LORENZANA DESTACA OS VALORES DA ECONOMÍA SOCIAL E SINALA QUE É “FORZA CLAVE” DO MERCADO LABORAL GALEGO CON PRETO DE 175 NOVAS INICIATIVAS CREADAS NO ÚLTIMO ANO

LORENZANA DESTACA OS VALORES DA ECONOMÍA SOCIAL E SINALA QUE É “FORZA CLAVE” DO MERCADO LABORAL GALEGO CON PRETO DE 175 NOVAS INICIATIVAS CREADAS NO ÚLTIMO ANO

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura da xunta directiva da Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes)
  • Lembrou que ata o próximo 30 de setembro aínda poden solicitarse as axudas dos bonos Consolida e Es-Transforma e do programa Aprol Economía Social
  • A Xunta está a apoiar este ano este modelo empresarial con 35 millóns de euros, un 6,1% máis que en 2021

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe os valores que promove a economía social, un modelo empresarial que, nas súas palabras, é “forza clave” do mercado laboral galego con máis de 7.000 entidades e empresas galegas das que se crearon só no último ano preto de 175 novas iniciativas. “A economía social é un selo de identidade da nosa comunidade que representa moi ben valores que caracterizan ás galegas e galegos”, subliñou no acto de clausura da xunta directiva que a Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes) celebrou en Santiago de Compostela.

Lorenzana destacou que é un modelo solidario, que antepón os beneficios sociais á rendibilidade financeira; é unha fórmula que xera un emprego máis estable e de maior calidade, inclusivo e igualitario; actúa contra las desigualdades e a favor da redistribución equilibrada dos recursos e da riqueza fortalecendo tamén a democracia institucional; é máis resiliente, xa que supera mellor situacións económicas desfavorables; e está vinculado ao territorio, comprometido coas particularidades do seu entorno e da súa comunidade. “Son todos eles valores que como a responsabilidade, a solidariedade e a igualdade coinciden cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marca a Axenda 2030”, remarcou.

Deste xeito e por estes motivos, a titular de Promoción do Emprego destacou que a Xunta segue a apostar pola economía social con apoios este ano por máis de 35 millóns de euros, o que representa un 6,1% máis que en 2021. Entre os programas postos en marcha en 2022 polo departamento autonómico, lembrou que aínda poden solicitarse, ata o próximo 30 de setembro, as axudas dos bonos Consolida (con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética) e Es-Transforma (con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional); e os apoios do Aprol Economía social, ao que se destinou neste exercicio 3,8 millóns para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas.

A conselleira, así mesmo, puxo en valor a Rede Eusumo, unha iniciativa que cumpre 10 anos de traballo acompañando, formando e asesorando a todas aquelas entidades que apostan por este modelo de economía.

Indicou, ademais,  que Galicia demostra ser “un escenario propicio” para levar a cabo iniciativas de economía social, xa que recordou que a Comunidade galega conta cunha lexislación específica adaptada ás súas particularidades específicas.  De feito, Galicia foi a primeira comunidade en adaptar a Lei española de economía social de 2011 á normativa autonómica. Tamén lembrou que a Xunta desenvolveu a Estratexia Galega de Economía Social (2019-2021) á que se destinaron 89 millóns de euros para impulsar novas fórmulas empresariais coas que xerar emprego. A través desta planificación creáronse 150 entidades máis das estimadas, xerando 715 novos postos de traballo. Así, Lorenzana apuntou que ante estes bos resultados, a Administración autonómica traballa na actualidade nunha segunda estratexia para seguir impulsando esta fórmula empresarial.

Para rematar, agradeceu á Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes) que escollera Santiago de Compostela para celebrar a súa xunta directiva, lembrando que a cidade compostelá ostenta este ano a capitalidade española da economía social.

 

Martes, 20 September, 2022 - 17:45

Compartir