A Xunta pon en valor o programa de formación dual que se desenvolve nos Centros Especiais de Emprego galegos

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou nunha xornada de intercambio de experiencias sobre emprego inclusivo, organizada pola Fundación Amadip-Esment e a patronal da discapacidade FoQUA, en Palma de Mallorca. Durante a súa intervención, Toca destacou o programa galego de formación dual dirixido a persoas con discapacidade intelectual, ao que a Xunta de Galicia destina este ano medio millón de euros.
Na súa visita aos centros especiais de emprego da comunidade balear, a secretaria xeral destacou que a Xunta está a brindar oportunidades ás persoas con discapacidade para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados que alternan entre o emprego e a cualificación, e que habilitan para a obtención de certificados de profesionalidade.
O programa de formación dual que se desenvolve en Galicia nos Centros Especiais de Emprego favorece a inserción laboral do colectivo, ao ofrecer ás persoas desempregadas con discapacidade intelectual un contrato para o posto de traballo, exercendo as súas tarefas de xeito presencial con itinerarios formativos adaptados e estables, de tres anos de duración.
Ademais, a Administración galega apoia cada ano a creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego e en empresas de inserción laboral a través de programas como Galicia Emprega Discapacidade - Exclusión Social, dotada no presente exercicio con máis de 3 millóns de euros. Tamén se puxo en marcha o ano pasado un servizo de intermediación avanzado para este colectivo en colaboración coas principais entidades de representación autonómica.
A Xunta da resposta a unha necesidade social esencial, apostando pola integración laboral de todas as persoas no sistema produtivo. Tal e como remarcou Toca, o acceso ao emprego é un "elemento decisivo" para a participación destas persoas traballadoras na economía e na sociedade.
Fonte: Xunta de Galicia