O 12 de decembro, o MUPEGA acollerá a primeira xornada sobre compliance penal no mundo cooperativo: "A responsabilidade xurídica das cooperativas"

A reforma do Código Penal español (2015) puxo sobre a mesa a responsabilidade das empresas nos delitos penais cometidos no seu beneficio polos empregados.

A gravidade do réxime sancionador establecido activou os mecanismos de prevención e adaptación das empresas ao novo escenario. A propia norma legal establece os procedementos que se deben seguir e os modelos que hai que desenvolver para que, cumpríndoos, as empresas poidan quedar exoneradas de calquera responsabilidade penal polos delitos cometidos no seu nome.

No fondo, a adaptación do marco legal en España non fai máis que seguir o camiño aberto polos países anglosaxóns e a propia Unión Europea. A transparencia, a Responsabilidade Social Empresarial e agora o Compliance penal, son as tres patas dun compromiso polos códigos de conduta e pola toma de conciencia das boas prácticas éticas no mundo da empresa.

A economía social, o ámbito cooperativo en particular, non é allea nin aos riscos derivados das malas prácticas nin ás sancións que o Código Penal establece. Polo seu carácter social, solidario e participativo, é posible que o mundo cooperativo estea especialmente chamado a encabezar o compromiso empresarial co cumprimento normativo de cara a evitar riscos con consecuencias penais.

Por todo isto, colaborar para dar a coñecer o novo marco legal, tomar conciencia dos riscos e difundir as solucións e procedementos existentes ao alcance das cooperativas para a súa propia autoprotección, son os obxectivos da PRIMEIRA XORNADA SOBRE COMPLIANCE PENAL NO MUNDO COOPERATIVO.

A xornada terá lugar o 12 de decembro no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) de Santiago de Compostela.

Se estás interesado/a, podes realizar a túa inscrición no seguinte enderezo electrónico: economiasocial.emprego@xunta.gal 

Pode consultar o programa da xornada aquí

 

Xoves, 30 November, 2017 - 05:00

Compartir