Xornada sobre RSE nas entidades de economía social

Conceptos como a xustiza, equidade, integración social, dereitos humanos... que se incorporaron ao mundo empresarial a través da responsabilidade social como modelo de xestión empresarial, coinciden plenamente cos principios fundamentais das entidades de economía social que apostan pola persoa por encima do capital social, a repartición de beneficios con criterios colectivos, a organización democrática das estruturas de goberno e a solidariedade coa contorna.

Para falar das vantaxes que a RSE pode achegar ás organización de economía social e para coñecer prácticas de sustentabilidade que xa están a realizar este tipo de empresas en Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, organiza o vindeiro 6 de outubro unha xornada baixo o título de RSE nas entidades de economía social.

O evento será inaugurada ás 9.30h. pola Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús e se iniciará coa conferencia marco A xestión da RSE nunha entidade de economía social. O caso da Adega Martín Códax, a cargo do director xeral da entidade, Juan A. Vázquez. Posteriormente, terá lugar unha mesa redonda de boas prácticas onde Metal Ferrol S.A.L., Fundación Ronsel, Federación Galega de Confrarías, Viña Costeira e TRAMEVE, compartirán con todos os asistentes as súas iniciativas de éxito en materia de RSE.

O evento contará cun espazo de debate especializado onde participarán José Montes, presidente de FEIRACO, Rosa Gutiérrez, directora de RSE de Galega de Economía Social e Carmen José López, presidenta de AJE Galicia e investigadora do Centro de Estudos Cooperativos, que achegarán aos asistentes a súas opinións expertas sobre as oportunidades que a RSE lle ofrece ás entidades de economía social.

No acto será presentado o Manual de RSE en entidades de economía social elaborado pola Xunta de Galicia que ten coma obxectivo facilitar a comprensión dos principais estándares e referencias en materia de RSE, axudando á posta en marcha de actuacións responsables e estratexicamente competitivas por parte das entidades que conforman o sector da economía social en Galicia.

A xornada RSE en entidades de economía social está dirixida tanto a persoas vinculadas a entidades de economía social, como a persoas interesadas na RSE e/ou no modelo empresarial das organizacións de economía social.

Se estás interesada ou interesado en asistir ao evento, podes incribirte a través deste formulario web, no enderezo electrónico rse.economiasocial@gmail.com ou no teléfono 676.531.453. O evento terá lugar na Cidade da Cultura, no auditorio 2 de Centro de Innovación Cultural. Podes consultar o programa en detalle nesta ligazón.

Xoves, 6 October, 2016 - 04:30 to 09:00

Compartir