Terra de Trasancos e Rede Eusmo abren o cooperativismo a estudantes de Sergude

Alumnado do CFEA Sergude (Boqueixón) estivo esta mañá nun obradoiro sobre economía social organizado por AGACA na Fundación Terra de Trasancos (Narón).
 
A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.
 

Unha trintena de estudantes de Formación Profesional do centro Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude participou esta mañá nunha charla na que se expuxeron as características do cooperativismo como modelo de negocio con posibilidades de manterse con éxito no medio rural, en calquera rama produtiva ou de servizos.

Enmarcada nun obradoiro “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” da Rede Eusumo, a iniciativa dá a coñecer o cooperativismo a estudantes para que o teñan en conta como opción viable de emprendemento e futuro laboral de calidade.

Técnicos de AGACA imparten a formación, que destaca como valores positivos nas cooperativas a toma democrática de decisións, a distribución equitativa de beneficios ou a diminución de riscos asociados ao emprendemento.

Ademais, persoal de Terra de Trasancos acopañou aos estudantes nun percorrido polas súas instalacións de produción hortícola e as de servizos coma tenda agraria ou perruquería, para aprender o funcionamento diario dunha cooperativa e o que pode achegar ás persoas socias.

Rede Eusumo

A Fundación Terra de Trasancos funciona como Centro Rede Eusumo para a formación e difusión en cooperativismo. Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

Mércores, 27 September, 2017 - 11:30

Compartir