Os escolares do CEIP Monte dos Postes visitan Casa Grande de Xanceda para coñecer o cooperativismo a través do obradoiro organizado por AGACA

Os escolares de 4º de Primaria do colexio Monte dos Postes de Santiago de Compostela tiveron ocasión de visitar a mañá do xoves 5 de abril a SAT Casa Grande de Xanceda para participar no obradoiro “Divulgación do emprendemento de experiencias cooperativas como modelo de éxito”, da Rede Eusumo. Este encontro tivo como finalidade achegar aos máis novos as características do cooperativismo como modelo de negocio, de forma que o teñan en conta no futuro como unha alternativa de éxito no medio rural, en calquera rama produtiva ou de servizos.

Casa Grande de Xanceda é unha sociedade agraria de transformación que conta cunha das maiores granxas de produción ecolóxica con fábrica de produtos lácteos en Galicia, de aí que fora considerada coma un modelo de éxito no ámbito da economía social, ideal para a celebración desde obradoiro.

Os encargados de impartir a formación foron os técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), que quixeron destacar como valores positivos nas cooperativas a toma democrática de decisións, a distribución equitativa de beneficios ou a diminución de riscos asociados ao emprendemento.

Esta actividade enmárcase dentro do programa de actuación 2018 da Rede Eusumo, a través da que fomentar o cooperativismo e a economía social.

 

Xoves, 5 April, 2018 - 18:00

Compartir