A Xunta levou por oitavo ano consecutivo a caseta da economía social de Galicia á feira Culturgal

O sector cultural da economía social de Galicia estivo representado, por oitavo ano consecutivo, na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), que se celebrou a semana pasada no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A caseta de economía social promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade renovou a súa aposta pola visibilización das entidades que conforman o sector, mostrando nesta edición o aliñamento dos seus valores e principios cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a consecución da Axenda 2030.

As entidades que estiveron presentes neste espazo durante esta edición foron: a sociedade laboral DezdeDez; e as cooperativas 7H Cooperativa Cultural, BenCuriosa (Almeiro), Catro Ventos Editora, CRU Producións, Maga de Voz, Miraxe, Miudiño, NOSO, Suseia, Urdime e Xarda.

As persoas que se achegaron á caseta promovida pola Consellería atoparon, ademais das últimas novidades no catálogo das entidades, un espazo integramente construído con materiais reutilizados, reciclados ou con pegada ecolóxica reducida. A caseta tamén contou cunha instalación artística participativa que permitiu ao público exhibir o seu compromiso cun futuro sostible da man da economía social. Ademais, co fin de que a caseta fose sustentable e deixase residuo cero, a Xunta donou as lonas empregadas.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 28 November, 2022 - 09:00

Compartir