A Xunta apoia a contratación de 45 persoas en situación ou risco de exclusión social na empresa viguesa de inserción ‘Cormo Integral’
Vigo, 8 de agosto de 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe as instalacións da empresa viguesa de inserción Cormo Integral, beneficiaria dunha axuda da Xunta destinada a manter os postos de traballo de 45 persoas en situación ou risco de exclusión social.
Na visita, a directora xeral comprobou de primeira man o labor da entidade nas áreas de traballos forestais ou medioambientais, xardinería, viveiros ou agricultura ecolóxica. Tamén na asistencia a domicilio, na distribución de téxtil e pinturas, ou nos campos da albanelería, fontanaría, electricidade e carpintaría.
Así, Marta Mariño puxo en valor o recurso que supoñen empresas como Cormo Integral no eido da economía social, de cara a facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas en situación ou risco de exclusión social.
Lembrou que as empresas de inserción son sociedades mercantís ou cooperativas legalmente constituídas que, realizando calquera actividade económica de produción de bens e servizos, teñen por obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social como paso previo ao seu tránsito ao emprego ordinario.
A CONVOCATORIA
A axuda recibida por Cormo Integral forma parte da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada este ano con 1,5 millóns de euros para apoiar a contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. A previsión a nivel galego é mellorar as oportunidades dunhas 170 persoas con dificultade para traballar e facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario, así como sufragar os custos salariais de 14 persoas de nivel técnico ou directivo nestas entidades de inserción.
Como requisito, as empresas solicitantes deberán ocupar o seu cadro de persoal con cando menos o 30% de persoas en situación ou risco de exclusión social.
A liña de apoios, publicada en réxime de concorrencia non competitiva e que se pode solicitar aínda ata o vindeiro 30 de setembro, artéllase en dous programas. O primeiro (1.355.000 euros) está destinado a incentivar a incorporación destas persoas desempregadas, financiando o custo salarial cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. O segundo (145.000 euros) inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración