Os estudantes do CEIP Manuel Mato Vizoso achéganse ao cooperativismo con AGACA e Casa Grande de Xanceda

O Obradoiro "Divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito” segue en marcha dando a coñecer o mundo do cooperativismo aos máis novos. Nesta ocasión, corenta estudantes do CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba participaron a mañá do 9 de abril de 2018 tiveron a oportunidade de visitar a SAT Casa Grande de Xanceda. Desta forma, os rapaces e rapazas puideron achegarse á realidade das cooperativas, a fin de que a teñan en conta no futuro coma unha opción de negocio que lles permita prosperar no entorno rural.

Os técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) foron os encargados de impartir a formación, que a través deste obradoiro transmitiron as vantaxes das cooperativas, destacando como valores positivos a toma democrática de decisións, a distribución equitativa de beneficios ou o contar cun maior respaldo de cara o emprendemento.

Pola súa banda, Casa Grande de Xanceda é unha sociedade agraria de transformación que conta cunha das maiores granxas de produción ecolóxica con fábrica de produtos lácteos en Galicia, sendo considerada un modelo de éxito no ámbito da economía social e, por tanto, un perfecto exemplo para que os escolares poidan coñecer este mundo.

Esta actividade enmárcase dentro do programa de actuación 2018 da Rede Eusumo, a través da que fomentar o cooperativismo e a economía social.

 

 

Luns, 9 April, 2018 - 17:45

Compartir