Estudantes de Teixeiro aprenden cooperativismo con AGACA e Rede Eusumo

 

  • Unha vintena de estudantes de primaria do CEIP de Teixeiro visitou esta mañá Casa Grande de Xanceda para aprender sobre economía social e cooperativismo.
  • A actividade é parte da Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017.- A SAT Casa Grande de Xanceda acolleu esta mañá ao alumnado de último ciclo de primaria do CEIP de Teixeiro (Curtis).

O obxectivo da actividade, enmarcada nun obradoiro de“Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito”, é dar a coñecer este modelo de negocio a estudantes, para que o teñan en consideración como fórmula de emprendemento e crecemento profesional.

Tras unha charla na que se explicaron as características e valores do cooperativismo, os estudantes visitaron as instalacións de Casa Grande de Xanceda, que se dedica á fabricación de derivados lácteos ecolóxicos, para coñecer de primeira man o seu proceso produtivo, dende o manexo do gando ata a propia fabricación de iogures, queixos e outros alimentos con base láctea.

Rede Eusumo

Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O curso pasado participaron máis de 800 estudantes de 26 centros educativos nas actividades de AGACA e Rede Eusumo. 

Mércores, 22 March, 2017 - 09:45

Compartir