A Universidade de Vigo e Aje Pontevedra lanzan unha nova edición do IN-TEAMS

O martes levouse a cabo a presentación do programa IN-TEAMS para o 2023, unha iniciativa que xorde da colaboración entre a Universidade de Vigo (UVigo) e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra), que se leva a cabo no marco da Rede Eusumo promovida pola Xunta de Galicia.

No acto participou a vicerreitora do campus de Pontevedra da UVigo, Eva María Lantarón, quen salientou que incentivar o emprendemento é unha das responsabilidades que teñen como Universidade. Tamén estiveron presentes o coordinador da Rede Eusumo na UVigo, José María Cancela, e a presidenta de AJE-Pontevedra, María Buceta, quen destacou a importancia que ten para esta asociación xerar sinerxías coa Universidade.

O obxectivo principal deste programa é fomentar o cooperativismo e a economía social e, polo tanto, está aberto á participación de alumnado de máster e doutoramento, estudantes de último curso de grao, integrantes dos grupos de investigación e egresados e egresadas das últimas promocións, así como a calquera persoa que teña unha idea de negocio.

As inscricións realízanse na web de In-Teams, a través dun formulario no que as persoas que desexen traballar sobre unha idea de negocio propia deberán achegar información sobre esta, así como das persoas acompañantes que tamén desexen participar no programa. A data límite para realizar a inscrición é o 31 de xullo.

Antes do 4 de agosto comunicaranse a selección dos participantes e en setembro terá lugar o evento de presentación, onde os equipos serán conformados e asignaráselles unha idea de negocio ou resultado de investigación co que traballarán. A idea máis viable será seleccionada, como destacou Cancela, quen resaltou a importancia do traballo en equipo entre persoas de diferentes perfís.

O programa consta de seis sesións formativas, que abranguen desde o modelo de negocio ata a comunicación e defensa do plan de empresa, incluíndo as particularidades da economía social e as súas formas xurídicas. Os equipos tamén contarán coa orientación de expertos no desenvolvemento de plans de negocio.

Xa en outubro, os equipos multidisciplinares defenderán os seus plans de empresa ante o comité coordinador do proxecto, que os avaliarán tendo en conta a viabilidade do proxecto empresarial, o seu carácter innovador, o seu grao de escalabilidade e madurez, así como o seu potencial para xerar emprego. As mellores propostas serán recoñecidas cun primeiro premio de 750 euros e un segundo de 500 euros.

Fonte: Universidade de Vigo

 

Xoves, 20 July, 2023 - 08:30

Compartir