A Xunta apoia o proxecto Mar de Amicos a través da Rede Eusumo

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou na presentación de resultados e do calendario de actividades de Mar de Amicos. Trátase dun proxecto promovido pola Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar) e a Asociación Amicos que persegue a posta en valor do patrimonio marítimo pesqueiro no Barbanza e a creación de emprego inclusivo e que conta co apoio da Rede Eusumo da Xunta.
O secretario xeral destacou a dobre vertente do programa que, por unha banda, desenvolve accións de turismo accesible e inclusivo no ámbito do patrimonio marítimo pesqueiro a través das entidades de economía social e, por outra, favorece a creación de empregos de persoas con discapacidade.
Este proxecto exemplifica o traballo que se leva a cabo desde a Rede Eusumo a favor da economía social que, ademais de exercer como piar deste proxecto entre Fundamar e Amicos, encárgase de sustentar este modelo económico, divulgar e promover o coñecemento dos seus beneficios entre a poboación e fomentar o cooperativismo en Galicia. Na actualidade, a Rede Eusumo conta con 97 entidades adheridas.
Os obxectivos do programa Mar de Amicos reflicten o compromiso que guía as actuacións do Goberno galego no sector marítimo-pesqueiro, a favor do seu desenvolvemento sustentable, pola mellora da calidade de vida dos seus profesionais e no impulso ao acceso igualitario e sen discriminacións ao traballo neste sector.
Fonte: Xunta de Galicia