Olga Burque de OFdV: “Impulsamos un modelo de vivenda no que as persoas non só compartan un espazo, senón tamén formas de vida e experiencias”

Accesibles, comunitarias e sustentables. Estas son as tres principais características que deben ter as casas que queren impulsar dende a asociación Outra Forma de Vivenda, creada recentemente na cidade da Coruña. O seu modelo inclúese dentro da esfera da economía social e procura sinerxias con distintos tipos de cooperativas e entidades, desde empresas de consumo ata enerxéticas. Segundo os seus promotores, a vivenda deixaría de venderse como un luxo e adaptaríase mellor ás necesidades básicas das persoas, especialmente aquelas que experimentan algún tipo de diversidade funcional.

Outra Forma de Vivenda (OFdV) está dando os seus primeiros pasos. A iniciativa xurdiu hai un ano despois do accidente dunha muller na Coruña que vos fixo reflexionar sobre a necesidade de vivendas máis accesibles, non é así?

Foi un dos factores que propiciaron a iniciativa, pero non o único. Unha muller duns 60 anos tivo un accidente que lle ocasionou unha paraplexía. Nese momento non tiña vivenda en propiedade, o que nos obrigou a pensar que podiamos facer para manter a súa autonomía sen que os custos foran elevados. Descubrimos que non había recursos comunitarios dedicados a persoas con este tipo de necesidades. Nese momento foi cando comezou a xurdir a idea doutro tipo de vivenda. É dicir, se se puidesen compartir recursos, persoal de apoio, etc. Pero ademais da propia realidade de moita xente, as persoas impulsoras vemos nas nosas distintas áreas esta urxencia de crear unha alternativa ao que existe. Cando falamos de adaptar as vivendas, referímonos á accesibilidade universal, non só a persoas con diversidade funcional, senón a todo tipo de barreiras arquitectónicas que fan difícil incluso transportar un carro da compra, o carriño do teu fillo, ou as muletas porque atopas escaleiras e obstáculos por todas partes. Hoxe en día parece que as vivendas son accesibles, pero logo resulta que non é real, non parecen estar feitas ao “gusto” das persoas que as van habitar. Ao final o proxecto vai dirixido a calquera persoa de calquera idade e de calquera perfil e situación porque queremos que sexa un colectivo heteroxéneo, que inclúa a persoas de todo tipo que se retroalimenten entre si. Tamén queremos que sexa unha experiencia para compartir recursos e a vida mesma, dado que parece que nos volvemos todos moi individualistas. As vivendas comunitarias fan que compartamos momentos, espazos e incluso formas de vida e, moitas veces, gastos de certos servizos. No momento no que estamos, parece que a sustentabilidade é unha palabra moi usada e con pouco significado, pero sen embargo consideramos que é un factor imprescindible. Non comprendemos a vida sen a perspectiva sostible e ecolóxica, centrada máis na natureza e nos recursos.

Polo tanto, con este tipo de vivendas, achegaríamos a un funcionamento similar ao das redes sociais, nas que a interacción entre os usuarios é vital.

Estamos nunha sociedade moi globalizada, cada vez máis individualizada, entón trataríase de desenvolver un proxecto de apoio mutuo, de recordar que somos seres sociais e cómpre coidar esas redes, non só dentro da comunidade de vivendas, senón tamén co barrio e a propia cidade. Moi relacionado con isto está o feito de compartir espazos tamén pensando na liña da sustentabilidade, como pode ser o uso dunha lavandería común no canto de que cada fogar teña a súa lavadora. É máis sostible no sentido medioambiental e tamén económico, porque ao mesmo tempo, distribuír recursos e servizos ao final, abarata os custos. As persoas que conformamos agora mesmo OFdV, como futuras habitantes ou como colaboradoras, estamos levando a cabo un proceso de organización e participación colectiva moi interesante, estamos coñecéndonos e incluso empoderando porque empezamos a tomar decisións, e todo isto será moi importante cando máis adiante pasemos a deseñar as vivendas segundo as necesidades e preferencias da xente implicada ou a convivir como veciñas.

Outra Forma de Vivenda é unha asociación sen ánimo de lucro e de economía social porque contribúe a mellorar a forma de vida das persoas, tamén desde o punto de vista económico. É esa a visión que tendes os promotores do proxecto?

Si, totalmente, porque a día de hoxe a vivenda véndese como se fora un servizo ou un ben de luxo e nós consideramos que se trata dunha necesidade básica coa que se está facendo negocio e coa que se especula. Móvese nuns termos nos que non debería. No día a día, a administración tarda en cambiar as políticas e as leis, por iso hai que buscar outras fórmulas a pequena escala e máis organizadas que logren vías adicionais de facer vivenda e así poidamos cambiar pouco a pouco a forma en que se plantexa.

O feito de compartir espazos vai en liña coa sustentabilidade, como pode ser o uso común dunha lavandería nun conxunto de vivendas, e tamén supón maio aforro económico

Algunha iniciativa que sexa un referente?

