está a nosa orixe e sede social, e contamos cunha delegación en Madrid que desenvolve principalmente programas de apoio ao emprego con colectivos migrantes. Temos tres liñas de traballo: o acceso a dereitos esenciais, a formación e o emprego e a activación social.

Ademais, desde 2012 temos en marcha Ad-Ecos Emprendemento Social, unha empresa constituída co fin de fortalecer e empoderar a organizacións, emprendedores/as e empresas que queren transformar o mundo. Tamén apoia o emprendemento social e iniciativas de economía social como vía para construír unha sociedade máis xusta e equitativa.

Que colectivos apoiades?

O migrante segue sendo o principal colectivo, no que tamén incluímos persoas emigrantes retornadas, refuxiadas ou asiladas, pero cada vez temos programas máis especializados con persoas perceptoras de RISGA, mulleres vítimas de trata, mulleres sobrevivintes á violencia de xénero, etc.

Cantas persoas se beneficiaron ao longo destes anos dos vosos servizos?

Nestes intres a entidade suma xa máis de 12.000 persoas usuarias que teñen aberta a súa ficha para poder acceder aos nosos servizos. A estas se lles engaden outros milleiros que teñen participado en accións de sensibilización, participación ou voluntariado nestes anos. No ano 2017, 795 persoas viñeron por primeira vez a Ecos do Sur, e chegamos aos 12.675 usuarios/as.

Vós centrádesvos nas persoas por encima de todo, do mesmo xeito que as empresas da economía social. Aparte disto, que outras características da economía social vos identifican?

Buscamos unha sostibilidade social, ambiental e económica a través do emprego e do emprendemento para as persoas, fundamentalmente as que poden ter unhas maiores dificultades sociais para a súa inserción laboral. Empregamos a innovación e a creatividade para ampliar horizontes e xerar novos xacementos de emprego sostibles que aporten oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional.

A mellor forma de integrarse na sociedade é sen dúbida ter un emprego e un salario. Como contribuídes a este obxectivo?

O emprego é imprescindible para a integración, pero nós contemplamos as persoas desde unha perspectiva holística, global, integrando todas as súas facetas. Por iso, o noso modelo de intervención baséase en itinerarios de inclusión socio laboral nos que pactamos con cada persoa usuaria o traxecto e as accións que terá que desenvolver para acadar a súa integración, trátase dun camiño que é diferente para cada persoa. No ano 2017, preto de 200 persoas completaron un destes itinerarios con nós.

Como pode encaixar o modelo cooperativo para axudar a integrar social e laboralmente os colectivos cos que traballades?

Cremos que o emprendemento colectivo a través do cooperativismo é un valor engadido que axuda a reducir os riscos inherentes a calquera iniciativa emprendedora. Nós tentamos axudar nas primeiras fases do inicio do emprendemento, empoderando as persoas, traballando con claves reais de mercado, incidindo na comercialización como factor fundamental para obter a sostibilidade económica de calquera proxecto de emprendemento, e que as persoas obxecto da nosa intervención social aprendan a traballar colectivamente.

Falamos de integración, inclusión… en resume traballo si, pero con valores como é o caso de Ecolimp. Cóntanos en que consiste e como vai esta experiencia.

Ecolimp é o resultado do traballo de empoderamento dun grupo de mulleres en situación de vulnerabilidade social, con experiencia no sector da limpeza pero con dificultades para a súa inserción laboral no mercado normalizado, en moitas ocasións polas cargas familiares coas que contan. Ese traballo de empoderamento derivou nun proxecto de emprendemento social de servizos profesionais de limpeza construído por elas coa nosa titorización (e outras entidades colaboradoras como Espazocoop) onde aprenderon a deseñar un modelo de negocio propio, a crear unha páxina web propia, a deseñar flyers publicitarios, a promocionar os seus servizos, a facer orzamentos para clientes, etc... É dicir, todos aqueles pasos precisos para xerar un negocio, pero adaptado ás súas circunstancias persoais e aos seus tempos. Ecolimp empezouse a vertebrar o ano pasado con bos resultados de acollida no mercado, e actualmente estamos cunha segunda evolución do proxecto que potencie as habilidades sociais e o crecemento persoal das persoas participantes, para que cheguen mellor preparadas á parte produtiva do proxecto.

