Entrevista a Rebeca Sánchez, Cooperativa Abeluria

Abeluria S. Coop. Galega aposta por outro modelo laboral no que primen as persoas e a mellora social. Ofrece servizos personalizados con énfase nos valores da economía social e achega coñecemento experto sobre o cooperativismo e a economía social para formar e orientar nese ámbito a empresas, institucións e particulares.

 

Como e cando xorde Abeluria S. Coop. Galega?

As tres persoas que conformamos Abeluria coñecémonos desde fai moito. Os nosos camiños profesionais leváronnos a colaborar e, co tempo, tras pasar por outros proxectos e experiencias laborais decidimos emprender xuntas. Así que este ano levamos a cabo o proceso de constitución e comezamos a traballar con diferentes clientes que confiaron en nós. Levamos pouco como cooperativa pero contamos con traxectorias laborais amplas e variadas, e temos a confianza de empresas e asociacións para as que traballamos no pasado e que agora son os nosos clientes.

Cres que a fórmula cooperativa favorece o emprendemento?

Si. Para min Abeluria é a resposta a un emprego digno, estable e de calidade despois de anos de traballar en precario. Ademais, os valores cooperativos e as facilidades de asesoramento e acompañamento que atopas ao longo do proceso de constitución e unha vez traballando, como a existencia de entidades como Espazocoop das que podes formar parte, son factores moi a ter en conta. Non estás soa, senón que formas parte dunha rede extensa, diversa e en continuo crecemento, da que me sinto orgullosa de participar.

Quen conforma esta cooperativa?

A cooperativa formámola tres persoas: Alexandre Pereira, Ana Olveira e eu. Os nosos perfís profesionais son complementarios, eu estou centrada no eido da comunicación e a consultoría, e eles dous son especialistas en consultoría da economía social cunha ampla experiencia asesorando, formando e informando sobre cooperativismo en Galicia.

A que vos dedicades en Abeluria?

Somos unha consultora ligada á economía social galega, prestamos asesoramento e orientación a proxectos, iniciativas, empresas e eventos. Poñemos as nosas capacidades e habilidades en común para ofrecer o mellor servizo posible con énfase nos valores da economía social. Facemos consultoría empresarial e da economía social, xestión da comunicación empresarial e das organizacións, consultoría para a diversidade e igualdade de xénero e, por suposto, formación.

Sodes unha das cooperativas galegas que asinou o código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas.

Si, en xullo. En Abeluria entendemos que toda ferramenta para a mellora das actuacións e relacións da cooperativa é boa, e o código ten como obxectivo buscar un comportamento responsable, transparente, co fin de ter un impacto positivo na comunidade e tamén como medio para a mellora dos resultados. Neste sentido, recentemente solicitamos formar parte de Espazocoop, porque hai que aproveitar as ferramentas dispoñibles ao servizo das cooperativas como parte dun proceso de mellora continuo. Tamén solicitamos ser socias de servizos de Coop57 porque nos gusta a súa filosofía e a idea de poder axudar outros proxectos da economía social a facer realidade os seus soños.

E xa para rematar, que significa Abeluria?

A abeluria é unha flor moi común en Galicia que ten múltiples nomes como dedaleira, estalote, croque ou milicroque, entre outros. Queriamos unha palabra que nos recordase e conectase a Galicia e esta planta é case un símbolo primaveral nos campos galegos. Gustounos, unha vez decidido o nome buscamos quen nos fixera a imaxe corporativa e ao pouco, xa tiñamos logo, unha flor de abeluria na que os puntos simbolizan a unidade e igualdade, principios cooperativos.

 

ABELURIA EN DATOS

Ano de constitución: 2018

Sede: Santiago de Compostela

Cadro de persoal: 3 persoas socias

Servizos: Consultoría empresarial e da economía social, xestión da comunicación empresarial e das organizacións, consultoría para a diversidade e igualdade de xénero e formación.

 

Martes, 18 September, 2018 - 11:00

Compartir