Entrevista a Rosa Salgado Gómez, socia da cooperativa Miraxe

Rosa M. Salgado Gómez é unha das socias da cooperativa Miraxe, que botou a andar en xullo de 2017. Salgado é unha profesional do sector da promoción e produción cultural.
Da súa man coñeceremos un pouco mellor esta nova cooperativa cultural que xa conta con trece persoas socias.

1. Miraxe está conformada por trece persoas, como chegastes a xuntarvos para formar unha cooperativa?
O catalizador de toda esta idea e de que comezáramos esta aventura foi Carlos Boado, que hoxe é o presidente da cooperativa. El foi quen tivo a idea e quen comezou a falar con cada un de nós. Ao redor del xuntámonos un grupo de persoas que compartíamos as mesmas inquedanzas. Nun principio éramos dez pero agora xa somos trece.

2. O modelo cooperativo era o que mellor se  axustaba aos vosos intereses?
Pois si, o modelo cooperativo e, en concreto, a cooperativa de traballo asociado, xa que unha das nosas principais pretensións era a de fortalecer os nosos postos de traballo, pelexar por acadar unha estabilidade para cada un de nós e para todas as persoas que se sumasen nun futuro. Optamos polo modelo cooperativo por moitas razóns, non só pola estabilidade profesional e laboral que todos queriamos, senón porque tamén proporcionaba unha serie de posibilidades que por separado non contemplabamos, como, por exemplo, a formación. Para as persoas socias de Miraxe a formación é algo fundamental porque o noso perfil é moi técnico e precisamos estar continuamente formándonos.

3. Vivistes experiencias laborais moi diversas antes de decantarvos polo emprendemento cooperativo? Cales son as diferencias que hai entre Miraxe e as vosas experiencias profesionais previas?
Na cooperativa somos de orixes diversos; a maioría traballabamos para outras empresas, algúns  eran  autónomos e outros empresarios. Probamos diferentes fórmulas de emprender e a verdade é que a diferenza é moi grande. O punto de vista é diferente, a economía social permitiunos descubrir un mundo que non coñecíamos e que nos cambiou moito a perspectiva. Agora primamos nós, as persoas socias somos o máis importante.

En Miraxe preocúpanos a calidade e o servizo que damos aos demais, pero sempre velando polo benestar das persoas que formamos parte da cooperativa, procurando que se cubran todas as necesidades que poidamos ter como traballadores.

4. Cal é a situación hoxe en día en Galicia da cultura, especialmente no ámbito das artes escénicas?
En Galicia, de maneira histórica, traballamos un pouco cada un polo noso lado e necesitamos unha cohesión moito maior. Creo que temos en Galicia os mellores profesionais e artistas, realmente somos quen de demostrar ao mundo que temos moitas cousas boas. Tamén precisamos impulso desde a Administración para facilitar que todo este tecido, que toda este arte se poida trasladar a outros lugares, co fin de mostrar e promocionar o noso fóra das nosas fronteiras.

5. Actualmente, existe moita demanda de entidades relacionadas coa vosa área de traballo?
Pois coa nosa, en concreto, si, porque o noso perfil é moi técnico. Os profesionais do sector, xa sexan músicos, artistas ou outra mostra cultural de calquera tipo, como artes plásticas ou artes escénicas, necesitan este perfil técnico, por iso creo que temos un nicho de traballo e unha demanda importante.

6. Cales son as características que diferencian a Miraxe respecto doutras cooperativas do sector cultural galego?
Ese perfil técnico que comentaba, porque a maior parte das cooperativas que hai no ámbito cultural en Galicia traballan máis na representación artística e na organización de eventos, e nós temos esa parte en menor medida, e en maior medida temos un perfil máis técnico, con iluminación, coordinación e produción, que ao mellor outras cooperativas non poden afrontar.

7. Colaborades con algunha outra cooperativa cultural?
Traballamos tanto con cooperativas do ámbito cultural como doutros ámbitos. Sempre que necesitamos un servizo de calquera tipo acudimos primeiro aos directorios de economía social. En Miraxe estamos cada vez máis comprometidos coa economía social e, cada vez máis, queremos consumir desa economía social e retroalimentarnos.

8. De todos os proxectos de Miraxe, cal destacarías como o principal fito?
Gustaríame destacar como fito, malia que levamos pouco tempo, que en tan só un ano e medio temos tres novos socios e que dous deles son persoas moi novas. Quizais agora mesmo este sexa o noso maior fito: sumar novos socios e que sexan xente nova que demostra a súa profesionalidade e que ten moito futuro por diante.
 

MIRAXE EN DATOS

Ano de creación: 2017
Nº de persoas traballadoras: 11 persoas
Ámbito de actividade: artes escénicas
Web: www.miraxe.coop

 

Luns, 11 February, 2019 - 11:00

Compartir