Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia: “Un dos grandes valores da economía social é a xeración de emprego en diversos sectores e a fixación de poboación no rural”

Cales son as oportunidades máis destacables para a economía social de Galicia no marco da Axenda 20 da Xunta?

A Axenda 20 para o Emprego inclúe ferramentas específicas para impulsar a economía social nunha firme aposta pola igualdade de oportunidades e por un traballo estable e de calidade. Deseñamos o Programa Aprol para promover o emprego no sector, que contempla axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras, con especial atención ao emprego feminino, ao das persoas menores de 30 anos e aos proxectos que se desenvolvan en concellos rurais.

Tamén ofrecemos apoios para os programas de integración e intercooperación enfocados á posta en marcha de proxectos entre entidades de economía social e de colaboración empresarial apostando polo I+D+i, a comercialización ou a internacionalización.

Ademáis, as cooperativas poden beneficiarse do programa de microcréditos para microempresas e do Fondo de Economía Social (FES) de XesGalicia, de modo que poidan desenvolver novos proxectos ou impulsar o crecemento das que xa estean en marcha, especialmente no eido rural.

 

Pode ser a economía social unha gran impulsora do tecido empresarial no eido rural? En que sectores sería posible ademais do agroalimentario?

As cooperativas sempre foron unha fórmula empresarial con moito peso no eido rural, non en balde, algunhas das máis grandes de Galicia pertencen ao sector agroalimentario. Un dos grandes valores destas cooperativas é a xeración de emprego e a conseguinte fixación de poboación no rural. Ademais, nos últimos anos puidemos comprobar como xorden novas iniciativas de economía social e xa son moi variados os negocios que nacen desde e para o rural. De feito, xorden modelos de negocio que supoñen unha evolución das actividades tradicionais. Falo de agricultura ecolóxica, aproveitamentos forestais, cosmética, turismo, téxtil ou culturais, entre outros.

 

2016 foi testemuña de importantes procesos de integración: tres cooperativas que formarán un gran grupo lácteo e a fusión de entidades representativas do sector en Espazocoop. Haberá máis procesos de unión?

Estes procesos son unha mostra das oportunidades que supón o aumento de tamaño de empresas e organizacións para ofrecer con maior solvencia os seus produtos e servizos. Desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiamos a integración e colaboración entre empresas de economía social a través dunha liña específica de axudas coa que pode financiarse o apoio profesional para a consolidación destes procesos.

 

Co novo ano bota a andar Espazocoop, que integra o que agora coñecíamos como Ugacota, Sinerxia e Ucetag. Que supón esta unión para o sector?

A súa razón de ser é gañar capacidade de representación e eficiencia no desenvolvemento dos seus fins, que se poden resumir en tres grandes liñas: unha maior visibilización da súa actividade e do cooperativismo galego; construír unha unión máis sostible e eficiente; e a consolidación do asesoramento e o fortalecemento dos servizos prestados ás entidades do sector. Con esta fusión, Espazocoop pasará a ser a entidade asociativa con maior número de cooperativas asociadas en Galicia, con máis de 180 entidades que dan emprego a case 1.700 persoas.

 

Segundo a patronal Cepes, o 80% dos contratos de traballo na economía social é indefinido. Ten que ver isto coa súa maior preocupación polas persoas sobre o capital?

Si, totalmente. A proba máis evidente é que nalgunhas destas entidades os propios traballadores son os propietarios da empresa, o que sen dúbida é un indicativo de calidade no emprego. Neste sentido, as entidades de economía social e a Administración traballamos nun obxectivo común, que as persoas traballadoras que en Galicia viven do sector teñan unha relación laboral estable e de calidade.

 

Durante a crise, as empresas de economía social reduciron un 6,5% menos de emprego que a media. Que factores fan que sexan tan resistentes?

Novamente, é básica a maior importancia que nestas entidades se lle da ao factor humano. As empresas de economía social teñen unha dinámica propia, marcada, sobre todo, pola figura do socio traballador, que é empregado e empresario ao mesmo tempo. Isto permite unha maior flexibilidade e resistencia, que se nota especialmente nas épocas de crise.

 

A Xunta vén de publicar un manual de RSE específico para entidades de economía social. En que consiste?

O manual busca converterse nun documento de referencia para a posta en marcha de actuacións responsables e estratexicamente competitivas nas organizacións que conforman a economía social.  Nel móstrase como se poden aplicar as políticas e accións de responsabilidade social na diversidade empresarial do sector.

Hai que salientar que os principios que a RSE incorpora ao mundo empresarial, tales como equidade, dereitos humanos, integración social ou transparencia, coinciden plenamente cos principios fundamentais das entidades de economía social, polo que a RSE aplícase nela de forma case natural.

 

A Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo, fixo un gran esforzo de comunicación en 2016 para fornecer a economía social na nosa comunidade. Que fitos destaca?

Estamos moi satisfeitos polo crecemento e consolidación da rede, que chega xa a 168 entidades socias, entre as que cabe destacar máis dun terzo dos concellos galegos. A comunicación é fundamental para visibilizar o sector e xerar novas oportunidades de negocio e creación de emprego. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou as máis de 150 actividades de formación, fomento e difusión da economía social realizadas polos socios da rede, que puideron contar con máis de 800.000 euros en axudas.

Sen dúbida merece destacarse a intensa actividade de difusión levada a cabo no mes de xuño de 2016, con actuacións en diversas vilas e centros educativos, e que culminaron coa celebración do Día do Cooperativismo que tivo lugar o 2 de xullo. Tamén cómpre destacar que a Rede Eusumo, a través dos seus diferentes perfís en redes sociais, chegou a máis de medio millón de persoas en 2016.

 

En definitiva, como valora a evolución da economía social en 2016 e cales considera os principais retos para 2017?

O ano que remata foi positivo para a economía social, non só en Galicia, a nivel mundial se afianza como unha gran oportunidade para a actividade económica e o emprego, e con gran flexibilidade para adaptarse ás novas tendencias de mercado. En Galicia o 2016 destaca por terse aprobado a Lei de Economía Social de Galicia, coa que se trata de recoñecer e poñer en valor as achegas deste sector para o crecemento económico sustentable.

2017 será o ano no que se plasmarán algunhas das medidas previstas na Lei, como é a constitución do Consello da Economía Social de Galicia, co que se lle dará voz a unha gran diversidade de sensibilidades empresariais; definiremos un plan de impulso da economía social;  estenderemos a mensaxe cooperativa a máis persoas, e intensificaremos os esforzos en formación e asesoramento.

Venres, 30 December, 2016 - 12:00

Compartir