Susana Peña Liaño, xerente de Mulleres Colleiteiras: "Mulleres Colleiteiras supuxo un cambio enorme na vida das mulleres que o impulsan, tanto en termos de independencia económica como na mellora da súa socialización”

O proxecto Mulleres Colleiteiras iniciouse en 2013 na cidade da Coruña como un proxecto piloto para a valorización e reutilización do aceite doméstico  usado, que é precisamente un produto moi contaminante. Este propósito ambiental tamén se configurou desde os seus comezos co obxectivo de ofrecer unha oportunidade laboral a mulleres en situación de exclusión social. Por esta razón, en 2015 creouse a cooperativa do mesmo nome que a día de hoxe dá emprego a cinco mulleres. Desde entón, o proxecto non deixou de medrar e de espallar o seu labor ambiental, económico e social por toda a cidade herculina. Para 2019 prevén recoller ata 140.000 kg de aceite usado, pero hai máis novidades que nos conta Susana nesta entrevista. 

O proxecto de Mulleres Colleiteiras, desde que botou a andar en 2013 e logo en 2015 como cooperativa, superou todas as expectativas. Cales credes que son as razóns desta tan boa acollida na cidade da Coruña?
Despois da constitución da cooperativa sen ánimo de lucro, chegou a sinatura do convenio co Concello da Coruña para a recollida na cidade, que non se estaba a facer e era moi necesaria e, pouco a pouco, fóronse aumentando os puntos de recollida até acadar os 65 puntos públicos que recollemos actualmente. Neste tempo, diferentes axentes, administracións e entidades foron quen de ver as melloras dos servizos mediambientais e de inclusión social que achega Mulleres Colleiteiras, por iso apoian o proxecto e establecemos sinerxías.

Neste sentido, merece unha mención especial a EDAR de Bens, que está notando unha notable melloría na xestión das augas, pois cada vez recibe menos aceite nas súas instalacións, o que facilita e abarata a súa xestión.

Os principais factores do éxito pensamos que son, polo tanto: a creación dun proxecto sólido por parte de Arquitectura sen Fronteiras, así como o seu continuo acompañamento, análise e diagnose da situación nos poboados chabolistas da Coruña; ademais da confianza, o bo servizo, a mellora medioambiental e a inclusión social.

Ano a ano increméntase o aceite usado recollido na Coruña. A que se debe este aumento?
Grazas a campañas de sensibilización medioambiental, de difusión do proxecto e o reparto de funís que levamos a cabo, a xente está cada día máis concienciada. Tamén é importantísimo o feito de que haxa máis contedores na vía pública, preto das vivendas. Facemos ademais un labor comercial na rede Horeca (hostelería, restauración e catering) e transmitimos e explicamos o labor social que se está a desenvolver na cooperativa, o que provoca que a nosa iniciativa teña moi boa acollida e respaldo.

Que cantidade se reciclou en 2018? Cales son as expectativas para 2019?
As cantidades recollidas nos puntos cos que contamos actualmente foron ascendendo dos 60.824 kg en 2017, a 99.612 kg en 2018 e, no que levamos de ano, xa recollemos 40.121 kg, case o dobre que no mesmo período de 2018. Este dato lévanos a estimar unha previsión de recollida de entre 130.000 e 140.000 kg para este ano.

Á parte da Coruña, en 2018 anunciouse a posible instalación definitiva dos vosos servizos en cidades como Ferrol. Hai previsión doutros municipios?
Ademais dos 65 puntos de recollida na Coruña, en 2018 comezamos tamén a operar no Concello de Arteixo con 20 puntos e este ano no de Cerceda con dez. Tamén xestionamos o aceite usado dos supermercados Eroski de Monte Alto na Coruña e os de Alcampo na Coruña e Ferrol. Recollemos en centros de ensino e asociacións veciñais da Coruña, Oleiros, Cambre e Ferrol e en moitos locais de hostelería e catering.

No caso de Ferrol, levamos tempo intentando manter conversas co concello, que seguramente se retomen despois das eleccións municipais. Cando xa estea constituída a nova corporación local, presentarémoslle o noso proxecto, e intentaremos facer unha proposta conxunta para deseñar o reparto de contedores nas rúas da  cidade. De todos os xeitos, temos contedores en varios barrios, nos locais das Asociacións de Veciños de Canido, Mandiá, no CEIP Os Casais e, como xa indiquei antes, no Alcampo de Ferrol.

