Axudas para o fomento do asociacionismo e a participación das mulleres

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres que se convocan para a anualidade 2024.

Cal é a finalidade destas axudas?

A finalidade é fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Quen pode solicitar estas axudas?

Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os requisitos.​

Cales son as accións subvencionables?

Liña 1 - Poderán ser obxecto de subvención os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, ambos os dous incluídos.

Liña 2 - Poderán ser obxecto de subvención:

  1. As actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.
  2. As actuacións para o apoderamento e participación activa.
  3. As actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres.
  4. As actuacións específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento das vítimas.

Ata cando se pode presentar as solicitudes?

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 10 de maio de 2024.

As solicitudes de subvencións reguladas nesta orde presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Recorda consultar a orde completa antes de facer a solicitude.

 

Venres, 10 Maio, 2024 - 23:45

Compartir