Isabel García: "Xedega naceu do reto de crear unha empresa distinta, na que non houbera un liderado autoritario"

Xedega é unha empresa atípica. Primeiro, pola historia que ten detrás. E segundo, por optar pola fórmula cooperativista nunha época na que estaba case restrinxida ao eido agrario. Agora, 25 anos despois do seu nacemento, entrevistamos á súa presidenta para saber máis sobre os seus proxectos, visión e sensibilidade arredor da economía social.

Como e por que xurdiu Xedega?

Aínda que levo moitos anos traballando na cooperativa, non formei parte do equipo fundador. Xedega naceu hai 25 anos da iniciativa dun pequeno grupo de mozos e mozas que eran membros dunha asociación de economía social da Universidade de Vigo. Cando remataron a carreira de Economía, comprobaron que había unha oportunidade para unha cooperativa no eido da asesoría. Eran persoas que tiñan un gran coñecemento do cooperativismo e tamén estaban moi concienciados, sobre todo a raíz da situación problemática de diversos sectores naquela época, como o téxtil, naval e o metal. Actualmente, dos membros fundadores, na cooperativa só traballa Maxi Pereira.

A fórmula cooperativa era algo que xa coñecían da universidade, sen embargo, houbo outros motivos que impulsaron a optar por esta vía e non unha empresa máis convencional?

Coa cooperativa, os seus creadores querían ser coherentes. Había que facer as cousas dunha forma diferente da que se estaba facendo naquel momento, de aí que escolleran o reto de constituír unha empresa distinta, na que non houbera un liderado autoritario. A cooperativa era a fórmula perfecta para ser todos iguais e ter as mesmas obrigas e dereitos. Aquí non hai un xefe e un subordinado. Ademais, é unha opción máis flexible, sobre todo cando comezas e non podes contratar a ninguén.

Xedega é un acrónimo formado a partir de “XEstionando e Desenvolvendo Empresas GAlegas”. Cales son os desafíos para impulsar as compañías da nosa comunidade?

É unha pregunta de difícil resposta. En primeiro lugar, cómpre mellorar todos os procesos de tramitación que dependen das administracións públicas, no que as empresas botan en falta unha maior accesibilidade, especialmente cando teñen que solucionar situacións puntuais de liquidez e aprazamentos. Tamén son retos as relacións con provedores e bancos. Independentemente de cada empresa, é importante unha boa xestión e levar a cabo auditorías e comprobacións da situación financeira de xeito periódico. E non só me refiro a sociedades privadas, senón tamén a institucións públicas e entidades doutro tipo.

Trátase de facer un seguimento continuo para obter datos e tomar decisións axeitadas.

Traballades con empresas de todo tipo ou só cooperativas?

De todo tipo, aínda que, dada a nosa experiencia e coñecemento, as cooperativas son a parte máis importante da nosa clientela.

Que proxectos de Xedega destacaría?

Poderíamos destacar varios, pero recordo en especial a nosa participación na elaboración do Estatuto do Socio Traballador, un manual que contou coas achegas de moita xente, entre elas as nosas. Outro dos proxectos nos que estamos a traballar e nos está a facer moita ilusión é o que chamamos Resort Cooperativo-Espazo Convive, no que pretendemos impulsar a creación dunha alternativa a un centro de maiores xestionado a través dunha cooperativa. 

Xedega participou no proxecto Seforis. Como foi a experiencia?

Seforis son as siglas en inglés de “Emprendemento social como forza para unha sociedade máis inclusiva e innovadora”. Trátase dun programa de investigación multidisciplinar financiado pola Comisión Europea que investiga o potencial das empresas social na Unión Europea. Dirixido dende Londres, foi unha experiencia moi positiva que fixo vernos e autoanalizarnos dende unha perspectiva global e moi integradora.

Considera que a economía social e o cooperativismo están en auxe?

Si, así é. Están en auxe. Nas empresas convencionais hai moitos pactos establecidos entre o propietario ou xerente e o traballador que logo non se cumpren. Nas cooperativas, sen embargo, hai igualdade.

Os datos oficiais de distintas entidades apuntan a unha maior resistencia das cooperativas ante situacións de crise económica como a que vivimos despois de 2008. Percíbese esa realidade dende Xedega?

Si, existe unha maior resistencia fronte á crise, o cal está estreitamente vinculado coa flexibilidade que permiten as cooperativas. Os traballadores son, en xeral, os socios, polo que se adaptan con maior rapidez, debido a que hai un maior compromiso co proxecto.

Como considera a experiencia de traballar nunha cooperativa en comparación con outro tipo de empresa?

Antes de comezar en Xedega traballei en empresas convencionais e as experiencias non teñen nada que ver. Prefiro o modelo cooperativista. É certo que tes unha maior responsabilidade, pero tamén che permite personalizar moito máis o teu traballo e o teu proxecto profesional conseguindo unha maior adaptación á túa situación persoal.

 

Venres, 8 July, 2016 - 10:00

Compartir