Olaia López, socia traballadora de Rexenerando: “Creamos unha cooperativa para combater a precariedade e fomentar a conciliación”

En numerosas ocasións, a vocación profesional atópase cun contexto económico e social que non sempre é o máis favorable, pero existen fórmulas que se poden adaptar a eses intereses. Un claro exemplo é a historia da cooperativa Rexenerando, creada por persoas con gran paixón polo seu traballo pero que non estaban dispostas a facelo a calquera prezo. Con ese obxectivo, optaron polo modelo cooperativo para levar a cabo os seus proxectos con dignidade.

Rexenerando é unha cooperativa de traballo asociado que cubre diversos ámbitos e actividades da participación social. En que consiste este traballo?

Facemos proxectos de innovación social e participación cidadá. Como cooperativa xa contamos cunha traxectoria de dous anos e medio. Neste tempo, puxemos en marcha plans de igualdade, contribuimos ao desenvolvemento de colectivos de mulleres de distintas idades e participamos en xornadas sobre sexualidade para mozos e mozas. Tamén organizamos visitas guiadas para explicar o patrimonio inmaterial (Ferrol Rebelde, O Ferrol de Carvalho Calero) e o patrimonio natural (Fragas do Eume, etc.). Ademais, contamos con experiencia na asistencia técnica en procesos de participación cidadá. Sobre todo, o noso campo de actuación céntrase en tres áreas: igualdade, cultura e participación.  

Como xurdiu a cooperativa e por que se optou por este modelo empresarial?

Houbo un momento no que coincidimos varias persoas cunha visión común sobre a forma de desenvolver proxectos no eido cultural relacionado coa igualdade e o traballo social. A isto hai que sumar o feito de que fora nai, o que interferiu directamente con traballos nos que non podía conciliar. Por tanto, había dúas cuestións que nos levaron a arriscar para crear un proxecto colectivo: a necesidade de conciliación e de facer fronte á precariedade. 

Quen forma parte de Rexenerando? Son persoas con perfís heteroxéneos e multidisciplinares?

Somos xente moi preparada que medramos profesionalmente no ámbito de Compostela, pero os nosos traballos non nos satisfacían tanto profesional como económicamente. Sen embargo, aínda a pesar de que emprender non é un camiño doado, a nosa satisfacción mellorou coa cooperativa. Somos tres persoas no equipo. Andrea é pedagoga e educadora social e encárgase da facilitación de grupos e a súa participación. Marcos formouse en Filoloxía Románica e Galega e conta cun Posgrao en Xestión Cultural, polo que se ocupa dos proxectos de interpretación do patrimonio. Eu son politóloga cun Posgrao en Educación, Medioambiente e Igualdade e coñezo de primeira man o sector sindical e a Administración Pública.

Cales son as características diferenciais de Rexenerando respecto doutras cooperativas do sector en Galicia?

Nós mantemos a aposta polo espazo xeográfico e social no que nos ubicamos, que é Ferrolterra. É unha sociedade con moitas posibilidades de rexenerar. Nesta comarca si que facía falta un proxecto como o noso, que axude a construir e acompañar a esta sociedade emerxente. O noso valor diferencial non é só que somos profesionais con moita preparación, senón que cremos no que facemos. Temos máis responsabilidades, polo que podemos enfocar mellor o que facemos, mentras que nunha SL as persoas asalariadas fan o que lles mandan.  

Cal é a metodoloxía de traballo?

Intentamos dar resposta ás demandas e sempre somos persoas moi proactivas. Empregamos unha metodoloxía participativa e procuramos que os nosos proxectos sexan flexibles, de modo que poidamos incluir as suxerencias das persoas coas que traballamos. Ademais, contamos cunha ampla formación en técnicas sociais, pensadas para fomentar a participación.

Cales son os principais proxectos nos que participou Rexenerando e cales son os próximos?

En setembro poñeremos en marcha asembleas de barrio en Ferrol, así como o roteiro das Irmandades da Fala na mesma cidade. No ámbito da participación, tamén en Ferrol imos activar un proxecto piloto con mozos e mozas de institutos e Formación Profesional, mentres que na Coruña, levaremos a cabo un proceso participativo no parque de Bens. No que levamos de 2016 demos cursos de linguaxe inclusiva ao persoal da Deputación da Coruña, participamos no campamento de verán de Valdoviño e interviñemos no proceso de mediación de orzamentos participativos da cidade da Coruña. En 2015 desenvolvimos o segundo plan de igualdade do Concello de Narón.

É a economía social unha tendencia en auxe?

Vemos a economía social como un modelo que permite, sobre todo en momentos como o actual, solucionar problemas e satisfacer necesidades. Para nós que traballamos no ámbito da igualdade, é un modelo no que as mulleres non están tan castigadas como nas empresas que priorizan máis o factor capital. A conciliación é algo que se valora nas cooperativas. Non teño datos suficientes para facer unha análise a nivel macro, pero estou convencida de que o cooperativismo sirve para combater a mellorable situación económica e social a día de hoxe.

Venres, 2 September, 2016 - 09:15

Compartir