Desde que comezamos hai pouco máis dun ano establecemos comunicación con outras iniciativas, dado que sempre está ben retroalimentarse, aprender doutros procesos e intentar tecer rede con este tipo de experiencias para que teñan máis solidez. Un dos contactos é a catalana La Borda, Entrepatios de Madrid, Sostre Civic, etc.

Que fórmulas barallades para poñer en marcha esta iniciativa? Trataríase de algo semellante ás cooperativas de vivendas?

Estamos estudando as diferentes posibilidades para artellar este proxecto. Nos modelos que siguen as iniciativas antes citadas non habería propiedade individual, senón que a vivenda sería da cooperativa como entidade. Cada persoa achega unha cantidade inicial para obter o dereito a uso da vivenda e logo unha renta mensual, algo así como un aluguer reducido. Isto permite que este dereito de uso sexa hereditario, pero tamén que se poida deixar o inmoble cando o necesite, devolvéndoselle a cantidade inicial. Desta forma, convértese nun proceso dinámico e flexible de entrada e saída sen que haxa especulación nin lucro.

Entendemos que o proxecto ten que ser social e accesible en todas as súas facetas, por iso entre as intencións da asociación está obter financiamento de banca ética, non?

Si, gustaríanos seguir un proceso de coherencia interna, tanto dende o punto de vista da asociación, dunha cooperativa ou no marco dos intereses individuais dos seus membros. Queremos fomentar a banca ética e as alternativas de enerxías renovables e sustentables, buscando desta forma unha liña de cambio social que, ao final, é como se deben facer as cousas.

Hai exemplos de iniciativas deste tipo en España e, sobre todo, noutros países nórdicos, que demostran que existen moitos tipos de sinerxias

Xa estades mantendo contactos co concello da Coruña e con outras administracións públicas para avanzar no proceso. Que posibilidades hai de colaboración?

Dado que é unha iniciativa impulsada por cidadáns e cidadás, cremos que é necesaria a implicación da Administración porque se trata de ofertar un servizo feito para a xente da cidade. Desta forma os organismos públicos estarían usando colectivos deste tipo como ferramentas de cambio social, o cal é moi positivo. De momento parece que hai desexo de apoiar iniciativas que abren novos camiños no eido da vivenda, pero hai que ir traballando pouco a pouco para fortalecer o proceso e a estrutura interna e buscar tamén esa participación e facilitación de Administración e institucións.

Esta fórmula de vivenda xa opera noutras rexións e países. Que distintos tipos de sinerxias se poden acadar entre os propietarios dos inmobles?

Hai exemplos de cooperativas en España e sobre todo nos países nórdicos, que demostran que existen moitos tipos de sinerxias cando se trata de iniciativas deste estilo. As vivendas engloban unha porcentaxe significativa do consumo total dunha persoa: auga, enerxía, alimentación, financiamento, etc Poderían tecerse redes de consumo responsable moi interesantes a través de entidades de economía social que ofrecen alternativas. Isto xa está sucedendo noutros modelos de vivendas postos en marcha en diferentes territorios da xeografía española. Colaboran con cooperativas de consumo e enerxéticas, tanto por necesidade como pola ansia de mellora e de cambio. É o exemplo de Trabensol, cooperativa de vivenda para persoas maiores en Torremocha del Jarama, no norte de Madrid. Como o pobo é pequeno, a retroalimentación entre persoas e sectores é moi evidente.

Cal é a impresión da xente e entidades que coñecen por primeira vez este proxecto?

De momento parécenme valentes todas as persoas que están involucradas no proxecto. Xa hai cerca de 10 persoas ou familias que serán posibles unidades de convivencia, de diferentes idades, sectores e situacións. Está claro que este número variará no momento en que coñezamos máis acerca da ubicación e o aspecto económico. A xente está respondendo moi ben ao proxecto. Por un lado, supón unha alternativa para quen se move no eido da economía social ou que non están de acordo co modelo actual e os prezos do mercado. Por outro, é unha oportunidade para vivir nunha vivenda respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas, e tamén da resposta a unha necesidade que consideramos que aínda non está resolta, que é o acceso a unha vivenda accesible para calquera e feita segundo as necesidades e preferencias específicas dos habitantes. Hai xente interesada que ten dificultade para acceder a unha vivenda que lles permita manter a súa autonomía, polo que esta iniciativa anímalles a ver que as cousas se poden facer doutro xeito e incluso se pode participar no deseño da que será a súa casa, e non como se fai na maioría dos casos, nos que entras nunha “maqueta” xa feita á que te tes que adaptar. Está a ser unha experiencia bonita, entre outras razóns, por esta heteroxeneidade das persoas que estamos a formar parte dela. A cada quen lle interesa OFdV por causas diferentes e iso dalle ao proxecto moita máis solidez.

 

Viernes, 22 Xullo, 2016 - 09:15