Paula Lubián, socia traballadora de Feitoría Verde: “O sentimento como socia traballadora é moi diferente ao de socia capitalista”

A historia de Feitoría Verde é a dun grupo de mulleres que navegan a contracorrente para defender un modo de vida máis conectado coa contorna natural, o rural e no que as persoas son as absolutas protagonistas. E tamén van a contracorrente porque traballan nun eido, o medioambiental, no que aínda teñen un longo camiño que percorrer para lograr unha maior concienciación social. Falamos cunha das súas socias traballadoras e cofundadoras.

1) Feitoría Verde ten como fin mellorar a relación das persoas co medio ambiente. Para conseguilo, gran parte da vosa actividade enfócase na participación cidadá. En que consisten os proxectos da cooperativa?

Temos proxectos bastante variados. En termos xerais, a nosa finalidade é abordar procesos de educación ambiental e outras temáticas que intentan mudar a realidade na que vivimos. A nosa actividade sempre está enfocada cara a participación, é dicir, que sexa a xente a que decide como quere dirixir os proxectos que lles afectan. Procuramos facer algo dinámico e construtivo.

2) Como xurdiu a cooperativa e por que se optou por este modelo empresarial?

Nun principio, a decisión xurdiu de forma natural, xa que a cooperativa naceu en 2010 a partir da asociación de dúas mulleres que traballaban como autónomas. A modalidade escollémola por cuestións filosóficas e ideolóxicas. Consideramos que é unha fórmula que enriquece os procesos e amplía as posibilidades. Ademais, a responsabilidade é compartida. Cando traballas en equipo, incluso na dirección da empresa, sempre xorden ideas que non se lle ocorren a unha persoa soa.

3) A cooperativa potencia a agroecoloxía como una vía para impulsar un rural máis vivo. Como se consegue isto precisamente cando a mocidade ten cada vez menos relación co rural? Ou esta situación está cambiando?

Observamos en idades cada vez máis temperás como as persoas están perdendo as nocións dos ciclos naturais e a súa relación co medio. En Galicia, que aínda conserva unha gran presenza da contorna natural, hai unha oportunidade para a xente que quere apostar pola agroecoloxía e todas as actividades relacionadas coa natureza. Pero debe ser xente moi valente e convencida porque non é doado a día de hoxe apostar por este ámbito. Tamén percibimos un gran interese por parte das persoas que participan nos nosos proxectos. Os maiores conectan enseguida coas actividades de interpretación do patrimonio porque volven ás súas orixes, mentres que os mozos e mozas gozan con todo tipo de obradoiros nos que entran en contacto co medio natural. É moi fácil que os espazos de educación ambiental consigan que a xente reconecte co medio ambiente, pero é complicado integralo na rutina diaria debido ás présas, os tempos e ao modo de vida actual. Deste xeito, é necesario que haxa máis oportunidades para crear estes espazos e que as administracións os apoien.

4) Quen forma parte de Feitoría Verde?

Ademais das dúas persoas fundadoras, incorporouse á cooperativa Irene Bastino, bióloga e experta en interpretación do patrimonio, mentres que Beatriz Miranda, educadora social con gran experiencia nos proxectos de igualdade de xénero, está en proceso de asociarse. Somos unha cooperativa con perfís profesionais interdisciplinares, pero que compartimos a participación e dinamización como elementos centrais da nosa metodoloxía.

5) Cales son as singularidades de Feitoría Verde respecto doutras cooperativas similares ou do sector?

Cando decidimos crear a cooperativa fixemos un plan de empresa cos nosos obxectivos. Analizamos o sector a través dunha publicación realizada polo Proxecto Fénix da Sociedade Galega de Educación Ambiental e puidemos comprobar que tipo de empresas existían. Ademais das nosas querenzas, consideramos que traballamos en eidos distintos dos da nosa competencia, porque centrámonos especialmente en público adulto e en procesos de moita participación e con carácter máis aberto, nos que introducimos temáticas pouco habituais. Tamén achegamos metodoloxías de facilitación e establecemos sinerxías con outros profesionais que nos complementan.

6) En que consisten os formatos construtivos nos que se basea a metodoloxía de traballo?

O que procuramos é que, en lugar de dicirlle á xente o que ten que facer, levamos a cabo un proceso inverso. Primeiro vemos o que o colectivo quere desenvolver, que necesidades ten e, a partir dese momento, poñemos en marcha o proceso. Isto leva máis tempo, pero lógrase unha maior efectividade porque traballamos dende o que os participantes queren, identifican e necesitan. Sempre desde as súas querenzas.

7) Quere dicir que deste xeito se consegue unha mellora da percepción que a cidadanía pode ter do medio ambiente?

A xente é máis sensible ao medio ambiente do que se pensa. Ser sensible non significa só separar e reciclar. Significa tamén coñecer o noso patrimonio. Nas cidades, que son as máis afastadas da contorna natural, esa sensibilidade pode traducirse en persoas que usan roupa de segunda man, que miran os aditivos da comida que mercan ou o uso racional da auga, entre outras moitas cousas. Pero somos conscientes de que o día a día vai moi apresa e apenas lle queda tempo libre á xente para reflexionar e informarse. É necesario reconectar.

8) Entre os proxectos nos que participou Feitoría Verde, cales destacaría?

Se teño que destacar algúns, gustaríame comezar cun proxecto que, a pesar de ser moi curto, tivo un gran interese polo que aprendemos e a boa resposta da xente. Trátase do “Proxecto de formación e participación ambiental a través do teatro foro” (Proxecto USC En Transición), desenvolvido entre 2010 e 2011. En coordinación coa Asemblea de Cooperación pola Paz participamos nas “Escolas sen racismo”, na que tamén usamos as técnicas do teatro foro para prever actividades xenófobas. Non quero esquecer os tres proxectos máis grandes e que máis tempo nos ocuparon. Destaca o “Proxecto Rural Activo” do Concello de Pontevedra, cunha duración de dous anos e no que colaboramos coa cooperativa Maos Innovación Social. Tivo moita carga emocional e nel aprendemos como cooperativas, pero tamén como persoas. No 2016 contribuímos a impulsar o “Inventariado e posta en valor do patrimonio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés”. Foi un traballo moi intenso durante oito meses e incluso tivemos que vivir alí varias tempadas, pero decatámonos do gran valor do noso patrimonio e como o quere a xente. Nestes momentos xestionamos e dinamizamos o Centro de Interpretación Medio Ambiental de Compostela, que supón un reto constante porque recibimos a grupos de xente moi heteroxéneos.

9) É a economía social unha modalidade en auxe?

Cando creamos a cooperativa fixémolo por cuestións filosóficas, pero descoñeciamos todo o mundo que había detrás da economía social e iso que xa colaboraramos con Fiare e que eramos activistas ecolóxicas. Agora estamos asociadas a Coop57, ao Sindicato Labrego Galego, a Ugacota e imos a unirnos a Reas. Hai un amplo mundo de posibilidades que axudan ás persoas que emprenden con cooperativas, algo que nunca experimentei cando traballaba como asalariada nunha consultora. O prisma da economía social é moi diferente das outras empresas e creo que a elección por esta modalidade foi moi acertada. O sentimento como socia traballadora é totalmente distinto ao de socia capitalista.

Venres, 16 September, 2016 - 09:15

Compartir