Entrevista a Silvia Alende Xerente de Coinco - Transporte Adaptado

“É determinante que a sociedade tome conciencia da necesidade de incluír a todas as persoas, sen distincións”

Máis de 20 directivas de entidades de economía social asistiron o outono pasado ao programa Medrando Xuntas da Xunta de Galicia. Unha formación que, como valora a xerente de Coinco - Transporte Adaptado, Silvia Alende, lle serviu para actualizar os seus coñecementos técnicos pero, sobre todo, para coñecer máis cerca á “realidade feminina” do sector en Galicia.

 

En que consistiu o programa Medrando Xuntas?
Foi unha formación dirixida a directivas e traballadoras de empresas de economía social na que conseguimos xuntar a un grupo incrible de profesionais con responsabilidade en fundacións, cooperativas, confrarías, asociacións, centros especiais de emprego, etc. Tamén recibimos asesoramento por parte dos formadores. Estivo moi axustado ás necesidades de cada entidade polo que lle puidemos sacar o máximo partido.

Por que decidiu apuntarse? Cumpriu os obxectivos que se marcara?
Apunteime por ampliar formación. Medrando Xuntas toca temas moi diferentes da xestión de persoas e dos negocios. Buscaba un punto de vista global e actualizado sobre eles e conseguino. Outro resultado inesperado, e moi gratificante, foi coñecer ás compañeiras, a súa alta cualificación e os seus traballos en realidades diferentes, pero con moitos puntos en común.

Cal foi a formación que máis lle chamou a atención?
Xestión de xénero e diversidade ou a situación da muller na economía galega. Coñecía o resto de bloques formativos en maior ou menor medida porque son máis técnicos, pero admito que non esperaba as estatísticas do panorama actual en cuestións de xénero.

Son necesarias máis iniciativas deste tipo para fomentar que as mulleres galegas ocupen o lugar que lles corresponde no mercado laboral?
Por suposto que si, como punto de encontro e actualización de contidos. A formación técnica é algo imprescindible para o posto, é fundamental tela de base, e nestes foros amplíanse puntos de vista, contactos e contidos. É unha experiencia moi enriquecedora.

Puido poñer en práctica os coñecementos aprendidos en Coinco?
Como parte da optimización de procesos propios da empresa, estas xornadas amplían as posibilidades de aplicación tanto de habilidades directivas como a nivel de xestión, tendo en conta os compoñentes de innovación e responsabilidade social.

Como xorde Coinco, o nome comercial de Accede Social, S.L.?
Inicialmente, como resposta a unha problemática no acceso ao transporte público de moitas persoas con mobilidade reducida. Comezamos con transporte adaptado en furgonetas para cubrir os desprazamentos de asociacións e posteriormente, organizando rutas para centros de día e algún concello próximo. Tamén vimos opcións de medrar presentándonos aos concursos de transporte adaptado que hai en Galicia, xerando máis oportunidades para as persoas con discapacidade e ofrecendo un servizo necesario nunha comunidade cunha gran dispersión xeográfica á vez que se dá resposta á problemática no acceso ao transporte. Somos os únicos no sector que traballamos exclusivamente o transporte adaptado.

Que balance fan destes 16 anos de traxectoria profesional?
O obxectivo de xerar oportunidades para as persoas con discapacidade foi e segue sendo a principal premisa. A inclusión laboral e social é o noso motor. De feito, o 100% das persoas contratadas somos persoas con discapacidade. Para que esta actividade sexa estable no tempo é imprescindible que teña certa autonomía económica, reinvestindo na mellora continua e nas propias persoas.

Atopouse con algunha dificultade no mercado laboral por ser muller ou ter unha discapacidade?
Como calquera muller encontrei un mercado laboral que, en xeral, primeiro recela da planificación familiar e despois valora cualificación e experiencia. Admito que no meu caso o certificado de discapacidade non foi un problema. O importante é pór en valor as capacidades das persoas e non situar o foco nas limitacións. Cómpre superar esta barreira coa que nos atopamos todas as persoas con discapacidade.

Queda moito camiño por percorrer no eido da inclusión?
A realidade é que si. As empresas que identifiquen o enorme potencial da diversidade destacarán sobre as demais. Como sociedade temos que despegar prexuízos e estigmas para poder camiñar cara a unha sociedade realmente inclusiva.

Dende a súa posición como integrante dunha entidade de economía social, ve oportunidades de traballo no sector? Cre que se están aproveitando?
A economía social está caracterizada pola presenza en todos os sectores económicos con empresas de todos os tamaños. É un motor económico que supón o 10% do PIB. Visibilizar a economía social ante a sociedade é determinante porque incide directamente na calidade de vida das persoas, xera emprego estable, cohesión social, desenvolvemento sostible económico e medioambiental e igualdade de oportunidades.

Como centro especial de emprego que son, vostedes defenden todos os días os valores de respecto, igualdade, inclusión, solidariedade, cohesión, pero afrontará a xornada de hoxe (Día Internacional da Muller) dalgunha maneira especial?
Os valores son o ADN da economía social, o punto de partida, os medios e o fin último da nosa actividade cada día. É determinante que a sociedade tome conciencia da necesidade de incluír a todas as persoas, sen distincións, e que todas as mulleres poidamos gozar dunha vida plena como protagonistas das nosas propias decisións, e participar socialmente en igualdade.

 

En datos

Ano de constitución: 2011

Sede: Santiago (A Coruña)

Centros de traballo: Santiago de Compostela, Neda e Mos

Cadro de persoal: 65 persoas, 100% persoas con discapacidade

Postos: coordinador/a de transporte, xerente, resp admón, administrativas/os, condutoras/es e auxiliares de ruta (acompañantes).

Servizo prestado: transporte regular e discrecional de viaxeiras/os por estrada (transporte para grupos). Deseño de rutas a demanda.

Frota: microbuses de 19 prazas + condutor + 4 PMR adaptacións para persoas con mobilidade reducida.

Viaxes/ano: 200-230 persoas/ano

 

Mércores, 7 March, 2018 - 18:30

Compartir