Maite Cancelo Márquez, directora do CECOOP

“Os procesos de unión de cooperativas son moi beneficiosos e non teñen por que supoñer a perda da identidade dos seus integrantes”

Recentemente nomeada directora do CECOOP, Maite Cancelo conversa coa Rede Eusumo sobre as novidades na investigación no eido da economía social en Galicia, ademais de abordar a realidade dos procesos de integración nas cooperativas da nosa comunidade. Neste entrevista, tamén pon de manifesto a importancia da comunicación e de Internet no impulso dos proxectos empresariais que agroman no sector.

O CECOOP vén de participar no IX Coloquio Ibérico Internacional de Cooperativismo e Economía Social, que tamén organizou conxuntamente co CIRIEC, e no IV Encontro da Rede de Mozos Investigadores en Economía Social (REJIES), celebrados en outubro en Compostela. Estes encontros debateron sobre os retos de investigación na economía social. Cales son as súas conclusións e predicións?

Foron moitos os temas analizados durante a celebración das xornadas, nas que se ratificou o compromiso de CIRIEC e do CECOOP coa economía social, co seu coñecemento e a xeración de ferramentas que axuden ao seu desenvolvemento. Así, entre outras cuestións, analizáronse as leis galega e portuguesa de economía social, ademais do panorama da lexislación europea nesta materia. Tamén se presentou o informe realizado por CIRIEC para o Comité Económico e Social Europeo sobre a evolución recente da economía social na UE e sobre o desempeño da RSE  na economía social. Outros temas debatidos foron a medición do impacto social destas entidades na redución das desigualdades ou algunhas experiencias de elaboración das contas satélite da economía social.

Nos últimos meses produciuse un proceso de reordenación do asociacionismo do cooperativismo galego, que tivo un gran impulso coa creación de Espazocoop. Considera que nas empresas do sector tamén é necesaria unha maior agrupación?

Son numerosos os beneficios que se producen tras os procesos de integración, sobre todo no ámbito do cooperativismo agrario, onde a escasa dimensión empresarial fai que o poder de negociación sexa moi reducido, especialmente nunha contorna competitiva onde hai grandes empresas distribuidoras. Unha maior dimensión, ademais, leva a unha mellora nos procesos produtivos, unha maior capacidade de acceso ao financiamento, de avance tecnolóxico e de abaratamento dos custos de produción. En Galicia, podemos ver exemplos recentes de integracións existosas en cooperativas de segundo grao, como Clun e Aira. Se se analizan outras experiencias internacionais, por exemplo en Dinamarca e Holanda, onde a concentración é moi elevada, atopámonos cun menor número de cooperativas, pero cun volume de facturación medio por cooperativa e por socio moito máis elevado que o que se produce nas economías do sur de Europa, onde o grao de atomización é  maior.

Precisamente un dos desafíos que apuntan entidades como Espazocoop é o de aumentar o tamaño das empresas de economía social. Como se pode facer este proceso mantendo a identidade cooperativa?

A identidade cooperativa tras un proceso de integración non ten por que perderse. Estes procesos parten dunha análise das entidades que participan no mesmo, análise do seu patrimonio, pero tamén dos seus valores e principios. Estes procesos, en calquera caso, non son sinxelos e requiren dunha planificación e organización que conte co maior consenso posible, pero os beneficios para os socios son moi elevados, polo que a negociación busca sempre alcanzar un acordo satisfactorio para todas as partes, cunha relación sempre equitativa entre todas as entidades participantes.

A comunicación, tanto externa como interna, é un dos eixos sobre os que máis quere incidir o sector para gañar notoriedade e incentivar a máis emprendedores a optar pola economía social. Sobre que liñas considera que se debe basear esa estratexia de comunicación?

A comunicación é imprescindible para a supervivencia e o éxito das empresas de economía social e, con todo, moitas veces descóidase por falta de tempo ou de cualificación, entre outras razóns. Son numerosas as ferramentas que se poden utilizar para mellorar a estratexia de comunicación, neste sentido, a posta en común de experiencias de éxito, o uso das redes sociais, a realización de actividades en contornas educativas, pero tamén a formación específica dos axentes que interveñen no apoio aos emprendedores, son algunhas das liñas de actuación que hai que continuar desenvolvendo.

Durante a crise económica, as empresas de economía social resistiron mellor que as convencionais, precisamente pola súa propia estrutura, filosofía e dinámica. Constata un maior atractivo cara as cooperativas ou sociedades laborais por parte da sociedade?

Os datos publicados pola Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES) mostran que estas entidades xa representan en España o 10% do PIB, o 12,5% do emprego e que case un 43% da poboación está vinculada dalgún xeito á economía social. Estas entidades, ademais, xeran emprego estable e de calidade, cun 80% de contratos indefinidos, e están presentes en todos os sectores económicos. O atractivo destas fórmulas empresariais constátase co feito de que nos últimos oito anos, constituíronse 29.000 novas empresas que crearon 190.000 postos de traballo, dos que o 47% pertencen a persoas con menos de 40 anos. Outro dato importante é que estas entidades dan emprego a 128.000 persoas con algunha discapacidade ou en risco de exclusión, o que reafirma o seu papel integrador no mercado laboral.

A forma de traballar e de relacionarse no mundo dos negocios está cambiando debido a Internet, os novos modelos empresariais e a necesidade de conciliación. Que papel ten a economía social e cales son as súas vantaxes respecto á convencional?

Os propios principios que rexen  as entidades englobadas dentro da chamada economía social, tal e como recollen as leis española e galega, xa marcan unha vantaxe de partida destas entidades sobre as chamadas empresas convencionais e, en particular, o que recolle é: “a  promoción da solidariedade interna e coa sociedade que favoreza o compromiso co desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, a inserción de persoas en risco de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a sustentabilidade”.

Algúns destes principios, entre outros, son compartidos polas novas fórmulas de Responsabilidade Social Empresarial, que buscan minimizar os efectos negativos que provocan certos comportamentos das organizacións, co obxectivo de lograr un desenvolvemento económico sustentable e de mellor calidade. Neste sentido, xa hai un elevado número de organizacións da economía social que desenvolven os seus propios plans de RSE e que contribúen a ser considerados axentes socialmente responsables e comprometidos coa sociedade.

Que tipo de proxectos de investigación sobre economía social se están levando a cabo actualmente en Galicia? Que diferencias hai respecto ao que se fai no resto do Estado?

Os campos de investigación dentro da economía social son moi amplos e variados, non só polas grandes diferenzas das entidades que compoñen este sector, senón tamén polo propio enfoque que se pode utilizar, máis económico, máis xurídico. É moi difícil ter unha listaxe sobre toda a investigación que se realiza en Galicia ou en España neste tema, e non se aprecian grandes diferenzas en canto ao ámbito concreto de estudo. En canto aos resultados das investigacións realizadas, pronto dispoñeremos das actas do IX Coloquio Ibérico Internacional de Cooperativismo e Economía Social, que axudarán a dar impulso a novas liñas de traballo, e xa dispoñemos da nova publicación da Revista Xurídica de Economía Social e Cooperativa, editada por CIRIEC, e no que, baixo a fórmula de monográfico, varios autores (algúns deles integrantes do CECOOP) analizan a forma xurídica das diferentes entidades da economía social, polo que é unha importante ferramenta  que permite o coñecemento individualizado de cada unha delas, ao mesmo tempo que observa os elementos comúns que definen este sector.

 

Xoves, 9 November, 2017 - 13:00

Compartir