O impacto da reforma da lei de autónomos na economía social

O pasado mes de outubro, publicouse a Lei de reformas urxentes do traballo autónomo, coa finalidade de mellorar a situación das persoas autónomas e de fomentar e promover o traballo por conta propia. A maior parte desta lei xa está en vigor e, en breve, concretamente o 1 de xaneiro de 2018, entrarán en vigor as relacionadas coa tarifa plana e a redución do recargo por ingresos fóra de prazo.

Dentro da economía social, hai algunhas formulas xurídicas que se ven afectas por estes cambios. En concreto, son as persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado que optaron por cotizar neste réxime da seguridade social e as persoas socias traballadoras das sociedades laborais que se vexan encadradas neste réxime.

A principal novidade é ampliación da “tarifa plana” de 50 € para os novos autónomos, que pasa dos seis aos doce meses. O único requisito para optar a esta redución de cota é que non estiveran dados de alta neste réxime nos últimos dous anos ou en tres anos no caso de que anteriormente xa aproveitaran esta “tarifa plana”.

 Concretamente, esta redución queda como se pode ver na seguinte táboa:

Colectivo Período Contía
Todas as persoas socias traballadoras Ata os 12 meses dende o inicio 50 euros ou, no caso de elixir unha base de cotización superior á mínima, aplicarase unha redución do 80 % da cota correspondente.
Todas as persoas socias traballadoras Durante os 6 meses seguintes. Do 13º ao 18º mes Unha redución do 50 % da cota. Para o ano 2017 serían, como mínimo, 137,97 €.
Todas as persoas socias traballadoras Durante os 6 meses seguintes. Do 19º ao 24º Unha redución do 30 % da cota. Para o ano 2017 serían, como mínimo, 192,79 €.
Para as persoas socias traballadoras menores de 30 anos ou 35 no caso de mulleres Durante os 12 meses seguintes. Do 25º ao 36º Unha bonificación do 30 % da cota. Para o ano 2017 serían, como mínimo, 192,79 €.
Persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero e vítimas de terrorismo Despois dos 12 meses iniciais (“tarifa plana” de 50 €), dende o 13º ao 60º mes. Unha redución do 50 % da cota. Para o ano 2017 serían, como mínimo, 137,97 €.

Esta lei tamén trae modificacións que afectan a este tipo de persoas socias traballadoras. As máis importantes son:

No eido da conciliación entre a vida laboral e familiar, engade unha bonificación do 100 % da cota de autónomos ata os 12 meses para coidado de menores de doce anos ou por ter a cargo un familiar en situación de dependencia ou con parálise cerebral, enfermidade mental ou con discapacidade.

Para as persoas traballadoras durante o descanso por maternidade, paternidade, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactancia natural, terá unha bonificación da cota do 100 %.

E, como medidas para reducir as cargas administrativas, esta lei reduce os cargos por ingresos das cotas fóra de prazo.

Xoves, 7 December, 2017 - 16:45

Compartir