Expertos en protección de datos e ciberseguridade imparten formación na xornada Economía Social Meeting sobre seguridade dixital

Dous expertos en lexislación sobre protección de datos e ciberseguridade, José Manuel Sendín, avogado especializado en novas tecnoloxías e Rafael Villaverde, CEO de Infonet, impartiron un taller organizado por AGACA o pasado sábado 21 de setembro no marco do Foro pola Economía Social.

Esta xornada gratuíta estivo orientada a entidades que operan baixo o modelo da economía social, na que participaron integrantes de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.

Na xornada Economía Social Meeting sobre seguridade dixital, José Manuel Sendín, avogado do bufete Sistemius e especializado en novas tecnoloxías, explicou a normativa asociada á protección de datos e as posibles consecuencias para as empresas de non estar ao tanto, xa que teñen a obriga de cumprir as normas nesta materia.
Tamén aclarou as diferenzas entre as figuras de responsable e de encargado do tratamento dos datos nas empresas segundo o último Regulamento (RGPD), en vigor dende maio de 2018 e que a día de hoxe aínda non adaptaron axeitadamente un número importante de empresas, insistindo en que “canto máis proactivos e responsables sexamos, máis seguros estaremos”.
Por outro lado, Rafael Villaverde, CEO de Infonet (empresa de soporte técnico e seguridade) falou tamén sobre boas prácticas sobre seguridade informática e incluso compartiu algunha recomendación como que os contrasinais teñan, polo menos, 13 caracteres para que resulten máis complicadas de descifrar.

Esta actividade enmárcase na Programación da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

 

Mércores, 25 September, 2019 - 10:00

Compartir