A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran para impulsar a economía social

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a investigación, a formación e a divulgación no ámbito da economía social a través do Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop).
Ao longo do 2023 levaranse a cabo diferentes accións que contribúan ao coñecemento e ao avance da economía social en Galicia. Esta colaboración inclúe a promoción da investigación, a realización de actividades de formación, a difusión de resultados e o fomento do coñecemento xurídico e normativo.
Ademais, a Administración autonómica colaborará co Centro de Estudos Cooperativos para desenvolver traballos de investigación e fomentar a participación dos estudantes universitarios en proxectos de investigación ou estudos especializados, na organización de seminarios, así como no deseño e elaboración dun informe sobre a economía social en Galicia, a partir dos datos do ano 2022.
A economía social é unha prioridade para a Xunta, pois xera emprego sustentable e contribúe ao desenvolvemento económico e social nas diferentes áreas do territorio. Con programas como o Aprol Economía Social e o ES-Transforma, a Xunta fomenta a creación e o mantemento de cooperativas co obxectivo de garantir un futuro próspero para o tecido empresarial galego.
Fonte: Xunta de Galicia