Como se establece o contacto cos concellos?
Realmente somos nós mesmas as que nos poñemos en contacto cos concellos e entidades ou nos presentamos a concursos públicos, nos que demandamos algo máis de respaldo e soporte nos propios pregos, que pensamos que deberían incluír cláusulas sociais e priorizar os beneficios sociais e ambientais nestes servizos.

Por que é importante realizar colaboracións con outras entidades? Valorades ampliar as sinerxías con máis organizacións?
Participamos en moitas propostas que nos presentan e buscamos alianzas con calquera organización que teña inquedanza polo medioambiente e a xustiza e a economía social. As sinerxías fannos máis fortes, todas as organizacións con fins sociais e medioambientais poden contribuír ao noso proxecto e pensamos que nós tamén podemos achegar moito, multiplicando así a mensaxe e poñendo en valor o que realmente importa: o benestar das persoas, como axentes, participantes ou como beneficiarias dos servizos.

Ademais de ser unha ferramenta de coidado do medioambiente, pois cada litro de aceite usado contamina ata 40.000 litros de auga, a cooperativa Mulleres Colleiteiras é un exemplo de inserción laboral de mulleres en situación de exclusión. Como lle cambiou a vida ás mulleres que forman parte do proxecto?
O emprego non é só un dereito social nin a principal e case única fonte de ingresos na sociedade actual, se non que é o mecanismo máis importante de integración social e desenvolvemento persoal. Permítenos levar unha vida digna, e é fonte de recoñecemento e participación social e institucional, mellorando a autoestima e facilitando a inclusión nas principais esferas sociais. É, en definitiva, un dos principais axentes de socialización.

No caso concreto do noso proxecto, a vida das mulleres que formamos parte del experimentou un cambio enorme, tanto pola independencia económica que supón, como en termos de socialización:  todos os días estamos en contacto con axentes sociais de todo tipo: compañeiras de traballo, clientes, provedores, usuarias dos servizos, beneficiarias das charlas, interlocutores de administracións e entidades sociais e medioambientais…Aumentou a seguridade e confianza en nós mesmas tamén polo feito de falar en público nas actividades de difusión e compartir a súa propia experiencia.

Algunhas das compañeiras están sacando o carné de conducir, imprescindible non só para  ter unha maior independencia, senón tamén para desenvolver o traballo de recollida. Por outra banda, o proxecto representa unha mellora das nosas capacidades: facemos xornadas formativas de temas directamente relacionados co posto de traballo (prevención de riscos laborais, ofimática, manexo de ferramentas, creación dun manual e mapa de procesos, etc…) ou máis transversais (alimentación saudable, traballo en equipo, igualdade…).

O voso labor non se limita a favorecer a reciclaxe de aceite usado, senón que desenvolvedes un enorme esforzo de concienciación cidadá. En que tipo de accións se concreta?
Ofrecemos charlas en centros cívicos, asociacións veciñais, centros de ensino e a todas as entidades que o demanden. Facemos reparto de funís nos mercados e nas propias charlas, participamos en feiras e xornadas sectoriais, de economía circular, de economía social. Tamén intentamos chegar a través das nosas redes sociais ao maior número posible de xente. Son moitas as formas de chegar á cidadanía.

Que medidas se poderían tomar para conseguir que máis persoas e empresas separen o aceite usado?
Hai que facilitar a reciclaxe poñendo ao alcance contedores e ferramentas (funís) para que sexa máis doado e sinxelo o proceso. Tamén cómpre facer campañas de difusión, para que a xente coñeza o impacto que ten este residuo e así saiba como xestionalo correctamente. Por último, as administracións deben controlar máis o sector, ademais de impulsar con aínda máis forza a economía social e circular.

 

MULLERES COLLEITEIRAS EN DATOS

Orixe e persoas impulsoras: Arquitectura sen Fronteiras e mulleres en exclusión social dos asentamentos das Rañas e a Pasaxe.
Nº de persoas socias traballadoras: 5 socias traballadoras e unha contratada actualmente. Pola cooperativa pasaron 14 mulleres entre socias traballadoras, a proba e nos programas de prácticas.
Principais fitos acadados: O proxecto e a cooperativa recibiron recoñecementos en varias ocasións. Os máis destacados son:

  • Premios MOCE (2014)
  • Mellor proxecto de Voluntariado da Mutua Madrileña (2014)
  • Mellor empresa de economía social pola Fundación ONCE (2016)
  • Finalistas nos IV premios Ecoembes a iniciativas innovadoras en reciclaxe e sostibilidade (2016)
  • Accésit dos premios Juntas por el Clima (2019)

Web: http://mullerescolleiteiras.blogspot.com/

 

Venres, 28 June, 2019 - 12:30

Compartir