Miguel Braña, socio da cooperativa e editora Catro Ventos: "Nacemos para satisfacer a demanda de libros de economía social en galego"

O cooperativismo en Galicia segue diversificándose. Na cidade de Vigo nace a editora Catro Ventos, unha cooperativa de traballo asociado que quere facer chegar a todos os galegos e galegas os títulos máis importantes no eido da economía social, a ecoloxía e os dereitos humanos. Trátase da primeira editora especializada neste campo e xurde como un proxecto que quere satisfacer a demanda dos lectores máis comprometidos socialmente. Un dos seus impulsores, Miguel Braña, cóntanos algúns dos detalles do proxecto.

Como xurdiu a idea de crear a editora?

Na nosa calidade de consumidores puidemos comprobar que no mercado editorial galego non había unha oferta de libros sobre a temática de economía social e ecoloxía, que é na que nós finalmente decidimos traballar. Había cousas e publicacións puntuais, pero non unha liña editorial e unha editora especializada no consumo responsable.

 

Fixestes unha análise de mercado para ver se había suficiente demanda?

Esa foi a idea pero, no proceso para facer esa análise, decatámonos de que era moi complicado porque non existían editoriais nese eido, polo que se fixo difícil valorar previamente se un proxecto como o noso podía funcionar. Pese a que era complicado expresalo en cifras, decidimos apostar dado que sentiamos esa necesidade.

 

Polo tanto, a súa creación responde, en certo sentido, a satisfacer a demanda de consumidores como vós.

É certo que hai un modelo que para nós pode servir de referencia, aínda que non sexa o mesmo. En castelán está a editorial Traficantes de Sueños, que ten un proxecto máis completo ca o noso, porque ademais de ser editorial ten unha libraría en Madrid e dispoñen dunha distribuidora. Trátase dun proxecto máis complexo, que pode servir de referencia,. pero que só cubre o mercado en castelán, non en galego.

 

Que tipo de libros poden atopar os lectores?

A oferta é variada e comprende tanto libros sobre economía social como ecoloxía ou temática social e de dereitos humanos. Deste xeito, algunhas das publicacións dispoñibles son “Transición ecolóxica. Manual de uso” (VV.AA.), “A ruta dos refuxiados” (VV.AA.) ou o impactante filme “Demain” (“Mañá” en francés) de Cyril Dion e Mélanie Laurent.

 

Sodes catro persoas con valores e preocupacións comúns, cales son?

Fixémonos socios oficialmente en outubro, pero xa levamos colaborando coa rede de economía alternativa e solidaria REAS Galicia desde hai uns meses, dado que nos identificamos cos seus valores. En realidade, esa é a liña que queremos seguir. Son 6 valores fundamentais: sustentabilidade ambiental, traballo xusto, sustentabilidade económica, equidade, cooperación e compromiso coa contorna. 

 

Polo tanto, levades traballando moi pouco tempo.

En realidade demos a cooperativa de alta en xuño de 2016, pero comezamos a traballar no proxecto hai case un ano. De feito, no seu momento contactamos coa Rede Eusumo, onde nos axudaron a facer os primeiros cálculos e números.

 

Respecto dos profesionais que formades parte do proxecto, tendes perfís distintos pero complementarios.

Na web actualmente só aparecemos catro persoas como membros do equipo, pero este mes de novembro xa sumamos unha persoa máis. Por un lado está a parte de tradución, pero tamén contamos co departamento de deseño, comunicación e maquetación. Formamos un equipo de persoas que puidera cubrir todas as necesidades básicas do proxecto, agás a impresión, que a temos que externalizar.

 

A impresión de libros é unha actividade que ten un importante impacto medioambiental. Como facedes para reducilo?

O papel que utilizamos ten o selo do papel FSC (siglas en inglés do Consello de Administración Forestal), que indica que procede de bosques sustentables. Sen embargo, o editorial é un sector no que é moi complicado atopar alternativas ecolóxicas sen encarecer de forma considerable o produto final, sobre todo para un proxecto que está comezando como o noso. Non é tanto unha cuestión do que nos gustaría a nós, senón do que é viable nestes momentos, porque incluso hai algunhas alternativas noutros países para reducir o noso impacto, pero que nos apartan da colaboración cos provedores locais. Temos unha liña para avanzar e facer máis sustentables os nosos produtos e seguiremos impulsándoa constantemente, xa que é un dos nosos principais valores. 

 

A editora tamén ten a posibilidade de venda online, non é así?

Os libros pódense mercar a través da nosa web, e tamén estamos traballando coa distribuidora Arnoia para que as nosas publicacións cheguen a todas as librarías de Galicia. A xente de Vigo, onde está a nosa sede, tamén pode pasar polo noso local e mercar algúns dos libros que ofertamos na web. Ademais disto, queremos impulsar unha rede de establecementos distintos das librarías, é dicir, similares aos grupos de consumo de produtos ecolóxicos. De momento non podo concretar ningún destes locais porque estamos negociando con eles, pero seguirían o modelo de Panxea en Compostela ou Árbore en Vigo, entre outros. Se de nós depende, estariamos encantados de que os nosos produtos estivesen nese tipo de establecementos, porque neles hai un público moi interesante e co que temos unha conexión especial. De feito nós tamén somos consumidores destes establecementos ou de cooperativas como Nosa Enerxía ou Fiare Banca Ética. Ao final, todo está relacionado.

 

Por agora, cal é a resposta ao voso proxecto?

A resposta sorprendeunos xa cando aínda non tiñamos nada que ofrecer no mercado, porque todo o mundo nos animou e dicíanos que facía falta algo así. Apenas levamos unhas semanas ofrecendo os nosos produtos, polo que é moi cedo para valorar o aspecto económico do proxecto. En próximas datas estaremos no Culturgal (do 2 ao 4 de decembro de 2016 en Pontevedra), que pode ser unha plataforma para que a xente nos coñeza. De momento, se atendemos ao seguimento que facemos nas redes sociais, a acollida é moi boa.

 

Agora estades na fase de gañar notoriedade pero, cales son as seguintes, a curto e medio prazo?

Nestes momentos, estamos traballando no proxecto de forma parcial, compatibilizándoo cos traballos que xa tiñamos antes, xa que, polo momento, o proxecto non xera suficientes ingresos para vivir exclusivamente del. Neste sentido, un dos obxectivos a medio prazo sería dedicarnos por completo a Catro Ventos con salarios dignos; sería un sinal de que fomos quen de facernos un oco e consolidar a editorial. Na actualidade a editora é unha aposta persoal de todas as persoas que estamos no proxecto.

 

 

 

 

Venres, 4 November, 2016 - 10:30

Compartir