Nace ‘Espazocoop’, a entidade cooperativa máis representativa de Galicia por número de empresas asociadas

A entidade nace da fusión das asociacións Ucetag, Ugacota e Sinerxia

Ugacota, Ucetag, e Sinerxia, decidiron por unanimidade a fusión das 3 entidades na Asemblea que celebraron o sábado 5 de novembro e na que participaron as cooperativas de traballo, de ensino e de consumo asociadas. É o paso final dun proceso que leva tempo configurándose internamente nestas organizacións, froito tanto das estreitas relacións de colaboración que manteñen como dunha visión estratéxica ou mesmo da coherencia cos valores e principios do cooperativismo e a intercooperación, sinal de identidade da economía cooperativa.

O presidente da nova organización (que se denominará Unión de Cooperativas Espazocoop), Celso Gándara, amosou a súa gran satisfacción por este paso que está cheo de novos retos de futuro para poñer en valor, impulsar e consolidar o sector cooperativo en Galicia, unha nova unión que conta cunha base social rica e diversa, con medios e recursos e con equipos especializados e comprometidos.

A nova unión Espazocoop terá un ámbito galego e un carácter multiclase e multisectorial, que representa e supón de partida:

181 Cooperativas (152 cooperativas de traballo asociado, 28 cooperativas de ensino, 1 cooperativa de consumo)

A unión representa a un total de 1.690 traballadores, que se desglosan deste xeito:

1.120 Socios/as traballadores/as

340 Socios/as consumidores/as

570 Traballadores/as (persoas contratadas)

Representa unha facturación conxunta de 45 Millóns €

Nace chea de diversidade cooperativa en canto a tipoloxías, tamaños ou sectores de actividade.

Na Asemblea de socios e socias, ademais de aprobarse o proxecto de fusión, tamén aprobáronse o proxecto de estatutos e a candidatura das persoas que formarán o novo consello, quedando como segue a súa composición:

- Presidente: Celso Gándara Carnero (de Algalia s. coop. galega)

- Vicepresidente: Alfonso Fernández Rodríguez (de Colexio Possumus s. coop. galega)

- Secretario: Domenico Tinelli (de MedAtlantia consultoría europea s. coop. galega)

- Vogal 1ª: Ana Otero Fernández (de Colexio Guillelme Brown s. coop. galega)

- Vogal 2ª: Ana Olveira Blanco (de 7H cooperativa cultural s. coop. galega)

Un consello disposto a facilitar aínda máis a participación da base social nas distintas tomas de decisións e, en especial, na planificación anual da organización. Os cargos terán un límite de dous mandatos coa intención de favorecer a rotación e o cambio nos cargos representativos.

Ademais, presentouse na Asemblea o Proxecto Estratéxico 2016-2020 e a estrutura organizativa para a nova unión, que foron aprobados, con novos servizos, novos obxetivos estratéxicos e novidades organizativas. Así destacamos e adiantamos como novos retos e obxetivos estratéxicos prioritarios:

1.- Visibilizar o cooperativismo, incrementar a súa incidencia política, e promover as relacións entre cooperativas.

2.- Construír unha unión de cooperativas sostible e eficiente.

3.- Consolidación do asesoramento a grupos promotores e fortalecemento dos servizos para as cooperativas socias.

Estas prioridades xa teñen á súa vez definidas as estratexias e un camiño a seguir para ser desenvolvidas a partir de agora.

A razón de ser da fusión é gañar capacidade de representación e gañar en eficiencia no aproveitamento de recursos e no desenvolvemento dos fins das asociacións existentes, e que participan deste proceso, converténdose na maior entidade representativa do cooperativismo galego, por número de cooperativas asociadas, para actuar como interlocutor do colectivo, representando e defendendo os intereses do sector, promovendo a intercooperación entre cooperativas e con outras organizacións da economía social, fomentando un cooperativismo de calidade.

Trátase dunha evolución lóxica tras comprobar durante anos que había unha coincidencia na maneira de entender e traballar a prol do cooperativismo. Produto disto nos últimos anos desenvolveuse unha acción conxunta, que se concreta na planificación coordinada de actividades, na posición consensuada diante da Administración e na coordinación respecto da política de persoal.

Entre os aspectos e requisitos que fan posible a fusión das entidades, está o compartir obxetivos comúns, manter relacións de confianza ou mesmo ter un coñecemento mutuo das asociacións que se integran.

O proceso de fusión conlevou á súa vez un proceso informativo e consultivo (aberto e participativo) ás cooperativas asociadas das tres entidades, no que se traballaron, debateron e consultaron distintos ámbitos de interese ao redor da fusión: a visión, misión e principios, estatutos sociais, composición do novo consello, proxecto estratéxico 2016-2020 ou a estrutura técnica e organizativa.

A presentación de Espazocoop, está prevista para o primeiro trimestre do ano 2017.

 

Fonte: Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA-Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia UCETAG-Federación de Cooperativas SINERXIA

Contacto: Nuria González – nuria@ugacota.coop – 986 13 65 92

Mércores, 9 November, 2016 - 03:00 to Xoves, 9 November, 2017 - 09:45

Compartir