Que podedes aplicar dos modelos cooperativos que xa están funcionando?

Tentamos transmitir aos nosos proxectos: a capacidade de traballo en equipo e toma de decisións colectivas, as súas capacidades innovadoras para transformar ideas en oportunidades reais de emprego e a busca da sostibilidade non só económica nos modelos de negocio.

Tedes algunha referencia a seguir?

Gústanos absorber coñecementos de moitas iniciativas e modelos. No ámbito galego seguimos moitas iniciativas das que aprendemos moito como por exemplo os modelos cooperativistas de Encomún, Espazocoop, Zocamiñoca, Cooperativa O Val,... Tamén de proxectos de economía social coñecidos, que no seu momento abriron camiños a entidades sociais para apostar polo emprendemento como vía de inclusión sociolaboral sostible, como La Fageda, Sokaire, etc.

Cóntanos que novas liñas de actuación estades a explorar.

Estámonos centrando moito nas iniciativas de economía circular que se poden potenciar para xerar emprego con colectivos en situación de exclusión social e traballar para potenciar as capacidades do medio rural para xerar emprego, desenvolvemento e sostibilidade: a agroecoloxía, compostaxe, actividades forestais, servizos de consumo sostible son ámbitos nos que traballamos para xerar no futuro novos proxectos para os nosos colectivos.

Que vos parecen iniciativas como os laboratorios cooperativos no rural como forma de promover o emprego a través da economía social?

Son modelos que nós viñamos traballando de maneira “informal” en proxectos de emprendemento social relacionados coa agroecoloxía e a limpeza, como Ecolimp, incidindo nos apoios e mentorización que precisaban as persoas que son motores dos proxectos e que moitas veces non tiñamos unha referencia moi clara de como abordalos. Os laboratorios cooperativos permiten estruturar mellor esas iniciativas de apoio que poidan xurdir desde o social cun modelo de itinerario baseado na adquisición de capacidades e habilidades para que as persoas que máis dificultades teñen en emprender poidan apostar polo modelo cooperativo como vía de inserción laboral. E na medida en que se vexan os resultados, máis entidades sociais apostarán por este tipo de convocatorias para xerar modelos de inclusión sociolaboral no rural. 

Cales son os retos que están por diante?

Asentar metodoloxías que propicien que as entidades sociais vexan a economía social como unha aposta válida para os seus proxectos de inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables ou con dificultades sociais. Cremos que as ONG poden contribuír moito ao desenvolvemento futuro e sostible do medio rural, aos novos modelos de economía circular que se desenvolverán nos próximos anos e á aposta por modelos complementarios á xeración de emprego que a mera intermediación laboral con empresas ou persoas empregadoras.

Que pode facer cada un de nós para axudar?

Coma sempre dicimos, identificar unha causa social que te motive, acercarse e coñecer a fondo unha entidade local que estea a traballar por esa causa social e amosar o mellor de ti para lograr un obxectivo común a prol dunha sociedade máis igualitaria, xusta, diversa e sostible.

 

ECOS DO SUR EN DATOS

Data de constitución: 14/08/1991

Sede: Avda. Finisterre nº 109, 15004 (A Coruña)

Cadro de persoal: 15 persoas asalariadas

Actividades: Inclusión sociolaboral, emprendemento social e cooperación ao desenvolvemento

Nº persoas usuarias: preto de 800 novas persoas usuarias cada ano e máis de 12.000 en total

Área de actuación: Internacional

 

Venres, 7 September, 2018 - 10:00

Compartir