O rol da muller na economía social de Galicia

Silvia Alende, xerente de Coinco Centro Especial de Emprego
Servizo de transporte adaptado

“Na economía social atopamos menos trabas para rematar cos roles asignados”

A economía social responde a outra forma de facer empresa, está baseada en valores de responsabilidade social sen perder de vista a sustentabilidade económica. Por facernos unha idea, do conxunto de persoas traballadoras, o 49% somos mulleres, e para postos de liderado ocupamos o 38%, fronte o 9% do total empresarial.
Vivimos nun momento no que as mulleres estamos a desempeñar un papel cada vez máis relevante na sociedade: estamos comprometidas e temos iniciativa para rematar cos roles asignados e na economía social atopamos menos trabas para demostralo.

 

Noelia García, socia de Seragro S. Coop. Galega
Servizos técnicos a explotacións de vacún de leite

“Temos máis acceso ao mercado de traballo en condicións máis igualitarias”

Penso que cando nos deixemos de preguntar cal é o rol da muller será porque a súa situación no mercado laboral é mellor que a actual. No caso da economía social, esta posibilita o acceso das mulleres en condicións máis igualitarias. Isto é debido ás propias características das organizacións, como participación, democracia ou adaptabilidade, que favorecen a incorporación da muller ao mercado de traballo.
Pero a representación da muller nos órganos directivos non é proporcional á súa participación a nivel social. Neste campo aínda nos queda un longo camiño por percorrer.

 

Carmela Valiño, socia de Milhulloa, S. Coop Galega
Cultivo ecolóxico  de plantas medicinais e de hortalizas

“Moitas mulleres puideron desenvolver e liderar proxectos grazas ás cooperativas”

A cooperativa é a mellor alternativa empresarial para o fomento da igualdade e o empoderamento das mulleres. Foi a vía que permitiu a moitas mulleres desenvolver e liderar proxectos en termos de igualdade, sororidade, liberdade e compromiso co territorio, especialmente no noso rural.

 

Mercedes Vázquez e María del Pilar Rodríguez, socias de Dehistoria Sociedade Limitada Laboral 
Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades

“As mulleres achegamos un valor diferencial nas empresas sociais”

Polo xeral, o rol da muller na economía social é diferente ao que xoga noutro tipo de empresas. As sociedades laborais, cooperativas ou asociacións son empresas máis horizontais, nas que a igualdade é unha realidade garantida non só pola lei. As formas democráticas e equitativas deste tipo de emprendemento favorecen tamén o empoderamento feminino. 
A realidade amósanos moitos exemplos desta igualdade e a presenza da muller na economía social non só é importante en número, senón que tamén ten unha relevancia crucial polo valor diferencial que achega ás empresas.

 

Eva Rosende, socia de Artigo 14, S. Coop Galega
Asesoramento xurídico profesional

“A economía social baséase en valores como a igualdade"

A economía social fundaméntase nun conxunto de valores orientados a fins sociais entre os que se atopa a igualdade real entre mulleres e homes. É unha fonte de creación de emprego estable e de calidade e, ademais, unha importante plataforma de acceso ao emprego para aquelas persoas que, polas súas especiais circunstancias, teñen maiores dificultades de inserción laboral ou se atopan en risco de exclusión.
As mulleres, como colectivo historicamente discriminado, atopamos na economía social a fórmula idónea para acadar o obxectivo de igualdade.

 

Ana Lorenzo, socia de Cidadanía,S. Coop Galega
Rede de aplicacións sociais

“Na economía social as mulleres temos maior presenza que no resto do mercado laboral”

Na economía social as mulleres temos maior presenza que no resto do mercado laboral. Case a metade dos postos de traballo son desempeñados por mulleres, o que demostra que este modelo é máis xusto e equitativo que as fórmulas capitalistas. Pero isto non significa que debamos conformarnos, porque o protagonismo feminino queda desdebuxado nos cargos e reproducimos esquemas respecto das profesións feminizadas.
Que nas nosas entidades as decisións se tomen de forma democrática outórganos un gran poder para seguir afondando na equidade.


 

Martes, 30 April, 2019 - 10:30 to Martes, 7 Maio, 2019 - 10:30

Compartir